o sur tamén existe

Con… sus sabios clandestinos, su canto de sirenas, sus predicadores, sus dueños de la tierra, con todos sus laureles, y sus enciclopedias… el norte es el que ordena (Mario Benedetti)

GaliciaBuenCamino

…Pero aquí abajo, abajo, que todo el mundo sepa, que el Sur también existe.

Cando Benedetti fala de fame, de morte, de desmorrer e desvivir, de asirse á esperanza, dunha fe veterana…, resulta banal citalo nun blog de gastronomía.
Pero, no fondo, e ao falar de norte e Sur, todo é o mesmo.

Meditei moito sobre esta entrada e antonte tiña decidido non publicala.

No resumo que fixo a telegaita de todos os galegos do acto de apertura do curso político por parte do PP do pasado 1 de setembro na Carballeira de san Xusto, escoitei unhas palabras de Núñez Feijoo (presidente de todas as galegas e galegos) nas que facía referencia a algo así como que en Galicia non existe norte e sur (non lembro textual pero por aí ían os tiros).
Foi cando pensei que cando o río soa…
Hai marexada de fondo e todo o que vén a continuación nin é invención nin tampouco pataleta.

Quen di norte, di embigo do mundo, e tanto ten que xeograficamente estea un chisco máis arriba ou uns metros abaixo, as coordenadas non importan, o embigo sempre vaia estar alí onde están aqueles que marcan o lugar onde está o embigo do mundo.
É lei física, a brúxula que marca a situación do norte sempre vai sinalar o norte.

O mundo actual é economía, é capitalismo.
O difuso concepto de norte, de poder absoluto, está alí onde estea a non menos imperceptible idea de ‘capital’.
E, no norte, hoxe, un dos motores da economía é o turismo, o trasvase de xentes dun lugar a outro guiados pola simple motivación de lecer.
E movémonos por modas, e as modas veñen marcadas por intereses; así, todo aquilo que recomendan os medios, os gurús, internet, a publicidade, os políticos, as guías…, vai levar á maioría alí onde eses intereses queren que vaiamos.

O día que comimos en Casa Ríos O Freixo (ver entrada) descubrín unha publicación que non coñecía, a guía de restaurantes de España da revista CN Traveler España.
As guías gastronómicas marcan modas; e os que desconfían das todopoderosas (a Vermella), procuramos información debaixo das pedras, nos recunchos máis modestos e insospeitados.
Busquei información, e semellaba de garantías. As recomendacións galegas (e as de Asturias, a Mancha, Extremadura), viñan da man de Jorge Guitián (O Gourmet de provincias co seu can gastrónomo), ao que sempre lle dediquei especial devoción.
Despois dunha primeira análise atopo e anoto varias novidades con boas perspectivas para unha próxima visita.
Logo, mergullando un pouco máis, saltan as sorpresas e as alarmas.
Por exemplo. As recomendacións de restaurantes na provincia de A Coruña superan en número aos locais do resto de Galicia enteira: restaurantes recomendados na provincia de A Coruña, 21; en Pontevedra, 12, en Lugo, 4, en Ourense 3 (total 19).
Por exemplo. Na cidade de Coruña aparecen 8 restaurantes destacados, en Santiago outros 8… Na cidade de Lugo 3… na de Pontevedra 2… en Ourense 1… en toda a cidade de Vigo 1. Oito… fronte a 1?
Por exemplo. En Vigo o único restaurante que aparece é un asiático (Purosushi). Nada de todo o que se move na actual cociña da cidade olívica; por non estar, nin sequera Rafa Centeno e o seu Maruja Limón (estrela Michelín).
Máis? Os restaurantes na cidade de A Coruña triplican ao total de restaurantes das outras tres capitais de provincia xuntas (oito fronte aos tres de Lugo, aos dous de Pontevedra e ao único representante da cidade de Ourense). Entre Coruña e Santiago dobran ao resto das grandes cidades galegas.
Outro? Etiquetar, en 2018, a Roberto e Marta de O Balado ou a Gerson Iglesias do Ruxe como ‘emerxentes’, non raia mesmo no insulto ou desprezo cara a dous cociñeiros máis que consolidados?
Por certo, o Ruxe Ruxe xa non existe. Nunha das súas decisións sorpresa Gerson Iglesias pechou todos os seus proxectos en Vigo para volver ás raíces, a Ourense, a facerse cargo da Adega das Caldas

Unha guía cos datos expostos, responde realmente á fotografía fidedigna da actual gastronomía galega?
Moito me temo que non.
Empezan a imaxinar xa por onde van os tiros?
De onde vén a guía?, existe realmente norte e sur?, onde situar cada un deles?

