á terceira foi a vencida

Hoxe, despois de tres intentos, tivemos a sorte de conseguir mesa en O Bebedeiro.
E digo ben, tivemos a sorte.
Porque chamamos tarde e aínda así conseguimos facernos un oco; porque unha vez alí os dous comedores estaban a tope e máis dunha mesa houbo de dobrar; e, sobre todo, porque a comida ben pagaba a espera.
Non podo falar de sorpresa (as referencias, numerosas e de fiar, eran convincentes), pero si de satisfacción.

Adega O Bebedeiro 1 Adega O Bebedeiro 3

Para comezar, cómpre facer unha referencia ao espazo.
Se se puidese falar de maximalismo, por oposición ao minimalismo tan de moda, unha boa definición sería esta Adega O Bebedeiro, na rúa Ángel Rebollo da Coruña.
Local escuro, iluminación tenue e directa, mesas de madeira apiñadas sen apenas espazo para respirar, nada de mantel, servilletas de papel, bancos corridos e taburetes de tres patas sen respaldo, e, por riba de todo, una decoración na que o máis é todo. O máis, así, ás tolas, sen orde nin criterio.
Reloxos de parede, radios, muíños de café, sopretes, espertadores, tallas de santos en madeira, cámaras de fotos, a cabeza disecada dun xabarín, máis alá a dun cervo, todo tipo de apeiros de cociña, espadas, puñais e outros menesteres de matanza… en fin, unha colección de obxectos imposible de abarcar por unha memoria lóxica e de tipo medio.

Adega O Bebedeiro 5 Adega O Bebedeiro 6

O local non destaca precisamente pola comodidade nin polo deseño de vangarda.
O éxito está en que é o que quere ser, e que cando esperas atopar unha carta a base de calamares, polbo e chourizos ao viño, tópica do modelo clásico de ‘adega’, a proposta vén da man de reducións, muselinas, confeitados ou caramelizados.
A carta é suficiente e moi, moi atractiva. Algúns exemplos: Vieiras asadas gratinadas con prebe holandesa en puré de mango e cítricos; Morna de parrulo con mazá, noces e vinagreta de mostaza e mel; Cazola de polbo con ameixas ao allo; Follado de robaliza recheado de vieiras ao forno; Solombo de boi galego con piña asada, foie e mollo de Pedro Ximénez. Ademais, propostas do día cantadas por un persoal que sabe estar no sitio, que resposta á propia idiosincrasia do local mesturando a proximidade da adega coa profesionalidade da carta. Hoxe, entre outros, un follado de grelos e queixo San Simón, a mouse de centola, pescada recheada de salmón ou solombo. Tamén un ‘menú Discovery’ sorpresa para mesas completas a base de tres entrantes, tres pratos e dúas sobremesas.
A carta de viños tamén semella suficiente; destacan as etiquetas galegas e un branco (albariño) da casa.
Hoxe comemos con cervexa.

Adega O Bebedeiro 8

De primeiro compartimos o follado de grelos con queixo San Simón. Carmen o Rissoto de froitos do mar (fóra de carta) e eu o Lombo de bacallau con muselina de allo e tomatina de pasas e piñóns (un clásico da casa). De sobremesa (por certo, gran oferta de doces, ampla, variada e moi sedutora) un dos meus favoritos, un follado de crema e nata que está sensacional.

Adega O Bebedeiro 9 Adega O Bebedeiro 10

Práctica acorde coa redacción teórica. Pratos e sabores relativamente ‘limpos’ (no caso do meu, quizá sobraba unha tomatina excesivamente forte que roubaba protagonismo ao bacallau perfecto), cocción comedida dos produtos, procura de sabores e texturas nun contexto de armonía…
Como única nota discordante no modelo anterior, racións máis que xenerosas.

Por último, salientar que o prezo, tirando máis cara á liña da feitura do local que á proposta culinaria, é moi axustado. Pagamos 22€ cada un. O menú Discovery sae por 35€ por comensal.

Moi recomendable. Para volver.
Leo críticas na liña de que se trata dun local sobrevalorado, que a incomodidade e a decoración contrarrestan as posibles bondades da cociña.
Non podo estar de acordo en absoluto. Primeiro, porque a esencia vén definida no propio nome: ‘adega’, vas á Adega O Bebedeiro sabendo a onde vas. E, segundo, porque o conxunto local-cociña-prezo resulta total e absolutamente equilibrado.
Un espazo máis amplo, menos mesas, outra decoración, manteis de liño… son factores que repercutirían nunha inflación dos prezos que converterían ao Bebedeiro ‘nun máis’, sen identidade propia, con dificultades para atopar espazo propio en A Coruña.

Adega O Bebedeiro 7

Adega O Bebedeiro
r/ Ángel Rebollo 34
15002 A Coruña
Teléfono: 981 210 609
E-Electrónico
Web
GPS: 43.376554ºN  8.401423ºO
Localización en Mapas de Google