nova incorporación na illa

Na zona de Cabodeiro.
No local que antes ocupaba o Bar Cabodeiro.
Local histórico onde os haxe de reunión de futboleiros; alí vin os últimos Celta-Depor (ou Depor-Celta, que de todo houbo), arrodeado de siareiros dunha e outra cor, diría que a partes iguais (aínda que quen ten peso realmente na Illa son os Carcamáns).
Pasei moi bos momentos. Outros non tanto.

Bar Pescador A Illa 01

Puxérolle por nome Bar-Restaurante Pescador.
En todo (o espazo en si, a decoración, a terraza, o servizo…) domina o bar sobre o restaurante. Por outra banda, como é habitual na maioría dos locais da Illa.
Fóra, o encerado coas propostas do día.
Porque o Pescador, e ademais dunha abundante proposta base máis ou menos fixa e centrada nos típicos tópicos, funciona en función do mercado do día, ou, o que é o mesmo, do produto da ría.
Cociña caseira, do mar, sinxela, sen extravagancias, sen desacreditar unha materia prima que adoita ser de primeira.

Bar Pescador A Illa 09 Bar Pescador A Illa 11

Somos catro (Roi non conta, aínda que cando se pon a comer…, de caste vénlle ao rapas…) e pedimos tres primeiros e tres segundos. De beber, sangría e un par de cocacolas. A sangría, para o meu gosto, un pouco pasada de canela.

Bar Pescador A Illa 02Bar Pescador A Illa 03Bar Pescador A Illa 04

De entrante unhas croquetas (hoxe son de mexillón; moi boas, cremosas, untuosas, saborosísimas), unhas navallas e uns mexillóns; tanto as navallas como os mexillóns son de primeira e están tratados con moito sentido.
Os entrantes aproban con folgura, diría que globalmente cun notable alto.

Bar Pescador A Illa 06Bar Pescador A Illa 07

De segundo, un arroz de mariscos para dúas persoas e unha parrillada de carnes.
O arroz, en efecto, é o que promete: arroz de mariscos (aínda que se achega moito aos mariscos con arroz). Lagostinos, gambas, zamburiñas, calamar, ameixas… Arroz meloso, con sabor a mar, rico, moi rico.
Para o meu gusto (e non son quisquilloso) as carnes están un chisco pasadas de máis.
As racións son xenerosas.

Un par de xeados, un par de cafés e pagamos os vinte euros por persoa. Non está mal. Semella un prezo axustado.

Hai que darlle tempo pero apunta boas maneiras.
Quizá limar un pouco o servizo, parece algo fóra de rodaxe e semella un pouco superado, algúns dos tempos resultan excesivos.
Bo lugar para darse unha alegría de produtos da terra ou para un prato combinado ou bocata (moi bos prezos) ao levantarse da praia.

Bar-Restaurante Pescador
Rúa do Cabodeiro 60
A Illa de Arousa (36626)
Teléfono:
GPS: 42° 33′ 46.84"N   8° 51′ 38.23"W
Localización en Mapas de Google

Posted in pontevedra, restaurantes, salnés and tagged , , , .