nova estrela michelín

Había tempo que andaba detrás da pista, pero a verdade non contaba con esta irrupción tan espectacular na todopoderosa vermella.
Nova naceu hai apenas dous anos e correu pola rede de xeito imparable. Na miña última revisión de restaurantes galegos (finais 2012, principios do 13), con dentes de leite, ou case sen eles, coma quen di, entraba de cheo na lista dos 100 destacados, e iso con dúas únicas aparicións… pero moi sigificativas e potentes: en Tripadvisor andaba –xa cun número moi impotante de votacións– nun sorpresivo posto 13 entre todos os restaurantes galegos; a xente de Verema puntuaba Nova con 9 sobre 10.

Restaurante Nova 01

A clave atopámola, de maneira impactante, na propia tarxeta de presentación: un nome sinxelo, directo, mesmo arriscado, que define toda unha filosofía de concebir a cociña de raíces na terra que propugnan.

Restaurante Nova 04Restaurante Nova 08

E a fidelidade ao concepto asoma desde a mesma porta que dá acceso a un local algo sinuoso (tubo estreito con dúas mesas pequenas que desemboca nunha zona máis ancha pero con non máis de 18-20 lugares; por certo, sábado ao mediodía: ocupación total).
Decoración extremadamente coidada coa mentalidade de que menos é máis e o complemento dunhas paredes moi blancas das que colgan exposicións temporais de artistas locais. A cociña, pequena e vista, esténdese á zona do comedor a través dunha ampla meseta para empratar, espazo que ten continuidade nunha mínima barra de espera. Iluminación que xoga con luces frías e quentes e que no recuncho do empratado destaca pola poderosa intensidade do vermello infravioleta que manteña quentes os pratos.

Restaurante Nova 05Restaurante Nova 09

A pesar do limitado do espazo, o comedor disimula as medidas e resulta cómodo e moi agradable; agradécese a non hiper-densidade de mesas que podería dar ao traste coas liñas mestras do local e convertelo nun máis.

O servizo é correcto e moi profesional.
Para os 20 comensais que somos, conto, entre cociña e sala, 10 persoas traballando.

Restaurante Nova 06

Nova ofrece tres menús pechados: un curto (Básico), un intermedio (Raíces) e o máis longo (Nova); a diferenza, no número de pratos pero tamén na configuración dalgúns deles.

Restaurante Nova 11

Decantámonos polo menú intermedio (4 entrantes, o peixe do día, a carne do día e dúas sobremesas) que amenizamos cunha botella de Régoa, Amandi do 2009, que funciona á perfección.

Restaurante Nova 12Restaurante Nova 13
Restaurante Nova 14Restaurante Nova 15

Entre os catro entrantes, voto polas carnes: unha papada de porco con cogumelos e unha tosta de brioche con foie e, por riba, variedade de setas autóctonas.
Pola contra, no ravioli con centola sobrábame a sopa de peixe de rocha.

Restaurante Nova 16Restaurante Nova 17

O peixe é unha pescada cocida a baixa temperatura cunha pinga de allada e un ravo, sobre unha cama de repolo, fantástica; a carne do día, un solombo de vaca rubia cociñado con mestría na brasa e acompañado con cenoura e cogumelos, tamén braseados, e un aire dun mollo de trufa; tamén exquisito.
A verdade é que calquera dos dous pratos fortes, sen moitas complicacións, bastante limpos, raian a un altísimo nivel.

Restaurante Nova 18Restaurante Nova 19

As sobremesas, tamén dúas, fánseme un pouco homoxéneas; nas dúas a base é o xeado (un de framboesa e outro de caqui) sobre biscoito; a frambuesa vén cunha tella de laranxa e xelatina de figo, e o xeado de caqui compleméntase cunha mousse moi lixeira de chocolate (neste caso o biscoito tamén era de chocolate).
Disfruto dos dous coma un anano, pero votaría por un chisco máis de diversidade.

Restaurante Nova 21

Serven o café cuns petits frous que veñen confirmar un dos piares de Nova: o coidado exquisito de todos os detalles.

Globalmente hei destacar dúas ideas que resumen a miña opinión sobre Nova.
Paréceme un restaurante que sen dúbida merece os mellores afagos, mesmo se se trata da codiciada estrela Michelín.
En segundo lugar, estamos anta unha relación calidade-prezo como moi poucas veces coñecín (de aí, creo, unha boa culpa do éxito inicial no boca a boca).
Un prezo total (menú intermedio, viño Régoa, auga, cafés) de 50 euros persoa non é un prezo de churrasquería… pero, nos tempos que corren tampouco é, nin moito menos, disparatado.
O limitado do número de lugares, a cantidade de persoas ao teu servizo, o meco ata nos mínimos detalles… e, en especial, a calidade e trato dos produtos (e a partir de agora, tamén, a nova estrela Michelín no peito), fan pensar nunha factura final significativamente máis elevada.

Restaurante Nova
Julio Sotomayor e Daniel Guzmán
r/ Valle Inclán, 5
32004. Ourense
988 217 933
GPS: 42º20’24”N  7º51’43,2”W
Localización en Mapas de Google
info@novarestaurante.com
www.novarestaurante.com
Estrela Michelín
Guía Repsol
9 puntos Verema
Tripadvisor: lugar 54 de Galicia

Etiquetado en: , , ,

Translate »