o paspallás: un restaurante simpático

Paspallás: pequena ave da orde das galináceas, de ás puntiagudas, cola curta e pluma parda. Cando chega o verán é moi común nos campos galegos, e aquí permanece ata o outono, momento no que emigra a África.
O restaurante O Paspallás, en Vilanova de Arousa, é un local simpático. Claro que o calificativo de ‘simpático’ non aporta moita novidade pois vai ter unha relación moi directa co sentido do humor de cada quen. É como aquel que di que tal restaurante lle resultou distinto, sorprendente ou o sempre socorrido ‘curioso’.  Así, despois de seguir unhas poucas guías portuguesas, recomendo certa cautela cando unha delas define un local como ‘simpático’; normalmente responde á falta doutros méritos e na paspallas1 maioría das ocasións hai que asocialo a locais tipicamente portugueses, case do máis rancio de Portugal.
Se utilizo a definición de simpático para o Paspallás é, un, porque me gusta o nome, paspallás é unha desas palabras que fan do galego unha lingua única, merecedora de todos os nosos esforzos para loitar pola súa conservación; xa vedes, é unha palabra sonora, harmónica, fermosa, contundente; dous, porque tamén me gusta o animal, en función do momento, voando polos nosos ceos de verán, pero tamén na cazola, talvez en escabeche, e tres, porque todas as veces nas que fun comer ao restaurante O Paspallás, e á parte de comer, paseino moi ben, en cada ocasión puidemos escachar cos risos. A parella de Mª Teresa Otero (cociñeira) e Dante (sala) é curiosa (particular, distinta, inhabitual). Unha, ela, seria, rolliza, pouco faladora, algo distante, coas reservas propias dos illeiros, neste caso da mesmísima Illa de Arousa… pero ten unhas mans de ouro; el, unha especie de dandy polifacético que semella acabado de desembarcar do iate, falangueiro e latinoamericano ata os mesmos miolos, fala polos cóbados cunha verba quen de encantar as serpes máis intratables. Coñecéronse na emigración, creo lembrar que en Suíza, e no 85 recuncaron nesta Vilanova de Arousa e abriron o Paspallás. A última vez que comimos alí, a finais do verán pasado, Dante xa comezaba a falarnos de cansazo e de peche; as insinuacións de que nos quedan cada vez menos oportunidades de gozar no Paspallás eran máis que veladas.
De termos que definir a cociña de Mª Teresa Otero diría que se trata, en primeiro lugar, dunha cociña de mercado: cada día nos ofrece os peixes que ese día se deron mellor na ría de Arousa. En segundo lugarpaspallas5 falaría da sabedoría innata, das técnicas aprendidas, do saber facer acumulado durante moitos anos, unha cultura con raíces fortemente asentadas na tradición galega, pero ampliada e mellorada a través das súas andainas por ese duro mundo da emigración. E, xa para rematar, aínda que ben podería estar no primeiro lugar, a paixón pola cociña, ese amor polo oficio que leva a Mª Teresa a investigar e crear, a coidar con meco a pequena horta que amosa con orgullo aos elixidos e que produce moitos dos vexetais e das herbas que logo enriquecen as súas elaboracións, a enfadarse e berrar desde a cociña porque se lle pasa o punto a un prato por culpa de que Dante se enrolla de máis cos clientes dunha das mesas.
O menú pode consistir en calquera dos entrantes sorpresa (medallóns crocantes de queixo emental, caballa escabechada con verduriñas e xelatina de polbo), o peixe da ría do día (para isto podemos deixarnos recomendar tanto pola especie como pola preparación, á espalda, no forno, e sal, etc.) e para a sobremesa calquera dos preparados que fai cada día a cociñeira e que, sexa o que sexa, podo confirmalo, está para chuchar coa lingua directamente no prato.
Porque isto é O Paspallás. Mª Teresa na cociña a cociñar, e Dante na sala a contar as súas batalliñas a pouco que lle deas pé. Así, nin a ubicación un tanto arrevesada, nin o servizo, atento e simpático pero distante do que recomenan as normas, nin o local, simple, clásico, fóra das modas, decorado sen pensar demasiado en cores bastante rechamantes, conseguen afear o resultado dunha boa comida no Paspallás.

O Paspallás – Mª Teresa Otero
Enderezo:   A Cerca 46 (estrada de Vista Real)
Localidade:   Vilanova de Arousa (36620)
Teléfono:   986 555 221
E-e:   —-

Blog:   http://restauranteopaspallas.blogspot.com/
XPS:    42º 34′ 00″ N / 8º 49′ 17″ W
Localización en Mapas de Google
   
Repsol10: Mencionado

Posted in pontevedra, restaurantes, salnés and tagged , , , .