de napoli a ribadumia

O Muíño de Rudiño é o proxecto persoal de Teo Iannotta. A marabillosa rehabilitación dun vello muíño, unida a todo un xeito de entender a restauración, configuran unha combinación explosiva.

O muiño de Rudiño 26

A cociña, a vida en xeral, debe avanzar cara a modelos máis sostibles, máis ecolóxicos, máis próximos, máis relaxados…, en fin, máis humanos.
Este é o punto de partida de Teo Iannotta para dar forma a unha experiencia gastronómica que, en apenas uns meses, xa forma parte dos imprescindibles do Salnés.
Napolitano de nacemento, arquitecto de formación, maradoniano de corazón, galego de namoramento e adopción.
Toda a súa traxectoria vital conduce a este Muíño do Rudiño dun xeito case inevitable.

A recuperación do vello muíño de 1853 é a concreción da súa formación en arquitectura.
O gusto polos pequenos detalles achéganos ao seu pasado como recoñecido deseñador de xoias.
A súa estadía como sumiller en Miguel González está detrás da espectacular carta de viños.
De Italia, algúns produtos e sobre todo as receitas.
De Galicia, todo o demais.

O modelo coincide en moitos aspectos co que contabamos hai un par de semanas trala nosa visita a La Mesa de Conus. Número reducido de comensais en cada quenda, un único servizo ao mediodía e outro pola noite, imprescindible reserva, sen carta, sen présas, trato próximo nun intercambio permanente co persoal.
Todo conduce á relaxación, a gozar do momento, á sustentabilidade global, local, gastronómica e económica.

Os únicos límites son as alerxias e as intolerancias.
A partir de aí, pecha os ollos e déixate levar a unha viaxe que se move entre Galicia e Italia.

O muiño de Rudiño 15

Espectacular colección de viños.
Como xa é norma, deixámonos recomendar na selección do viño despois de exhibir as nosas preferencias: viño tinto, que acaiga ben aos diferentes –por agora descoñecidos– momentos do menú, e hoxe, e como homenaxe, que sexa italiano…, ah!, e o principal (e textual) que sexa un viño “que non rompa os petos”.

Con estas condicións o recomendado é un Tirso 2017.
Trátase dun viño da Lombardía, da DOCG Valtellina Superiore Grumello, cen por cen uva nebbiolo. Adega: Casa Vinicola Pietro Nera.
Etiqueta: “Tirso, pau envolto en follas de parra e acios. Os fieis de Dionisio (Baco) axitábano exultantes nas festas onde reinaba un ambiente acalorado. Tirso é a sona do noso Grumello, unha das perlas da nosa produción clamada “Vini degli dei“. Procede da uva Nebbiolo (Chiavennasca). É un viño de aroma vivo, de sabor delicado, de larga crianza. Un viño clásico para entendidos. Vai ben con menús importantes e saborosos”.
O vino está rico.

O muiño de Rudiño 2

Para abrir boca e entreter mentres se fabrica o resto do menú, unha mortadela italiana cortada moi fina e acompañada de saboroso pan galego. Rica; ten un algo especial

O muiño de Rudiño 4
Ensalada de brotes e tomates cunha mozarela cremosa

O muiño de Rudiño 8

Ensalada Caprese (Mozarela di Búfala Campana DOP)

O muiño de Rudiño 5

Bressaola con parmesano e aceite

Ata aquí, os tres entrantes que veñen xuntos e ocupan toda a mesa. A mozarela da ensalada caprese (só lle faltaba a alfábega) totalmente nova para min; en especial a textura, o borde lixeiramente máis duro que o interior.
Agradable sorpresa dun embutido de vaca que vai máis alá dos tópicos do salame, a mortadela ou o proscciuto.

O muiño de Rudiño 9

O seguinte é un prato de culler, unhas fabas (de Lourenzá) con mexillóns. Quentes (que se agradece), melosas, moi saborosas. Gústanme os tropezóns de mexillón.

O muiño de Rudiño 14

A pasta son un espaguetes frescos con berberechos. Cociñados cada un polo seu lado. Os espaguetes apenas cunha bechamel moi lixeira que case non se percibe; o sabor vén da man duns extraordinarios berberechos abertos ao vapor e, simplemente, colocados por riba da pasta. Acerto pleno.

O muiño de Rudiño 18

Até aquí, a primeira parte do menú.
Agora é o momento en que podes parar e pasar directamente á sobremesa, ou seguir cun prato de carne.
Decidín seguir e a carne resultou ser un anaco de pluma(?) de Angus. Excelente. O único pero é o acompañamento, unha ensalada de brotes e tomate; tería preferido calquera outra gornición; pareceume repetitiva.

O muiño de Rudiño 20

O muiño de Rudiño 22

O muiño de Rudiño 24

A sobremesa é o único momento no que cada comensal pode elixir entre unha variada selección de doces italianos.
Todos eles, sen excepción, sumamente ricos.

Todo perfecto ata que chegou a conta para enturbar un chisco a experiencia.
O menú sen carne, 30€ persoa, e con carne 34. Inclúe todo menos a bebida. Prezo moi axeitado que fai que a experiencia resulte moi recomendable.
E resultou que o viño, o Tirso 2017, é un viño de case 40€. O primeiro a destacar é que a miña idea de viño que non rompa o peto ten por límite, euro arriba-abaixo, os 25€ botella; así foi, poñamos por caso, e co mesmo requisito, en locais como Culler de Pau, Pepe Vieira, Solla, ou o mesmísimo Diverxo. Os 40 de hoxe é excesivo. Culpa miña por non ter sido máis explícito.
O segundo problema é a relación calidade-prezo; e non me refiro á relación obxectiva senón á miña valoración, como todas, moi subxectiva. O viño era rico, estaba bo, potente, axeitado para a carne. O meu humilde padal non soubo apreciar as bondades –que seguro que as ten– do viño que nos recomendaron.
Cando les na etiqueta que se trata dun viño clásico para entendidos, confirmas que ti non debes ser moi entendido en viños e que polo tanto, para ti, o prezo non resulta rendible.
E cando continuas coa lectura e descobres que está recomendado para acompañar menús importantes e saborosos, pensas que non debería ter sido recomendado para o menú de hoxe, un menú que, agás a carne, que ben merecía o viño, reclamaba un viño máis amable e versátil, non tan selecto (ou debería dicir selectivo?)

Muíño de Rudiño
Teo Iannotta

Cabanelas s/n
36636 Ribadumia (Pontevedra)
639 91 33 06
GPS:
web
Facebook
Instagram
Cociña: italo-galega
Prezo: 30-40€
Peche: reserva imprescindible

Posted in pontevedra, restaurantes and tagged , , .