máis furanchos: o de javier

O furancho de Javier está no lugar da Gándara, en Tremoedo (Vilanova). Despois dunha primeira visita entra no grupo de cabeza, dos que destacan: pola cociña e, tamén, polo prezo.

Furancho de Javier 2

A reconversión e o rexistro na Xunta levouno a cambiar a súa sinxela sona orixinal (Furancho de Javier) por un pomposo Asociación Gastronómica y Enológica Javini.
Difícil de atopar para os non iniciados, trátase dun deses furanchos que son segredos ben gardados, agochados entre parras, sen indicacións nin letreiros que nos dean pistas: non chegas se non sabes chegar.
Poñámonos na estrada PO-549, a que une Cambados e Vilagarcía, na rotonda que leva directamente á ponte da Illa de Arousa; pero tiremos para o lado contrario, para o interior, cara a unha segunda rotonda: a de ligazón coa variante da AG-41, a ‘vía rápida’ entre Vilagarcía e a autovía do Salnés. Deixemos esta e sigamos de fronte, pola estrada que nos leva a Tremoedo, a Ponte Arnelas, e, por último a Mosteiro; así chegamos a unha terceira rotonda (caracterizada polo espazo de prácticas das autoescolas locais ou pola panadería Prado y Romero, que por certo ten sona polos seus roscóns); esta rotonda ten cinco brazos; segundo chegamos polo primeiro (o noso, o que vén da Illa), temos, á dereita, o segundo, o que leva ao polígono industrial de Tremoedo e a Refoxos; o terceiro sería a continuación natural da rama principal polo que chegariamos ao campo de fútbol e á escola de Tremoedo, Ponta Arnelas, Mosteiro; a continuación, o cuarto, un pequeno ramal que ten o indicador de ‘András’, e, xa por fin, o noso, o que nós queremos, o quinto e último; esta última estrada é a que nos levaría, de novo á PO-549 (Cambados-Vilagarcía), neste caso á altura do semáforo para entrar cara a Vilanova.
Estamos, pois, situados, embocados na quinta saída da rotonda. Como referencia, e xa que estamos, pronto veremos, á esquerda, a panadería Patri. Imos fixarnos nesta beira esquerda segundo avanzamos; a uns 400 metros imos topar un bar e o primeiro camiño asfaltado; seguimos; máis menos outros 400 metros e atopamos o segundo ramal asfaltado á esquerda (ollo, os dous son pequenos e poden pasar desapercibidos). Imos entrar por este até que poidamos xirar á dereita… e xa estamos; semella que non… pero estamos no furancho de Javier; só temos que seguir até o final, a onde nos leve o coche.
Máis fácil, rápido e sinxelo: coordenadas GPS: 42.550143Norte, 8.792930Oeste. Pero coidado!, nalgúns mapas este punto vai asomar no medio da nada, sen accesos: hai que confiar, pois está alí. Só se trata de localizar o camiño asfaltado que nos leva directamente a el.

Furancho de Javier 1

Crédeme se vos digo que os sensabores das dificultades para chegar teñen comprido premio cando chegamos ao furancho. Como anuncian as súas servilletas, chegar e encher.
Espazo exterior e interior bastante amplos e feitura típica de furancho.
A carta típica, máis algún toque especial coma uns lagostinos ou o polo.
Racións moi abundantes. Somos catro pero, co que pedimos, perfectamente teriamos merendado seis persoas.

Furancho de Javier 4

O viño non é dos mellores (estamos xa a final de tempada, e nótase, enseguida chega o novo), pero vén acompañado dunha boa ración dun xamón caseiro realmente rico.

Furancho de Javier 5

A tortilla: cando pides a típica tortilla furanchil comeza todo un cuestionario para tentar facela ao gusto do consumidor. Pedimos que a tortilla sexa tortilla só de patacas, que si leve cebola e que estea no punto medio de callado: o ovo, nin demasiado líquido, nin a tortilla seca. Efectivamente está no seu punto e, por certo, moi, moi boa.

Furancho de Javier 7  Furancho de Javier 8

A richada: en contra do que vén sendo habitual nos furanchos, serven a richada en dúas fontes, unha coa carne (moita cantidade) e a outra coas patacas fritidas (eu, persoalmente, mesturo ambas pois gústame que as patacas collan o sabor da carne e do mollo de fritila). Tamén a un alto nivel.

Deste xeito, o de Javier, ou Javini, como consta no novo letreiro, pasa a situarse nun lugar destacado do noso ranquing: a comida destaca pola súa elaboración e pola cantidade, o prezo… somos catro e cunha botella de viño e outra de auga pagamos 7 euros por cabeza; dada a ración de xamón de cortesía, o tamaño da tortilla e a abundancia da carne, antóllasenos un regalo (ao final quedan no prato un chisco de tortilla e catro ou cinco bistés: por moito que tentemos, non somos quen de acabar as racións). Confiamos que coa nova vendima o viño mellorará.
Por certo, chamando antes para reservar, ofrécense a preparar menús con algún prato fóra de carta e telo preparado para a hora sinalada (mediodía e noite).
Moi recomendable.

Furancho de Javier
Asociación Gastronómica Enológica Javivi
Gándara s/n, Tremoedo
36628 Vilanova de Arousa (Pontevedra)
+34 697 641 659
GPS: 42.550143N, 8.792930O
Cociña: tradicional, furancho
Prezo: 7-10€