o silabario en tui

O primeiro que chama a atención do restaurante Silabario é a súa ubicación nunha, case, travesía de entrada a Tui, localidade que, agás o histórico Cabalo Furado e as estratosféricas angulas, non gozou de demasiada sona gastronómica.
Restaurante Silabario Tui 2O segundo, o feito de tratarse do restaurante do Hotel Colón, moda esta cada vez máis estendida e con antepasados tan ilustres en Galicia como Rotilio.
Terceiro: a impresión un tanto desleixada do contorno, esfúmase como por arte de maxia cando entras no local. Accedes a el através dun corredor algo escuro, adega á dereita, parede decorada á esquerda, explosión de luz ao fondo procedente da cociña, pechada (quizá mellor aberta) a base de cristaleiras.

Restaurante Silabario Tui 3Restaurante Silabario Tui 4Restaurante Silabario Tui 7Restaurante Silabario Tui 5

A sala non é demasiado ampla, seis ou sete mesas, pero, entre o enorme ventanal dun lado e o gran espello no contrario, dan unha agradable sensación de amplitude e luminosidade. Decoración mínima, equilibrada, xusta, relaxante, con algún que outro retrinco ás sinaturas internacionais do deseño intemporal (lámpadas Tolomeo, sillas Eames).

Restaurante Silabario Tui 10Restaurante Silabario Tui 13Restaurante Silabario Tui 40
Servizo serio, profesional, atento, sen concesións innecesarias. De cando en vez asoma polas mesas Alberto González en persoa para dar o contrapeso cunha actitude moito máis informal, próxima, atreveríame a dicir que alegre, divertida. Tanto lle ten servir un prato como explicar que preparou os mexillóns con tomiño-limón, variedade de tomiño que ten no seu herbolario particular e caracterizado por un agradable oloriño de mestura propia con limón.

Comezando en todo caso por unha degustación de aceites e sales e polos aperitivos do día, e pechando cos petits Fours temos o menú de degustación (5 pratos e 2 sobremesas, 42€), o menú de verán (3 pratos e 1 sobremesa, 29€), e o menú á carta, con oferta ampla e variada de cociña galega moderna e moi fresca.
Produtos de primeira tratados con moito agarimo e fundamento.

Adega suficiente con atención especial aos nomes galegos aínda que con pequenas eivas. Pedimos un ribeiro de Arnoia: un Viña de Martín, Escolma. Ben pero non cumpriu nin coas espectativas creadas pola recomendación nin co prezo. Resultou bastante pechado e, para min, non para os demais, cun leve fondiño ao corcho.

Ao contrario que nos aceites, si nos sorprende a proba de sales. A  verdade ningún dos catro temos moi claro o xeito de catar a sal. Se diluída nun dos aceites…, se así sen nada, a pelo…, se sobre as tostas de pan, por certo, unhas delas, pois son de varias feituras, cun acusado toque afumado que pode resultar suficiente i enmascara os aceites.

Os aperitivos do día consisten nun mexillón ao tomiño-limón con escuma de apio, moi rico, mesmo para min que non son de mexillóns de batea, e unha sopa de tomate con parmesán e abelás, fantástica, agora que está tan de moda imitar os gazpachos e , esta resultou moi suave pero saborosa, moi boa.

Tataki de bonito do norte, con allobranco e froitos secos. Sen dúbida, para min, o prato do día. Nuns tempos nos que o xaponés e o bonito cru están tan ao día, agradécese o aire como de escabeche clásico que suma sabor e textura. Un deses extraños bocados con capacidade para sorprender e permanecer na memoria.

Bacallao na grella coa súa brandada cremosa e pementos de padrón. No caso de Merce, por incompatibilidade co bacallao, Sardiña ao grill con tosta de pan de millo, tomate rama confeitado e albahaca. Desde a cualidade do bacallao á confeitura de tomate, todo impecable.

Paletilla de cordeiro de leite asada moi a modo con chícharos tenros e mostaza de uva. Ocórreme sempre; chego a estas alturas un tanto saturado e cústame centrarme. É problema meu; non son de moito comer e estes son os momentos nos que ás veces renego dos menús. En todo caso moi ben pero ración algo excesiva no contexto do menú.

 A sobremesa principal consiste nunha crema de leite e arroz, caramelizada, con sorbete de limón e zume de laranxa. Foi o contrapeso necesario para arrefriar os estómago (que non os ánimos), alixeirar a comida e abrir espazo aos petits frous que nos traen co café: unha tella, unha trufa de chocolate e unha copa doce. Completamos a bacanal dos doces con dúas copiñas de viño de Porto Seara, un Vintage de 2004 e un Special reserva. Son estes pequenos detalles os que están a facer de min un lambón como xamais soñara de min mesmo.

Restaurante Silabario Tui 33Restaurante Silabario Tui 36Restaurante Silabario Tui 41

Gustoume o Silabario, moito, tanto como para repetir cando cambie ao menú de outono (xa coñecedes o meu criterio de valoración: volver necesariamente, volver en caso de necesidade, non volver nin en caso necesario).
De ter que apoiar cunha opinión global e cun toque de humor, ocórreseme que xa poden andar con ollo os ‘vellos nove’, que traen detrás a toda unha restra de novos cociñeiros que entran empurrando máis que forte. En casos como este faime un pouco de graza cando dun cociñeiro que preparou esta comida de hoxe, dise que ten un futuro moi prometedor.
Todo o que vos conto de Silabario non é futuro, é presente, e moi presente!
Restaurante Silabario

Alberto González Preicic

r/ Colón 11 Tui  (36700)

Teléfono: 986 607 000

Fax: 986 600 327

Web: www.restaurantesilabario.com

E-e: info@silabario.com

XPS: 42º02’58’’N  8º38’50’’W

Localización en Maps de Google

Michelín: Recomendado

Verema: 8,1 (1)

Un pensamiento en “o silabario en tui

  1. Anônimo

    Encantoume o local a comida e o servizo moi agradable e correcto. Como para repetir.


Translate »