modern&rural bar

Ao brunch de Casa Samuel (Vilanoviña, Meis), e por 12 euros, non se lle pode pedir máis. Rico, variado e, sobre todo, moi abundante, está á altura do que promete.

Casa Samuel 29

Casa Samuel está a ser un auténtico fenómeno de masas.
Reconversión do local familiar, aberto en 1946, hoxe foi quen de adaptarse aos tempos e idear unha proposta que se adapta a todos os públicos, a todos os petos e, moi especialmente, a todas as horas do día.
Se antes era o típico bar-tenda-quiosco-estanco-administración de lotaría, centro social para ver os partidos de fútbol do sábado á tardiña, e mesmo oficina de correos, hoxe loce con afouteza o slogan modern&rural bar.
Para almorzar, tomar o viño ou un vermú (boa oferta de vermús galegos) coa súa tapa, comer, merendar, cear e tamén, por que non?, tomar unha copa con música en vivo.

Casa Samuel 6 Casa Samuel 8

A carta comeza, como o día, cos almorzos especiais: Café, zume e healthy tortiñas doces, 5,50€; Catro tortiñas recheadas de queixo fundido, pavo lixeiramente braseado e ovo ecolóxico 3,95€; Café, zume e sandwich ou croissant 5.50€; Café, zume e fruit bowl 5,50€; fruit-bowl de iogur natural, cereais, froita fresca e topping, 3,50€; café, zume e tosta de pan artesán de chía 4,5€…
Ademais, ensaladas (Morna de gulas e lagostinos con vinagreta de froitos do monte 8,90€ ou de Aguacate, xamón, ventrecha e pico de jallo 8,50€), racións para compartir (Salteado de patacas con ovos e xamón ibérico 6,95€, Croca de vacún maior con patacas 12€, Táboa intercontinental con humus de remolacha, guacamole, queixo crema e paté de mexillón 6,95€, Luras crocantes 9€, Tortilla de ovos ecolóxicos 8€, Táboa de ibéricos 12€ ou de Queixos 10€…), e Wok, Burguers (de angus con queixo gouda, bacon, pico de jallo, canónigos e mollo deluxe con cachelochips ou boniato 7,90€), 3 unidades de galician tacos, bocatas variados (de raxo 4,95€, de xamón asado 4,95€, de luras 5,5€, de churrasco 6,90€…).

Casa Samuel 1

E, claro, o bruch de fin de semana (con reserva previa).

Casa Samuel 30

A oferta semella unha loucura pero á hora da verdade cumpren con rigorosidade o que prometen.
O que vedes no cartel: café, zume de laranxa natural e auga de sabores; froita de tempada; pans: de sementes de chía e de trigo sarraceno; zona salgada: queixos, ibéricos, pavo braseado, queixo crema, aguacate e ovos; zona doce: healthy tortiñas con masa caseira acompañadas de marmeladas, chocolate, mel ecolóxico e crema de cacahuete; iogur kalekoi (de leite fresco procedente de vacas con estudos) con cereais e muesli.
E todo o anterior por 12€ persoa.

Vexámolo en fotos:

Casa Samuel 10
A mesa, para catro, antes de empezar

Casa Samuel 12
Queixos, embutidos, pans e as tortiñas salgadas con ovo

Casa Samuel 13
As tostas de froita de tempada

Casa Samuel 9
Froita, tortiñas, magdalena, croissant

Claro que o xamón non é de Xabugo nin o croissant de pastelaría fina…, pero todo está aí, comemos a fartar e deixamos bastantes restos.
Vexamos as imaxes máis polo miúdo:

Casa Samuel 14
O iogur con morango e plátano

Casa Samuel 28
Cereais e muesli para o iogur

Casa Samuel 15
Os embutidos e queixos

Casa Samuel 16
Tortiñas con pavo, queixo fundido e ovo por riba

Casa Samuel 17
Tosta con crema de cacahuete, plátano e sementes

Casa Samuel 18
Tosta de crema de chocolate, noces e amorodos

Casa Samuel 19
Tosta de queixo crema con aguacate e sementes

Casa Samuel 20
A tortiña co seu mel

Casa Samuel 21
O Croissant

Casa Samuel 22
A magdalena

Todo acompañado do zume de laranxa natural e a auga de sabores, ademais do café, que se pode repetir.
E, por se non resulta suficiente, un par de delicatessen persoais en forma de composición fotográfica:

Casa Samuel 23Casa Samuel 25

E iso, o prometido, 12 euros por persoa.
Non cabe dúbida de que o brunch é moi, pero que moi recomendable; un vermuciño no xardín, coa súa tapa tamén (tocounos de carne guisada un día e callos o sábado seguinte); e visto e probado o anterior, calculo que compartir unhas racións ou paparse un bocata tamén debe pagar a pena.

Casa Samuel
Vilanoviña 10
36616, Meis (Pontevedra)
986 715 154
GPS: 42.549164N, 8.704325O
Facebook
Instagram
Carta completa
Horario: diario, de 7 a 1 horas; os sábados e domingos a partir das 8h
Cociña: racións, bocadillos, almorzos
Prezo: brunch 12€