o brunch gourmet de pacífico

Fran González foi quen de lograr que todo o mundo fale do seu Pacífico (Ourense). Sexa o menú semanal, sexa o brunch de fin de semana, o éxito está garantido.

Pacifico logo

Alá por abril de 2019, xa choveu, Como, logo existo recibía con ilusión e esperanza a chegada do grupo Cociña Ourense.
Confiaba en que era o elo que faltaba para poñer a gastronomía ourensá nun lugar preferente dentro da cociña galega de interior.
Hoxe, con toda unha crise sanitaria ocupando o espazo e o tempo, aqueles desexos fixéronse realidade.
Hoxe, quen máis quen menos, comenta cada día as novidades gastronómicas de Ourense.
E, se non o fai, é que non está ao loro.

Hoxe, todo o mundo sabe que o que foi no seu momento chef revelación Marco Varela, está a alcanzar novas e ilusionantes cotas na súa cociña en Sábrego (a última, a selección para entrar na próxima guía Michelín); hoxe todo o mundo sabe que Begoña Vázquez é a moza prodixio que cociña en Regueiro da Cova, en Verín, e que ten por diante un dos futuros máis prometedores do panorama actual galego; ou, sabe, tamén, que hai que deixarse caer por terras de Trives e comer no restaurante do Hostal La Viuda da man de Anxo Fernández, ou que o histórico Sanmiguel loita como gato panza arriba na busca dunha segunda vida da man de Manuel Ledo.
Son moitos os que seguen a Gerson Iglesias alí por onde vai, desde o Ruxe vigués ata, hoxe en día, o restaurante Erva do Hotel Oca Vila de Allariz.
Luís Romaní (Sybaris 2.0, co seu especial meco polo viño), José Luís Fernández (Tapa Negra), Xosé González e Lydia del Olmo (Ceibe), Gabi Conde (Portovello), en fin, e unha ducia máis; a lista medra día a día con novos nomes propios que sitúan a Ourense no mapa gastronómico.

Pero, claro, o traballo multiplícase por dez mentres non che fas un oco no mundo das guías.
E aquí, as cousas tamén empezan a enderezarse. Á xa consolidada por Nova, hai que sumar a flamante estrela Michelín de Miguel González (pai e alma mater, xunto con Marco Varela, e primeiro presidente de Cociña Ourense), que se une, tamén, á lista de soles Repsol formada por Nova e A Taberna.
O Barazal, Sanmiguel, Sybaris 2.0 e, acabado de aterrar este mesmo ano, Ceibe, entran entre os restaurantes recomendados pola Repsol.

E queda para o final o nomeado desde o principio.
Pacífico recibiu este ano a distinción Bib Gourmand da todopoderosa Vermella; segundo a propia guía, distinción para recoñecer locais con ‘boa cociña a prezos razoables’.

Pacifico6

Fran González e Pacífico comezaron a moverse polas redes xa hai uns anos; non son dous estraños acabados de aterrar; pero, se cadra, Cociña Ourense sumou o seu puntiño de area na consolidación.
Hai tempo que ocupan a súa importante cota de protagonismo en periódicos como El País (Almorzos low cost con técnicas de alta cociña), ABC (5 localis de moda para tomar o brunch en Galicia) ou La Voz de Galicia; a revista Woman incluíao na súa selecta lista Ruta do bruch: 10 restaurantes, terrazas e hoteis (en Madrid, Barcelona e máis) para almorzar tarde as fins de semana, e Traveler, nunha reportaxe sobre Ourense, (Vaste perder Ourense?) afirmaba que Un brunch no Café Pacífico é sempre un bo plan (e se non queda sitio, téntao co seu menú degustación de mediodía).
Por outra banda, no noso recente estudo de restaurantes galegos segundo as guías, Pacífico úpase a un meritorio 26 lugar entre todos os restaurantes de Galicia. De feito ocupaba un lugar preferente na nosa lista de desexos de locais que están pegando forte e que aínda non coñeciamos.

Porque Pacífico non só é o nomeado brunch de fin de semana.
De luns a venres, Fran González e o seu equipo preparan un tamén consolidado menú de degustación de 28€.

Pacifico2
Pacifico Bruch Carta

O bruch, pechado, cambia semanalmente, ofrécese os sábados e domingos, ten un prezo de 19.5€ por persoa, e aquí tendes as delicatessen que nos tocaron a nós.

Pacifico Brunch 1

Para comezar, e acompañar os salgados, un combinado de zume de laranxa con cava

Pacifico Brunch 2

Bowl de granola con iogur e froitos vermellos

Pacifico Brunch 3

Salmorejo, con xema de ovo 70º e aceite aromatizado

Pacifico Brunch 4

Bocata de polo con queixo peta e patacas asadas con mollo picante

Pacifico Brunch 5

Salmón fumado con verduriñas asadas (tomate, millo, piña berenxena, garavanzos…)

Pacifico Brunch 6

A fresa en texturas con nata

Atá aquí, o que o brunch ‘oficial’ desta fin de semana.
De xeito individual, e cada un no seu estilo, todos os bocados son espectaculares. Por destacar algún, aínda que de xeito unánime, o salmorejo, un éxito rotundo polo seu sabor e textura, e o complemento do ovo, mmmmmm!
Para min, a continuación, está o bocata de polo coas patacas asadas.
Posto un pouco tiquis, o que menos alegría me deu foi o salmón; e non polo salmón en si, senón pola mestura, un chisco inconexa, das verduras.

Se falamos do brunch en conxunto resulta ser un almorzo-comida contundente, amplo, con garra e personalidade. Se cadra, e atendendo á miña experiencia, un pouco excesivo nos salgado e algo coxo nos doces.

Pacifico Brunch 7

A mención aos doces transformase en especialmente relevante se temos en conta que a bolería doce é un dos aspectos destacados de Pacífico.
Malia estar xa bastante saturados, pedimos para probar (e adozar o padal e os corpos) un croissant con sementes e un par de rolos de canela. Efectivamente, fan honra á sona que os precede. Simplemente deliciosos.
Pedimos, tamén, e a maiores, cafés e chocolate; aos cafés invita a casa.
Seica o chocolate caseiro (a partir de cacao 70%) é outro dos puntos fortes deste Pacífico.

Pacífico e o seu brunch compensan con creces o desprazamento desde Vigo mesmo neste sábado de finais de xuño en que o sol comeza a apertar.
Queda pendente unha visita para o menú de degustación de semana.

Pacífico
Fran González
Peña Trevinca 37
32005 Ourense
988 614 672  /  687 550 870
GPS: 42.333512N,  7.861071O
Facebook
Instagram
Cociña: moderna
Prezo: 19.5 bruch, 28 menú degustación
Peche: martes
Bib Gourmand Michelín
4º lugar na provincia de Ourense en TripAdvisor
Posto 26 dos restaurantes de Galicia de C,LE