un templo das carnes

Ademais de entrantes e sobremesas, que non desmerecen en nada a famosa carne, o restaurante asador O Pazo (Padrón) pasa por ser un dos grandes templos do vacún en Galicia.

Restaurante O Pazo 02

O local é agradable, clásico e sinxelo, con decoración na que manda o revestimento das paredes con ladrillo visto, cun certo aire a asador castelán.
Servizo próximo e atento, moi agradable.
Na carta destacan as entradas, as carnes e as sobremesas; algo máis débil, mínimos imprescindibles, o peixe (tampouco pretenden outra cousa).
Importante carta de viños con digna representación da maioría das DO.
Esmerado interese por coidar todos os detalles para satisfacer aos máis esixentes.

Restaurante O Pazo 29

Entre os entrantes podemos citar un Polbo asado (15€), o Foie con porro (16€), a Vieira con puré de pataca ao tuétano (14€) ou a Seta de cardo en espagueti á carbonara (18€).
Estamos na tempada do atún vermello, así que o presentan en Tartar (18€), ou na brasa (26€). Ademais, uns Carabineiros con arroz meloso e na brasa (29€) o bacallau ao pil-pil dos seus callos (22€) ou o peixe do día.
E, claro, as carnes. Agás o bacoriño (25€) todas son carnes de vacún sometidas a diferentes tempos de maduración a temperatura constante arredor dos cero graos; atopamos a Tenreira galega suprema (chuletón 35€/kg, entrecosto 19€ e solombo shot de mostaza 22€), o vacún maior galego (chuletón 52€/kg, entrecosto 55 €/kg e solombo con setas e boniato 25€) e, por último, o chuletón de boi galego de traballo (con certificado de nacemento e sacrificado) a 120€/kg.
A clave das carnes, un forno Josper (artiluxio entre forno e brasa que traballa a temperatura constante arredor dos 300 graos e, deste xeito, mestura as vantaxes do asado a alta temperatura cos dos braseado, selando a carne por fóra, mantendo a súa textura e zumes, e sumando o aroma do fume).

Restaurante O Pazo 13Restaurante O Pazo 14

Comezamos cun vermut Petroni (relacionado co restaurante) e os aperitivos incluídos no servizo: olivas aliñadas, manteiga fumada, degustación de aceites, tartar de navalla e croqueta de lamprea. Posta en escea peculiar e fantástica.

Restaurante O Pazo 15Restaurante O Pazo 16

Para os entrantes optamos por dúas racións de Alcachofa sobre guiso de pata de tenreira e outras dúas de Chícharos do Maresme con ovo fritido na brasa (e trufa por riba). División de opinións; entre os seis que estabamos, a metade destacamos as alcachofas e a outra metade os chícharos; en calquera caso, os dous a un alto nivel.

Restaurante O Pazo 17Restaurante O Pazo 18

E de prato, loxicamente, catro racións de mestura de carnes (para cada un: un anaco de entrecosto e outro de solombo tanto de tenreira galega suprema como de vacún maior galego; un pouco de bacoriño e chourizos). Parto de dúas puntualizacións: non son ningún experto na degustación de carnes maduradas e cada vez me tiran menos os grandes trozos de carne magra; malia todo, esta mestura do Pazo axuda á miña  reconciliación coas carnes. Sen diferenciar unhas doutras, dicir que todas elas destacan pola perfecta cocción (ben marcadas por fora e vermellas e zumentas por dentro), pola textura, polo macias que estaban, polo oloriño a fume… polo seu exquisito sabor; ao ser anacos variados e non moi grandes non chegaron a cansar o eu padal. Para os amantes das carnes, paga a pena unha visita ao Pazo.
De acompañamento, unha pataca e un pemento vermello ao forno que empurran ás mil marabillas pola carne.

Restaurante O Pazo 21Restaurante O Pazo 22Restaurante O Pazo 23Restaurante O Pazo 24

O menú de sobremesas a altura do resto da carta: Arroz con leite caramelizado e trufa (10€), Ananás na brasa, Bomba de chocolate (7€) ou o carriño de queixos granxeiros (12€). Pedimos cada un o seu doce repartido entre o Cremosiño de queixo con framboesas, Milfollas, Torta de Santiago e as Fresas con nata. Tamén división de opinións no destaque da sobremesa mellor valorada; no meu caso si que non teño dúbidas: o meu milfollas de crema e merengue queimado é deses doces polos que es quen de ir á fin do mundo.

Restaurante O Pazo 25

Cos cafés, unha aplaudida selección de catro bombóns caseiros.

Somos seis. Bebemos unha botella de Pago Florentino 2013 (Castela-Mancha) e un Vallegarcía 2012 (a partir de syrah, tamén viño de pago neste caso DO Terras de Castela). Mellor viño o segundo pero gustou máis o primeiro; en ambos casos viños bos e contundentes para acompañar o menú.

Restaurante O Pazo 12

Pagamos 50€ cada un. Penso que está ben. Tendo en conta o nivel xeral da oferta (ambiente, atención…), a calidade e elaboración da comida e todas as ‘delicadezas’ que teñen para cos comensais, pareceume un prezo equilibrado.

Restaurante Asador O Pazo
Óscar Vidal
Lugar de Pazos s/n
15917 Padrón (A Coruña)
981 81 15 07
www.asadoropazo.com
GPS: 42.756453N  8.652410O
Cociña: mercado, carnes
Prezo: medio 55€. Menú degustación 60€; menú 20€
Peche: noites de domingo a xoves; segunda quincena xaneiro
TripAdvisor: número 1 en Padrón
Repsol: mencionado