o camiño do inglés

Daniel López, nominado ao premio ‘Cociñeiro revelación’ en Madrid Fusión 2017, ofrece no seu O camiño do inglés (Ferrol), unha magnífica e sorprendente cociña de mercado con marcada inspiración internacional.

Ferrol-CamiñoDoIngles

Debo comezar afirmando que había tempo que nunha soa comida non atopaba tantos bocados con sorpresa.
A primeira é absoluta: estamos ante un local pequeno, moderno, bulicioso… pensado para compartir (pratos e palabras), case poderíamos dicir que se trata dunha ‘tapería actual’.
Pero tan pronto botas unha ollada á ‘pizarra’ a opinión transfórmase radicalmente. Estás diante dun menú rompedor, con produtos de aquí e técnicas de alá, con combinacións, cando menos, asombrosas, con constantes guiños ás palabras e á memoria… Unha oferta máis preto dunha estrela vermella que do que se espera dunha ‘tapería’.

DSC00695

A clave de todo está na pizarra. Deixemos, pois, que fale en primeira persoa.
“Viva: dinámica, creativa, espontánea… a rotación de produtos obriga a reinventar … de forma case “vertixinosa”, moi sensitiva e sempre saborosa, iso é o que procuramos: o sabor é todo!”.
”De mercado: con produtos dos que un 80% son galegos … En moitas ocasións, produto humilde, estacional, de fácil accesibilidade na praza de abastos, o que nos permite propostas económicas pero sempre de excepcional calidade e frescura”.
”Creativa: asociada con sabores tradicionais que van evolucionando, alixeirándose con preparacións sinxelas, con combinacións frescas e innovadoras que potencian o sabor e que supoñen emocionarvos e sorprendervos”.
Eu engadiría unha cuarta característica: aberta ás cociñas do mundo, ao que se está a facer nos fogóns máis vivos do universo. Unha pizarra con chiscadelas á cociña xaponesa (Percebes kaikaya, 11€), á peruana (Raxo saltado –Perú–, 16€, Ceviche de foie, 16€), á china (Dimsum… de churrasco, 10€), italiana (Xarda, crema de apio, pesto de leituga de mar, 8€), medio oriente (Kebab de polbo, 8€), centroeuropa (Papada, choucrut, boniato, 11€), etc.
Pero, de ires, non vaias pensando en todo o anterior; esta era a pizarra do 29 de abril de 2017… Calquera outro día podes atopar outra total ou parcialmente diferente.

O camiño do inglés 00

Ademais: excelente servizo (profesional, amable, próximo, con desexos de agradar…) do que participa o propio Dani López; importante, novidosa e atípica oferta de viños (sumiller que oferta en mesa, en función de preferencias concretas, viños internacionais, nacionais, especial atención aos galegos e un coidado meco pola DO Xerez, pois segundo o chef, proporciona unha positiva maridaxe coa cociña galega); e, como non, un prezo que acaba resultando moi contido: iso que se deu en chamar ‘excelente relación calidade-prezo’.

Pretendemos levar un visión xeral e probar cantos máis bocados mellor. Hai un menú de degustación pero o camareiro nos anima a darlle un voto de confianza e que sexa el quen confeccione un menú de 7 medios pratos da pizarra despois de que lle contestemos a unha batería de preguntas (alerxias, fobias, preferencias…).
O resultado é espectacular:

DSC00667
Xarda, crema de apio, pesto de leituga de mar

O camiño do inglés 04
Percebes kaikaya

O camiño do inglés 05
Espárragos al pil pil

O camiño do inglés 06
Raia, grelos, allada

Ademais (algo inaudito: a ansiedade polo bocado na boca fixo que esquecese as fotografías de rigor), a Pescada con allo e xamón e a Zorza (crúa) de albacora, pemento e ovo.
Imposible destacar sabores; algúns foron especialmente novidosos, como a zorza de albacora co ovo e o toque de pemento de Padrón e outros máis esperables, como o espárrago con ali oli, pero todos teñen ese toque de orixinalidade e en moitos casos de sorpresa que caracterizan ao local.
Poñamos o prato que máis se pode achegar á tradición galega: a raia, grelos e allada. A raia cocida no seu punto, os grelos ligados nunha crema suave que lle acae moi ben á raia, e a allada mesturada cun puré de patacas no fondo para acabar de romper esquemas… pero non tanto.

O camiño do inglés 07O camiño do inglés 08

Sobremesas: Kit-Kat de té Matcha e Crema de queixo, fondo de Oreo e melocotón.

Con auga, caña e vaso de viño tinto foron un chisco menos dos 70€. 35€ por persoa paréceme un prezo moi, moi axustado para o que foi a comida.
Creo que a este O camiño do inglés non lle falta de nada para converterese nun local de culto. Claramente para repetir. (Hai que reservar).

O camiño do inglés
Daniel López

Rúa San Francisco 17
15401, Ferrol
981 352 090
Web
Facebook
GPS: 43.479912N,  8.241490O
Cociña: Mercado, tradicional, internacional
Prezo: 25-40€
Peche: Luns; domingo e xoves noite
BigGourmand Michelín
Posto 10 en TripAdvisor entre os 2720 restaurantes da provincia de A Coruña
Aparece no posto 24 da nosa Guía 2016 de restaurantes de Galicia segundo as guías