o poboado mineiro de fontao

En Fontao (Pontevedra), e para mellorar as condicións de vida dos traballadores da mina de volframio, construíuse, a principios dos 50, todo un poboado seguindo as normas da arquitectura moderna.

MapaFontao

Trátase dunha zona rica en visitas turísticas. Ademais de Fontao e das vilas máis grandes (Silleda, Lalín, A Estrada…), podemos aproveitar a excursión para achegarnos ao mosteiro de Carboeiro, á fervenza do Toxa, ao Corpiño…
Cada quen ao seu gusto e segundo os seus intereses.

Estamos na Galicia de principios dos anos 50. Atrás quedan as guerras Civil e Mundial; o mercado do volframio dá os seus derradeiros estertores e sobrevive cos conflictos asiáticos (Indochina). En España manda Franco. A arquitectura ‘oficial’ é a típica dos estados totalitarios: construcións faraónicas, impersoais e ramplonas malamente inspiradas na linguaxe clásica. A arquitectura (a cultura en xeral, a economía, a política, a sociedade…) vive de costas ao que está a pasar no mundo enteiro: as referencias a unha ‘arquitectura moderna’ queda reservadas a un puño de arquitectos e aos afeccionados máis interesados.

Pero, precisamente, por esta fenda de iluminados e polo proxecto que se deu en chamar ‘poboados de colonización’ (INC), foi por onde se coaron algunhas das xoias arquitectónicas que rachaban co estilo dominante na triste España dos cincuenta entrando de cheo no movemento moderno.

vegaviana

A economía de postguerra esixía unha profunda transformación do espazo produtivo coa reorganización e reactivación do sector agrícola que conducise ao incremento da producción mediante o aumento das terras de labor e a mellora dos sistemas de rego.
E todo ese esforzo quería man de obra. E á man de obra había que darlle vivendas e servizos básicos. O resultado foi a construción de pobos ‘novos’ por toda a xeografía do centro e sur de España (A Mancha, Extremadura, Andalucía…), moitos deles coa liberdade arquitectónica suficiente para idear algo diferente.
Nomes como os de Alejandro de la Sota, Carlos Arniches Moltó, Fernando de Terán…, deron vida a localidades como A Vereda, Cañada de Agra, Rada, Algallarín, Vados de Torralba…
E, sobre todos eles, un nome destacado, o de José Luis Fernández del Amo con algunhas das imaxes máis repetidas nos tratados que analizan este período da historia da arquitectura española: as de Vegaviana (Cáceres).

Poboado Mineiro de Fontao 01

Sen formar parte específica do proceso de colonización agrícola, o poboado mineiro de Fontao si se alimenta deste contexto para dar como resultado un atípico conxunto arquitectónico no máis profundo da Galicia dos cincuenta.

O arquitecto, César Cort, era fillo do propietario da mina e gracias a isto puido levar á práctica o seu proxecto de fin de carreria. Logo, para a concreción contaría coa colaboación do arquitecto pontevedrés Basilio Bas.

O conxunto de vivendas que substituiron aos barracóns de madeira (hoxe rehabilitadas e adxudicadas pola Xunta dentro dos seus plans de vivendas sociais) vense completadas pola igrexa, a escola, a vivenda do mestre, o cine e os espazos verdes comúns que articulan o proxecto e entre os que non falta o campo de fútbol.

Poboado Mineiro de Fontao 12 Poboado Mineiro de Fontao 25

Poboado Mineiro de Fontao 18 Poboado Mineiro de Fontao 16

Poboado Mineiro de Fontao 37 Poboado Mineiro de Fontao 41

Imaxes que hoxe non chaman a atención eran absolutamente revolucionarias nunha España que aínda vivía baixo a influencia da postguerra.
Entre as construcións, e como elemento diferenciador da época, destaca o esmero no deseño da igrexa. O campanario (que tamén funcionaba como aviso en caso de accidente ou voladura controlada) separado do edificio, a orientación cara ao oeste e coa fachada traseira (altar) en vidro, os volumes simples, o atrio, e, sobre todo, os xogos de iluminación.

Poboado Mineiro de Fontao 24 Poboado Mineiro de Fontao 31 Poboado Mineiro de Fontao 35

Poboado Mineiro de Fontao 30 Poboado Mineiro de Fontao 36

Mágoa que na rehabilitación convertesen o interior da igrexa no museo da mina. Sería moito máis interesante segundo a decoración orixinal de lugar de culto.

Poboado Mineiro de Fontao
Fontao, Vila de Cruces, Pontevedra
GPS: 32.758759N, 8.229008O
Aquí podedes ver o espazo dedicado a Fontao na web Arquitectura de Galicia.
Enlace ao traballo sobre fontao na web da Fundación DOCOMOMO ibérico.