o melhor cabrito assado destes últimos anos

Comida fantástica, refeiçoes baratas. Uma boa e típica opción em Amarante. Marabilloso restaurante familiar. Um fantástico restaurante local e caseiro. O bom cabrito degústase na Taberna do Coelho. Obrigado Filipe.

Taberna do Coelho 04 Taberna do Coelho Cabrito

As opinións que se poden ler por Internet adiante non deixan lugar a dúbidas. Había que ir e, tamen, opinar: a Taberna do Coelho, nos arredores de Amarante, é un local rural, de comida tradicional, na que a especialidade, o cabritiño asado no forno, crea adición. Os prezos son, tamén, de tipo rural: moi lonxe das zonas turísticas e do auténtico valor da súa cociña.

Chegamos, unha vez máis, grazas á que nos últimos se está a converter na nosa particular biblia da comida tradicional portuguesa: a publicación Tascas e Petiscos de O Expreso. A Taberna do Coelho está entre os locais que recomendan os chefs portugueses. En concreto trátase dunha suxestión de Vitor Matos, do restaurante Antiqvvm de Porto (estrela Michelín no seu momento na Casa da Calçada e agora neste exitoso local propio). O xeito de invitarnos non deixa lugar ás dúbidas: ‘Destaco, das entradas e petiscos, a bola de carne, as migas, os cogumelos… O seu ponto forte é o cabrito assado, que é um dos melhores da regiao’.

tascasepetiscos

Pero Vitor Matos non quedaría aí.
Como nos contaba Filipe Coelho nunha agradable sobremesa cos compañeiros de comedor (dous matrimonios portuenses e unha familia de Valladolid; todo comezou cunha anécdota de fútbol), ‘o melhor chef de Portugal comeu o meu cabrito’. Refírese á visita que fixo á Taberna José Avilhez, levado por Vitor Matos (Filipe ensina con orgullo a foto dos tres xunto ao cartel de Taberna do Coelho), en febreiro de 2018. Logo, Vitor Matos publicaba no seu Facebook a referencia á visita; é aquí onde pronuncia a frase que eu ben podería asumir como propia (a segunda parte, claro): ‘Comida na Taberna do Coelho en Amarante con Jose Avillez onde comín o mellor cabrito asado destes últimos anos’.

Taberna do Coelho 05
Taberna do Coelho 06Taberna do Coelho 07
Taberna do Coelho 08Taberna do Coelho 10

Os entrantes aparecen de xeito moi particular: nunha táboa de madeira circular que xira sobre o seu propio eixo para que todos os comensais poidan acceder a todos os pratiños. O número de petiscos depende da cantidade de comensais e a variedade do vento que sopre para a persoa que os prepara.
A nós tocáronnos un bolo de chourizo, os cogomelos de cebolada, sarrabulho de cordeiro e chourizo, tamén, con cebola. Noutras mesas vemos pataniscas, xureliños que semellan en escabeche, as migas, algún salteado, etc.
Todo moi bo, moi auténtico, moi tradicional.
Por simple cuestión de novidade destaco o sarrabulho. Había tempo que quería probar esta especialidade do norte de Portugal pero, sabendo que o ingrediente base é o sangue, que é o que lle dá nome, nunca me atrevín a pedilo como prato por un ‘por se acaso’; un dos xeitos máis tradicionais de comelo é con arroz: o clásico arroz de sarrabulho.
No noso caso eran papas de sarrabulho, ou sexa, sen arroz; pero si con sangue, e con miga de pan, e cos condimentos correspondentes…, e, por suposto, a base de carne; é típico o sarrabulho de galiña, tamén o de porco; ou de galiña e porco mesturados; nesta ocasión estaba feito co propio cabrito; en calquera dos casos, do que se trata é de

aprobeitar os miúdos do animaliño correspondente (o fígado, os bofes, as moelas, o corazón…).

Unha vez probado, teño unha valoración clara: comín, sen ningún espavento, o petisco completo que viña para os dous; non vou dicir que se converte nun dos meus bocados favoritos, pero tampouco lle poño a cruz que se podería supór despois de coñecer os ingredientes.

Taberna do Coelho 11 Taberna do Coelho 14

Pero, claro, á Taberna do Coelho vénse a polo cabrito.
Asado, ben torradiño, tenro, moi, moi saboroso, con variedade de acompañamentos espectaculares…, todo para acompañar ao mesmísemo Vitor Matos na súa valoración: o mellor cabritiño asado en moitos anos. Sen dúbida compensou a paliza da viaxe no día desde Vigo.
(E tamén bacallau, vitela, porco bísaro, etc.)

O resto, case son anécdotas. Os catro pratiños de entrantes (entre 1.5 e 2.5 euros); variedade de sobremesas doces (tamén froitas que, laminadas, é a suxestión da casa para arrastra a graxa e o poder do cabrito), entre os 2.5 e os 3€; compartimos unha. Entre a limitada oferta de viños, decantámonos por un tinto maduro da casa (cantara de cuarto litro), barato 2€ e perfecto para ir da man do cabritiño; o propio cabrito, non sei se unha dose, se media, se dúas…, en todo caso unha boa tigela e abundantes acompañamentos, por 22€; auga e un café. O total non chegou aos 20€ por persoa.
Globalmente, co broche do prezo, pareceume espectacular.

A orixe da excursión estaba na visita ás ruínas romanas de Tongobriga, no lugar de Freixo (pertencente á rede de Aldeias históricas de Portugal). Visita interesante, tanto polas ruínas como polo paseo pola aldea de Freixo.

Tongobriga Ruinas Romanas 3   Tongobriga Ruinas Romanas 9

Tongobriga Ruinas Romanas 15   Tongobriga Ruinas Romanas 25

Tongobriga Ruinas Romanas 26   Tongobriga Ruinas Romanas 31

Pero, claro, estando en Marco de Canaveses (as ruínas están en Freixo e Freixo pertence a Canaveses), e malia todo o anterior, o día quedaría orfo sen unha revisita á igrexa de Santa María. Falamos dunha das obras cumes de Álvaro Siza, considerada por moitos, tamén, e a nivel mundial, coma un dos cumes da arquitectura relixiosa do século XX.

Siza Canaveses 7Siza Canaveses 9Siza Canaveses 11Canavezes Interior

Taberna do Coelho
Rua da Boavista 393, Cepelos
4600-052, Amarante
255 422 664 / 918 609 180
GPS: 41.260333N,  8.083383O
Facebook
Cociña: tradicional
Prezo: 15-20€
Peche: luns, martes, mércores, xoves; domingo noite