o abocanhado: natureza, paisaxe e arquitectura

O Abocanhado, en Brufe, Terras de Bouro, é un restaurante ubicado nun lugar excepcional, en pleno parque do Gêres: natureza en estado puro e vistas espectaculares. Edificio con premios internacionais.

A integración total da obra na paisaxe, o xeito de encaixar o edificio nas formas do espazo (socalcos), os materiais utilizados, a cuberta integrada no terreo… son algúns dos motivos que levaron a recoñecer o proxecto de António Portugal e Manuel Maria Reis coa medalla de prata na Bienal de Miami de Arquitectura 2015.

O restaurante O Abocanhado está á entrada da freguesia de Brufe (Terras de Bouro), cinco quilómetros ao norte da barragem de Vilarinho das Furnas, na estrada que percorre a parte máis noroccidental do parque do Gêres e á que podemos acceder ben desde Campo de Gêres, ben desde Entre Ambos-os-Ríos, ben desde Ponte da Barca.
En calquera caso estamos ante estradas que raian a alta montaña, cunhas paisaxes excepcionais, que non é difícil velas cubertas de neve e polas que hai que transitar cos cinco sentidos postos.

O restaurante é moi fermoso. Xoga co granito, a madeira e o vidro e aproveita o desnivel dun vello socalco para encastrar toda a estrutura da obra.
O interior mantén a esencia dos materiais e a filosofía da construción na decoración. O único que cambia son as madeiras, máis traballadas, máis cálidas, para dar ao comedor unha gran sensación de confort, de requinte, de acollemento. A destacar, tamén, o mobiliario de Álvaro Siza.

No tocante á comida, é un restaurante de corte tradicional e montañés. Para comezar, unhas Pataniscas de bacalhau (3.5€), uns Mexidos de alheira (4.5€), a Sopa de legumes(3.5€), unha ensalda (arredor dos 4.5€), Tábua de enchidos ou de queijos (9.5€), etc. De peixe unicamente está o bacalhau: con migas (14.5€) ou a Tibornada de bacalhau (14.5€). Carnes: Garnisé estufado com Porto (16€), Veado com arroz de carqueja (15.5€), Feijoada com couve e carnes (21.5€ para dúas persoas), a Posta grelhada à Abocanhado (14.5€) ou a Costeleta da Serra Amarela grelhada (14€).

Somos catro e pedimos, para compartir, dúas de bacallau con broa e, de segundo, dúas de cabrito assado no forno.
A comida está ben, correcta, como definimos en máis dunha ocasión, ‘OK’ (si para coñecer pero non para unha repetición). Quizá o maior defecto foi que as racións eran escasas, en especial as de cabrito. Afeitos ás ‘doses portuguesas’ e a comer os catro deste xeito (dúas de peixe e dúas de carne), atopámonos con ‘racións’ de cabrito cativas, mal axeitadas.

Os doces, variados e ben elaborados, seguen a liña do menú: son de corte tradicional. Pedimos o ‘Buffet de sobremesas’; algo así como unha degustación de catro das especialidades (9.50€): Pudim de ovos, Pudim Abade de Priscos, Pudim de côco com ameixas e Requeijao com doce de abóbora.

Bebimos auga e unha botella de Douro (Esteva); con dous cafés foron 23€ por persoa.
O paseo, as paisaxes, a natureza, o edificio… xustifican a paliza do desprazamento. A comida, unha vez alí polos outros motivos, paga a pena.
Non recomendaría a viaxe se a fin exclusiva fose o restaurante.

O Abocanhado
Lugar de Brufe
4840-020 Brufe, TBR
Terras de Bouro, Portugal
253 352 944 / 911 173 517
Web
GPS: 41.764167N,  8.239541O
Cociña: Tradicional
Prezo: 30-40€
Peche: luns, martes. Noites agás sábado.


Translate »