máis de tascas e petiscos

A Tasca do Carregal (Morreira, Braga) é un pequeno local fiel ao concepto de tasca portuguesa especializada en petiscos e cociña caseira. Boa man, moi bo atendemento e bo prezo.

Tasca do Carregal 02     Tasca do Carregal 03

A Tasca do Carregal está na Avenida do Carregal número 162, en Morreira, Braga. En concreto, ao pé mesmo da vella estrada nacional 101, a que leva de Braga a Guimarães por Caldas das Taipas; iso se o que pretendes é ser un auténtico viaxeiro e non un servo máis das autoestradas.

Vén, como está a ser habitual, da publicación Tascas e Petiscos do xornal Expresso.
E, como tamén vén sendo norma, un éxito absoluto.
O que se di dela no libro anuncia ás claras o que imos atopar: ‘A Tasca do Carregal fica fóra do perímetro urbano, mais suficientemente preto como para merecer o desprazamento. Se non polo verde da paisaxe envolvente, entón pola carta variada de apetitosos petiscos. Hai francesinha (7.5€), cachaço assado (5.5€), bolinhos de bacalhau (0.80€) e saladinha de frade. Outras boas opcións, que nunca caen mal nesta casa, son o empadão de alheira e o frango frito. Moitos dos produtos son oriundos desta casa rural miñota, datada do século XIX e xestionada pola mesma familia ata os días de hoxe’.

Atopamos, efectivamente, o comedor situado na antiga adega da casa, en pedra e madeira, e decorado en estilo rural con todo tipo de cacharros polas paredes, columnas e vigas, con retratos de familia de principios do pasado século…, e poñendo en valor os produtos da propia horta.
Unha mestura de tasca rural, adega e salón familiar. Son, apenas, oito mesas, seis delas para dúas persoas. Atmosfera xenuína que resulta moi agradábel e que se volve absolutamente arrebatadora cando comeza a soar Zeca Afonso como música ambiental.
A atención é moi boa, atenta, simple, próxima.

As especialidades son cantadas de viva voz pola dona da casa despois de explicar que as racións son tipo tapa: petiscos para compartir. Ademais dalgunhas das suxestión de arriba, fala dun caldo ou dun queixo para comezar, e de bacallau en diversas preparacións como aposta máis contundente.

Tasca do Carregal 05     Tasca do Carregal 06

De beber pedimos a sangría de espumante e froitos vermellos, un dos sinais de identidade da casa; pouco que ver coa nosa sangría; fresquiña, entra ben, pero mellor tería sido un vaso de bo viño do Douro.

Tasca do Carregal 07       Tasca do Carregal 08

Comezamos co queixo acompañado dunha confeitura de cabaza e un mollo agridoce. O queixo, mestura de vaca, ovella e cabra, madurado en aceite e pemento, está moi bo; o contraste co mollo agridoce (e picante), gústame máis que coa dozura da confeitura.

Tasca do Carregal 09    Tasca do Carregal 10

A continuación compartimos unha lasaña de bacallau; o bacallau, esfiañado e con tiriñas de legumes (cenoira), cohesionadas cunha delicada bechamel, complétase coas capas da masa e vai ao forno. Espectacular. O conxunto destaca, precisamente, por formar un conxunto moi harmonioso, sobresae o bacallau, pero en cada bocado están presentes todos os ingredientes.

Tasca do Carregal 11     Tasca do Carregal 12

Seguimos con outro bacallau; (son cazoliñas de barro e non resultan tan pequenas como para definilas de tapas; todos eles son pratos para unha persoa adulta). Neste caso o bacallau vén en dados, mesturado con repolo, ovo cocido e unhas chispas de oliva negra que lle dan moita vida; por riba e por abaixo, un puré de pataca e tamén acabado de facer no forno; en realidade trátase de patacas esmagadas a man co tenerdor adoptanto unha textura a cabalo entre a pataca cocida e o puré. Radicalmente diferente ao anterior, pero exactamente igual de rico. Moi, moi bo.
Como pasa sempre que unha comida está boa, non podo definirme por ningún dos dous bacallaus; os dous gustáronme moitísimo.

Tasca do Carregal 14    Tasca do Carregal 15

De sobremesa, un xeado caseiro, artesanal, de limón, con mel por riba; rico; en especial o xeado. E aletria.
A aletria (aletría na rexión de Murcia onde aínda conservan a tradición) é un doce de orixe árabe (al-irtiâ) moi típico en Portugal durante o Nadal. En realidade, a aletria é un tipo de pasta de orixe árabe (equivalente a o vermicelle italiano) coa que se cociña a sobremesa do mesmo nome; na actualidade, normalmente utilízase capellini italiano. Vén sendo a redución dun leite (aromatizado con limón e canela) coa pasta, azucre e manteiga, e á que se engaden ao final xemas de ovos ate emulsionar a mestura; a consistencia vai en gustos e depende das proporcións de pasta e leite. O resultado final podemos comparalo co arroz con leite, máis espeso, tirando ao leite fritido, e pasta no lugar do arroz.
Gustoume pero con reservas; exceso de dozura; para entendérmonos, non son nada dado nin ao arroz con leite nin ao leite fritido.

Acabei co meu bo cafeciño portugués e pagamos 16€ cada un.
Pareceume un novo local destacado do Tascas e Petiscos, merecedor das míticas tres B (bo, rico e barato). Como ben opina o libro, paga a pena o desprazamento duns poucos quilómetros para chegar á Tasca do Carregal e saborear todas as súas cualidades.
Moi recomendábel ou, o que é o mesmo, repetiremos.

Mosteiro de Longos Vales 02     Mosteiro de Longos Vales 04Sistelo 11     Sistelo 09Fortaleza Pazo de Giela 03     Fortaleza Pazo de Giela 19

Hoxe ía de turismo e compras.
Pola mañá fixemos a ruta de Monção a Arcos de Valdevez por Longos Vales e  Sistelo, pasando polos que aínda se poden considerar últimos coletazos da Peneda, por alí por onde nace o río Vez. Falamos da EN 202-2.
Estrada recomendábel en si mesma; as vistas ao principio, cos interminábeis campos de viñas de albariño de Longos vales, hoxe con atractivos tons outonais, ou, pouco despois de Portela, onde cambias de cunca, a perspectiva completa do val do Vez pagan unha visita en cada cambio de estación. Pero, ademais, o descoñecido mosteiro de Longos Vales (apenas sobrevive a ábsida pero esta, coa súa colección de canzorros, é moi destacábel); tamén a aldea de Sistelo (‘O Tíbet portugués’), pertencente ás Aldeias de Portugal e punto de partida de diversos trilhos polo río Vez cos seus famosos ‘passadiços’, rutas que se están a converter nunha das atraccións estelares dos afeccionados ás camiñadas de Galicia e norte de Portugal.
Xa ao final, moi cerca de Arcos, e para resumir a mañá nun só lugar, está a visita ao Paço-Fortaleza de Giela. A día de hoxe é o resultado de dúas etapas construtivas: da primeira metade do século XIV, e a de inicios do século XVI. Acertada rehabilitación e notabilísimo espazo da arquitectura civil.

Tasca do Carregal
Avenida do Carregal 162, Morreira
4705-513 Braga
+351 933 519 915,  253167378
GPS: 41.500767N,  8.401017O
Facebook
Cociña: tradicional portuguesa
Prezo: 10-20€
Peche: luns, martes; domingo noite.