o bananeiro. plátano e chupito de moscatel en braga

Disque en Braga, polo Natal, non precisan teléfonos.
Todo Braga xúntase na rúa Souto para desexarse boas festas… e compartir unha banana e un moscatel da Casa das Bananas.

Casa das Bananas Braga 1

Trátase dunha tradición que descubrín grazas á publicación do Expresso Tascas e Petiscos, da que tanto veño falando nos últimos tempos.
Despois da comida na Taberna Soares (Viana) achegámonos a Braga para dar un paseo e acabar o día cumprindo con esta tradición local.

“(Casa das bananas) abriu como armazém de bananas. Para atrair clientes, começou a servir-se Moscatel ao balcão. Hoje é uma tradição de Natal passar por aqui. Para beber, há as espirituosas do costume, para comer… só mesmo bananas!

Casa das Bananas Braga 4

Non está moi clara a orixe, se foi un fillo do propietario que se xuntaba cos colegas do liceo, ou os comerciantes da rúa do Souto que se reunían para brindar polo Nadal, en todo caso, na tarde do 24 de decembro, era para compartir unha copa de moscatel e un plátano.
O que comezou limitado, e non se sabe moi ben como, pronto se converteu nun acontecemento ao que ningún habitante de Braga pode faltar. A tarde do 24, entre as catro e as oito, multitudes de bracarenses invaden a rúa do Souto para desexarse boas festas, brindar con moscatel e comer a banana.
Os carteis e as fotos que ilustran as paredes deste local bastante escanastrado dan fe da que se debe montar aquí na tarde de noiteboa.

Casa das Bananas Braga 5

O moscatel é Alambra, de Setúbal, das bodegas de José Maria da Fonseca, engarrafado e etiquetado desde hai cincuenta anos para esta Casa das Bananas.
Os plátanos… realmente bos, de primeira.
Hoxe hai pouca xente; apenas un parroquiano que bebe cervexa e fala co propietario, e nós; o moscatel, algo fresquiño, baixa de medo, e o plátano, a pesar da atípica irmandade, tira del coma se fose doce e non froito.
E a parella, moscatel e plátano, por apenas dous euros persoa.

Algún día haberá que organizarse para vir vivir o momento en vivo e en directo, e non como hoxe, dez días depois e sen compañeiros cos que brindar e aos que ofertar bos desexos.

Casa das bananas
Rua do Souto 26
4700-317 Braga
253 262 681
Facebook
GPS: 41.550585N  8.425706O
Peche: horario de 9 a 19.30h todos os días
Cociña: moscatel e plátano
Prezo: 2€