o barquilleiro, vendedor d’olvido

Hoxe traio a estas liñas un novo libro.
Leva por título O barquilleiro, vendedor d’olvido, e regaloumo Pepe. O título fai referencia a un xogo de palabras do francés: oublie refírese tanto á oblea como ao pasado do verbo oublier, esquecer, olvidar.
O libro foi escrito por Martín Álvarez González e Mª Carmen Jiménez Paz, e editadoPortada O Barquilleiro en 2009 por ToxoSoutos.
O barquilleiro…, aínda que nun campo totalmente diferente, está na liña de Por catro perras, os dous tentan recuperar e sobre todo deixar por escrito unha parte da historia gastronómica de Galicia. Se José Barral no conducía por todo un percorrido a través das tascas de Vigo, Martín Álvarez e Mª Carmen Jiménez fan un interesantísimo estudo de campo para tentar regalarnos a memoria daqueles homes que, co súas barquilleiras ao lombo, ían polas festas e concentracións de xentes vendendo barquillos e facendo a ledicia dos máis cativos.
Debo ir un pouco vello pois lembro cunha certa nostalxia aquela figura. Aquí en Vigo, e ademais dos que ían polas festas coas súas barquilleiras, lembro a un cunha especie de gran bandexa circular tapada por un plástico que vendía na rúa do Príncipe.
Segundo leo na contraportada do libro, Martín Álvarez é cociñeiro e profesor de cociña no IES de Vilamarín, en Ourense, e Mª Carmen Jiménez conservadora e barquillera1 restauradora de obras de arte e peza fundamental nas andainas investigadoras a pé de campo nas que participa o profesor. Anteriormente teñen publicado outro libro co título de 45 receitas con estruga. Na súa páxina web, O rincón da estruga, podemos atopar máis información sobre os dous libros. O barquilleiro… fai un percorrido polo barquillo, pola barquilleira e polo barquilleiro, o produto, o artiluxio e home, e todo, claro está, perfectamente documentado no concello ourensán de Parada de Sil. ‘A finalidade máxima desta investigación é rescatar do olvido (de aí o título escollido) este costume galego de hai moitos anos e que deu de comer a moita xente nunha época moi difícil’.
O libro péchase cunha sección de receitas con suxestións tan apetitosas barquillocomo as Linguas de barquillo con xeado de estrugas ou as Cestiñas recheas de tona  de marrón glacé. Non pode faltar a receita tradicional para a elaboración dos barquillos, que coincide coa que reproduce Emilia Pardo Bazán no seu libro La Tribuna e que se elabora con auga, fariña triga, azucre e aceite de xirasol; con estes ingredientes elabórase o amoado que deberá acadar unha textura similar á das filloas; a oblea cócese nunha prancha específica, pechada, que vai directamente ao lume.
Luis, o pai de Pepe, era de Parada de Sil.
Tamén Milagros, a nai de Pepe.
Luis, o pai de Pepe, comezou a súa vida de barquilleiro.
Pero loguiño cambiou e se pasou aos xeados na zona de Ponteareas. Moitos aínda lembran a Luis, o Heladero tirando do seu carriño. Era a mesma vida. De festas en ferias, de traballos para o divertimento dos demais.
Antes de ter anos para tapar os pelos das pernas, Pepe xa axudaba ao pai. A ir polo xeo e polos polvos, a elaborar o xeado, a rezar para espantar a chuvia, a andarse todo o Condado de festa en festa estirando ao máximo o xeado para que rendese unhas pesetas máis. Aguantando ao pé do canón mentres os outros mozos andaban ás mozas se tiraban uns bos bailes.
Barquilleiro, xeadeiro, pulpeira, son profesións itinerantes en vías de extinción, as que aínda non desapareceron, e coas que deberíamos facer un especial esforzo para evitar que tamén desaparezan das memorias.

Posted in varios and tagged , , .