Pero, no fondo, cada quen fai cos seus cartos o que lle peta e unha guía particular pode recomendar os restaurantes que estime oportunos.
Máis discutible é o nome que lle dan a esa guía, que digan que se trata dunha ‘guía de Galicia’ semella algo, cando menos, chocante. Quizá, e visto o visto, sería máis oportuno bautizala como a guía gastronómica da ‘provincia da Coruña e arredores’?

Xa digo, as empresas privadas poden responder a intereses, resultar sesgadas, facer publicidade de quen lle pete. Moito máis discutible é a utilización que se lle dá aos meus diñeiros, a eses cartos públicos que, hoxe por hoxe, ten que xestionar aquel home que mencionamos ao principio e que defendía que en Galicia non existen norte e sur.

O mesmo día da comida en Outes acabamos facendo cola para ver a restauración do Pórtico da Gloria. O valado que marca o transcorrer da cola está xalonado de carteis publicitarios do organismo oficial Turgalicia. Carteis publicitando as praias, faros, bosques, santuarios máxicos, patrimonio oculto… A través dun Código QR podes acceder a toda a información de cada un dos conxuntos na web de turismo de Galicia (turismo.gal). Por simple curiosidade, para pasar o rato, fago a captura do cartel que promociona, e é textual, o Top ten (os dez lugares únicos de Galicia).
E cales son eses dez lugares? Pois, tamén textual da páxina da Xunta de todas as galegas: ‘marabillas naturais como as Ilas Cíes ou os acantilados de Vixía Herbedeira, monumentos Patrimonio da Humanidade, como a Muralla de Lugo, a Torre de Hércules ou o Camiño de Santiago e o seu Casco antigo, pola súa beleza arquitectónica e paisaxística, como a Ribeira Sacra ou o Ferrol da Ilustración, e outros lugares non menos especiais polo seu valor mitolóxico e histórico como o cabo Fisterra ou o Castro de Santa Tegra’.
En fin, outra vez nas mesmas… A maioría das ‘dez marabillas galegas’ (seis de dez) corresponden á provincia de A Coruña; as outras tres provincias, Lugo, Ourense, Pontevedra, temos que repartirnos as cinco restantes (considerando o Camiño compartido polas provincias de A Coruña e Lugo).

Non vou discutir o que sobra, e moito menos o que falta, pero resulta obvio que algo falla na selección. Resulta sesgada, pouco equilibrada.
E a cuestión de fondo: os erros, as eivas, son inocentes?, son simples casualidades?, carecen de intencións ocultas?
A función dun organismo como Turismo de Galicia é, obviamente, captar turistas para que veñan a Galicia.
E digo, a… Galicia…, ou á provincia da Coruña?

Haberá quen dirá que o que aquí escribo resulta esaxerado, chauvinista, localista, interesado, que se trata de pura envexa, que afonda nes gretas norte-sur que o señor Presidente se emperrencha en negar (A Coruña-Vigo?, A Coruña-resto de Galicia?).
Pero non. Os datos están aí, son datos e calquera pode contrastalos. Son dous exemplos pero sen meter moito o fociño na merda poderiamos atopar outros mil máis.
Son realidades.
E si. Estamos a falar de norte e sur, de poder, de economía, do embigo de Galicia, dese efecto Pigmalión segundo o cal se a propia Xunta de Galicia repite mil veces que o corazón turístico de Galicia está na Coruña, o turista acabará por centrarse na Coruña e, en efecto, a Coruña pasará a ser o primeiro destino turístico de Galicia.

Por certo, Turismo de Galicia ten categoría institucional de ‘Axencia’ e depende directamente de Presidencia.
Ah!, e que non se nos pase, a páxina web en cuestión, a de Turismo de Galicia, está subvencionada con fondos Feder. Non só cartos de todos os galegos senón de todas as europeas.

Por todo iso pido que paren xa, que non nos enganen máis.
Desde aquí propoño que ese organismo que pagamos todas as galegas –eu tamén, e ti, se es europeo, tamén– pase a denominarse Turismo da Coruña e bisbarras.

Pero aquí abaixo, abaixo, e que todo o mundo o saiba, o Sur tamén existe.

Etiquetado en: , ,

Translate »