o furancho de pancho

Dentro desta categoría de ‘furanchos’ reconvertidos á legalidade, o de Pancho, en Refoxos (Cambados), destaca pola súa carta (diferente e ampla) e pola variedade e o agradable dos seus espazos.

O Furancho de Pancho 1

Hai tempo que veño reflexionando sobre o tema e creo telo xa bastante claro: no tocante á bondade dos chamados ‘furanchos’ (hoxe, a maioría, reconvertidos ás esixentes normas da Xunta e transformados en bares ou tabernas, cos seus rexistros e a totalidade de carimbos en regra), todo se reduce a unha cuestión de gustos.
En calquera deles pode saír un día espectacular… e chegar a tardiña seguinte, nese de toda a vida que tanto che gusta, ou que ten tanta sona, e resulta que, por motivos puntuais, hoxe non hai quen coma a súa espléndida tortilla; porque está seca por pouco ovo, ou pasada, ou demasiado crúa, ou sosa, ou salgada, ou co sal sen repartir e bocados sosos e bocados salgados, ou máis alta do normal…
En fin, resulta que a cociñeira ou cociñeiro titular está de descanso e hoxe toca o suplente, que ten unha man totalmente distinta para a tortilla (prato que, coma ningún outro, redúcese a iso, a unha cuestión de ‘man’ e non de receita matemática). Ou o cociñeiro levantouse revirado e hoxe non ten o día. Ou que o que ten hoxe un humor de ferreiro es ti, porque o vento non permitiu ir á praia, ou porque o sol quentaba demaisado, ou porque pola tarde perdeu o Celta.

Certo que hai unha serie de funanchos ao longo e ancho da nosa xeografía local que teñen unha sona xeral mellor que outros, son máis populares e, vaias cando vaias, sempre están ata a bandeira. Como exemplo abonda pasar calquera día por Covas e ver claramente catro ou cinco dos arredor de quince, que sempre teñen máis coches á porta; hainos, tamén, que noite tras noite semellan un deserto. Este feito ten bastante que ver con que os hai algo mellores e algo peores, pero tamén, e moito, con modas, con gustos persoais e, como non, cunha discreta pero demoledora cuestión de sorte.

Se falamos do Salnés, que é o meu radio de acción furanchil, e partindo de que non coñezo, nin moito menos, todos, direi que teño as miñas preferencias claras. E isto, enténdase ben, non é cuestión nin de que sexan mellores, nin de que outros sexan menos recomendables. Simplemente son os que a min máis me gustan.
Se falamos de Covas, teño que destacar dous furanchos clásicos: o de Juan e o de Ángel. Logo imos a outros (As Irmás, a de Enrique…), pero os mencionados son aqueles aos que eu, se podo, vou con máis frecuencia.

A Pulpeira de Melide 08 Casa Enrique Cobas 07 

Xa logo, fóra do epicentro de Covas, teño unha debilidade moi persoal: o Lourancho, en Tirabao (Baión); a tortilla e a richada son das que máis me gustan e están na mesma liña: nunca atopei un mal día; ademais está o trato que sempre recibimos de Maribel, a comida anual de bacallau, en fin, o seu excepcional licor de café. Para un bo viño (embotellado, aínda que a día de hoxe xa todos teñen que ser embotellados e etiquetados) hai que ir ao Furancho de Luis (Bodegas Albamar); a comida non é moi variada e depende moito do día, pero o viño paga a pena.

Un último aspecto a considerar é o tirón. En zonas con tantísima oferta como é esta do Salnés, o que queira destacar ten que ser por aportar un elemento diferenciador que obrigue a pensar nel por riba da competencia. Pode ser o viño, ou máis ben, debería ser o viño, pero na práctica, e para padais pouco afeitos aos viños caseiros bravos, non hai tantas diferenzas. Logo, un pode salientar polo agradable do local, ou polos espazos exteriores, hainos que basean a diferenza nunha amabilidade extrema, ou polos chupitos que acompañan o café, ou (cada vez son máis) o éxito vén da man dalgún que outro doce caseiro de sobremesa…, en fin, porque a súa oferta non se reduce ao sota, cabalo, rei, senón que abren, máis ou menos, a variedade da súa carta.
Un aspecto, en teoría, a ter moi en conta, é o prezo. Pero aquí, a experiencia anuncia que apenas existen diferenzas. A día de hoxe, a media dos furanchos está arredor dos dez euros por persoa (sen sobremesa e con cafés); neste senso non é nada desprezable o número de persoas que comparta mesa: cantos máis sexamos, mellor vai saír a papatoria, puidendo chegar a ser moi significativo o prezo por persoa se só se trata dunha parella.

Todo o anterior serve de introdución ao último furancho que probamos: o de Pancho, no lugar de Refoxos, en Corvillón (Cambados).
De entrada, un aspecto a salientar do de Pancho son os espazos exteriores: moi amplos, variados, baixo parras…, unhas mesas especialmente agradables para tardiñas de verán.
En segundo lugar, a carta; ademais dos pratos habituais (luriñas, pementos, richada…), podes pedir un revolto de cogumelos e gambas (8€ ración, 5€ a tapa), unhas ostras (fin de semana, prezo de mercado), un par de ovos con patacas e chourizo (4.5€), o ovo de oca (en primavera) con patacas e chourizo (6€), un polo á Mexicana (10/6€), xamón asado (8/5€)… Disque unha das especialidades da casa son as navallas, cun mollo caseiro que invita a chuchar nos dedos (prezo segundo mercado).

O Furancho de Pancho 3 O Furancho de Pancho 5 O Furancho de Pancho 6

Somos seis e, despois dos pincho que vén co viño, de queixo e chourizo, pedimos unha tortilla, zorza e chourizo fritido, nos tres casos, a ración grande. A tortilla moi rica, con cebola e chourizo (é a tortilla da casa por defecto), resulta zumenta e saborosa. O ‘pincho’ (a carne adobada sobre patacas fritidas) tamén está rico, na liña habitual dos furanchos, e, os chouriciños fritidos, bos e potentes (para algún, demasiado fortes).

O Furancho de Pancho 8

O de Pancho é dos furanchos que, ademais do clásico queixo con marmelo ou a tarta xeada, conta con sobremesas caseiras: flan de queixo (3.5 €), tiramisú (4.5 €), ou a torta da avoa, da que pedimos tres para compartir.

Bebemos dúas botellas do albariño da casa, un auga, tres cafés e catro chupitos e pagamos 57.80 euros, ou sexa, uns céntimos menos dos anunciados 10€ por cabeza.

Globalmente, o furancho de Pancho pasa ao listado dos furanchos do Salnés do gran grupo medio, dos que se poden visitar algunha vez no verán.

Furancho de Pancho
Refoxos 33
36634, Corvillón (Cambados, Pontevedra)
986 542 214,  609 146 321
GPS: 42.532506N,  8.801754O
Cociña: tradicional, furancho
Prezo: 10€
Peche: luns; domingo noite.