o esencial é invisible aos ollos

Almeja (de almejar, desexar con vehemencia), é o restaurante de João Cura no Porto. A pretensión, ‘boa comida casual’. A realidade, cociña de autor, sá, saudable, portuguesa con influencia exterior.

PrincipinhoRaposo

Un restaurante que propón como máxima propia a lección que o raposo lle aprende ao Principiño ten gañados de antemán todos os meus sentidos.
Era a miña primeira lección do curso e o punto de partida para todas aquelas cousiñas que sempre irían por diante nas miñas clases de galego; máis importantes, sen dúbida, que os suxeitos, as concordancias, os acentos, e outras parvalladas da lingua.
Imaxinación, tolerancia, igualdade, respecto, razoamento, comprensión…

Nun plano moito máis mundano, Almeja é un dos restaurantes de chegada máis arrasadora e de maior proxección nos últimos tempos no Porto.
Teño a medio escribir unha entrada sobre os mellores restaurantes de Portugal segundo o listado que elabora anualmente o blog Mesa Marcada (listado en base á votación de cerca de dúas mil persoas relacionadas moi directamente co mundo da alimentación).

Restaurante Almeja 1

Almeja abre a finais de 2017. Na edición dese ano (os premios entréganse en xaneiro do ano seguinte, 2018) Almeja entra na lista nun modesto 150 lugar. Na súa segunda aparición, xa nesta última edición, a de 2018, salta directamente a un máis que destacado 34 lugar a nivel nacional.
Xa vos falarei máis polo miúdo do que aporta a lista aos nosos restaurantes, os do norte, pero, xa que estamos, adiantar que Almeja se sitúa no sexto lugar entre os numerosos e competitivos restaurantes de Porto.
Ten por diante, unicamente, os ‘estrelados’ (The Yeatman, Pedro Lemos, Casa de Chá e Antiqvvm), e coma el mesmo, un acabado de aterrar, un ‘ninguén’ mentres non lle cheguen os loureiros das guías, a sensación do momento en Porto: o Euskalduna Studio, restaurante que, apenas con dous anos de vida, foi quen de auparse no ranking dos propios colegas ao primeiro posto entre os restaurantes de Porto e ao sexto de todo Portugal.

Restaurante Almeja 4

A local ocupa o espazo dunha vella tenda de cafés e tés na rúa Fernandes Tomás, a dous pasos do mercado do Bolhão, por unha banda, e a dous e medio de Aliados pola outra. Ou sexa, en plena Baixa, de acabalo entre Trindade e Bolhao.
É un local en forma de tubo que remata nunha suxerente terraciña, óptima para un aperitivo, o café ou, mellor aínda e no mellor dos casos climatolóxicos, a propia comida.
Entras por un pequeno comedor que dá a rúa, quizá algo máis informal e ruidoso, e a través dun simulacro de corredor –que deixa libre a cociña, cun par de pequenas fiestras para ver o que alí se coce– accedes ao comedor principal, máis tranquilo e acolledor.
A decoración limítase a recuperar, con moi bo criterio, os materiais construtivos orixinais da tenda; apenas sen engadidos, sen disonancias, sen distracións que rouben mérito á comida.
Servizo cun equilibro perfecto entre profesionalidade e achegamento.

A ementa propón tres modelos de ‘manutención’ ben diferenciados.
En primeiro lugar, un menú de degustación de 55€ para coñecer polo miúdo a cociña de João Cura, o Almeja, con snacks, un entrante (Mexillón con chícharos bravos, aji, kiwi e levístico), peixe (o Peixe do día con espárragos, chícharos e salsa do asado), carne (Pomba torcaz con pera e raíz de apio), dúas sobremesas (Ruibarbo con lichi e rosas, e Chocolate con café, quinoa e polen) e petit-four.
En segundo lugar está o servizo á carta, e, en terceiro, de martes a venres (excepto festivos) e unicamente a mediodía, o menú do día, cunha proposta curta, de nome Bolhão e prezo de 9,90€ que consta de pan, entrante, prato principal, auga e café, e o segundo, o completo, no que, ademais do anterior, entra a sobremesa e a copa de viño (Douro Sílica branco ou tinto), e que leva por sona Trindade e un prezo de 15€.

Almeja Menú

No tocante ao servizo á carta, ten suxerentes propostas para entrantes (Tosta con cabeza de porco, escabeche e mazá, 6€; Cogollo con polo, queixo são Jorge e noces, 6€), opcións vexetarianas bastante seguras (Horto de primaveira con selección de verduras dos nosos proveedores, 15.5€; Arroz cremoso do Mondego con chícharos, chayote, queixo e algas, 16,80€), os pratos principais de peixe e marisco (Arroz de moluscos bivalvos de Ereira con coliflor, romanesco e lima, 18.80€; Peixe do día con salsifí, kale e demi-glacé, 21,90€), e os pratos de carne (Cabrito con arroz de Ereira e casquería, 22€; Porco bísaro con grelos, verduras e setas, 19,90; Tenreira madurada con pataca, cebola e anchoa, 21,90€).

Seguindo a tendencia comedida dos últimos tempos tiramos polo menú Trindade.
Pan e aceite, Salada primavera, Brás de jarreto, Noodles de legumes com especiarias tailandesas e sobremesa a base de Biscoito de olivas con albaricoque e mandarina.

Restaurante Almeja 6

A ensalada, ben. Leituga, tomate, cogombro, cenoria…, todo en rodelas grandes e moi finiñas. Salsa tailandesa cuns grans de pementa picante que lle dá un toque especial. Unha ‘simple’ ensalda, pero moi rica.

Restaurante Almeja 8

Os noodles con legumes e especies tailandesas están fantásticos; un leve toque de picantiño que lle dá moita vida ao prato; a pasta, no seu punto e perfectamente salteada coas verduras e froitos secos. Gustoume moito.

Restaurante Almeja 7

Pero a gran sorpresa chegaba cara ao final; unha parvada, tanto, que hai que ser un alguén especial para caer na conta; o brás de xarrete non é outra cousa que o bacalhau á brás no que se substitúe o bacalhau por xarrete de tenreira. E, claro, a pataca palla feita no momento, a carne saborosísima e o ovo nese punto exacto no que comeza a callar pero mantén todo o seu zume. Unha delicia.

Restaurante Almeja 17

A sobremesa tamén imaxinativa; a novidade está no biscoito de olivas; os acompañamentos, a mandarina, a crema de guaiaba, o albaricoque, aportan frescura e contrastan magnificamente co biscoito.

En resumo, un restaurante moi, moi atractivo, con cociña local e do momento, moi aberta a incorporacións foráneas e con prezos (aínda) moi comedidos; acertada conxunción de imaxinación, técnica e rigor nas ideas e nas materializacións. En palabras propias, unha cociña sá, saudable e, ao mesmo tempo, sustentable. Desde o meu punto de vista este Almeja de João Cura non é ave de paso na febre de ‘restaurantes de moda’ que cada tempada inundan a Invicta; penso que, ademais de rabiosa actualidade, ten moita proxección futura. Moi recomendable.

Restaurante Almeja
João Cura

Rua Fernandes Tomás 819
4000-219 Porto
351 22 203 8120
GPS: 41.1502894N,   8.6081891O
www.almejaporto.com
Facebook
Cociña: autor, actual
Prezo: 9.5, 15, 55€
Peche: domingo, luns
Lugar 34 do Mesa Marcada 2018


Translate »