my kingdom for a tortilla

Fiel á teoría de que Internet é dos internautas e está aí para compartir, hoxe tráiovos o traballo de Marta Valcarce sobre as tortillas favoritas dos lectores do seu blog.

TortiComecocos

Vaia por diante que respecto, como o que máis, ás creadoras e creadores e, ben entendidos, (os seus?, nosos?), dereitos de autoría.
Pero de aí a converter a cultura nunha póla máis da enorme árbore do capitalismo salvaxe que está a acabar co mundo que coñecemos, hai un abismo.
Eu négome a saltar por riba dese abismo.

Pero entremos en fariña. Me como Vigo é o blog de Marta Valcarce (viguesa, periodista, creadora, comellona) herdeiro doutro, xa, clásico: Travi en la cocina.
Para rebater o bastante estendido tópico de que Vigo é a cidade máis fea de España, inventa a máxima que conduce ao título do blog: Vigo está para comelo.
O blog ten unha sección de Ocio (axenda mensual, eventos de especial interese…), Coñecer Vigo (con propostas como Dicionario de vocabulario vigués ilustrado, Monumentos de Vigo que si cuentan historias ou Viguesas que inspiran para celebrar o 8 de marzo), + que Vigo (restaurantes de máis alá: Galicia, España, mundo), Menú do día (por barrios), e, claro, o bautizado sen máis reviravoltas como Comer (coas súas seccións de restaurantes, de bares de tapas, e de cafés imprescindibles).

Casa Enrique Cobas 07Furanco Taberna de Carme Cobas 2Loureiro de Angel 11OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Algunhas das tortillas de furanchos do Salnés

Dentro da sección Comer, subsección Bares de tapas, Marta Valcarce iniciou toda unha investigación a fondo para tentar atopar a ‘mellor tortilla de Vigo’. Despois de consultar con máis de 150 vigueses ‘especialistas’ en tortillas, e de probar ou re-probar todas, seica hai unha que destaca claramente por riba das demais: la tortilla de La Aldeana é a preferida de, aproximadamente, un terzo do total de votantes.
La Aldeana (Rosalía de Castro 6, 36201, Vigo, 986 439 161; GPS: 42.238127N,  8.719375O); tamén é a favorita da propia autora (‘perfecta definición da tortilla zumenta: punto perfecto de cociñado, nin demasiado crúa nin máis seca ca moxama’).
A continuación un pelotón de tres locais que suman arredor dos 15 votos cada un.
Bar Brillante (Rúa Barcelona 80, 36211, Vigo. 691 507 962; GPS: 42.223049N,  8.728218O). ‘O seu variado de tortillas é toda unha institución gastronómica en Vigo’.
San Amaro (Rúa Rogelio Abalde 7, 36201, Vigo. 986 226 417; GPS: 42.235443N,  8.717859O). ‘Leva trunfando desde os anos 60… A tortilla da movida nocturna viguesa’.
Cosmos Café (Praza da Princesa 6, 36202, Vigo. 986 223 844; GPS: 42.238410N  8.725413O). ‘A tortilla do casco vello. É a máis callada de todas as imprescindibles’.
E logo… o resto, nun listado que podería ser interminable pero se limita a: Café Dublín House (Rúa Sevilla 5), Café Bar Girasol (Tomás Paredes 118), Bar Entrimeña (Avda Balaídos 19, Cafetería Coral (Ecuador 71), Máis que millo (Príncipe 22, Galerías) e a tortilla do Centro Cultural e Recreativo de Cabral (Becerreira 145).
En fin, que para isto das tortillas, e dun xeito moi especial para isto das tortillas, hai case tantos gustos coma cores. De ter medios, algún día, gustaríame facer un traballo semellante centrado nas tortillas dos furanchos do Salnés…

Lourancho de Maribel 4
E a nosa favorita: a tortilla de O Lourancho

O do título é cuestión á parte.
Sen restar ningún mérito ao enorme valor de Marta Valcarce e o seu Me como Vigo, persoalmente tería preferido que o blog, xa que feito en Galicia e para galegos, estivese no noso idioma.
E, senón, cando menos, e sen renunciar á miña aberta oposición ao seu colonialismo, cando menos, dicía, manter intacta a lingua de Shakespeare para parafrasear ao seu Ricardo III, A horse!, A horse!, my kingdom for a horse!

Etiquetado en: , , ,

Translate »