mesón carnicería o cruce

O mesón-restaurante O Cruce (Vilatuxe, Lalín), ao abastecerse da propia carnicería, ofrece unha carta excepcional de carnes e un cocido á altura dos mellores de toda a comarca do Deza.

Mesón O Cruce 30

Primeiro cocido en Lalín da tempada 2021-22.
Cando xa levas media ducia e media de cocidos de Lalín ás costas, aprendes a valorar; non a puntuar nin cualificar. Valorar: este si; aqueloutro un pouco menos.
Este do Cruce, si; e léase un si enorme, en maiúsculas, esas mesmas maiúsculas das que non me gusta o abuso nun texto con pretensións de corrección lingüística.

A piques de cumprir os once anos de idade, dato que nos ascende á categoría de dinosauros antediluvianos no mundo dos blogs gastronómicos, e despois de 518 entradas, en Como, logo existo xa analizamos máis de un cocido de Lalín.
Lembro de xeito especial os de La Molinera, Currás e Cabanas, que foron anteriores ao blog, e xa con presenza nestas páxinas, cocidos como os de La Estación e Agarimo.

O Cruce

O Cruce está Vilatuxe, uns pasos máis adiante da estación e de La Estación.
Vive acompañado da carnicería Canda, que así se chama esta parte do negocio, para presumir de carnes de vacún e de porco de produción propia.

Nós viñemos ao cocido pero iso non quita para interesarnos polo resto da carta.
Entrando, á dereita, vemos un pequeno viveiro de mariscos no que destacan uns lagostinos do tamaño dun antebrazo. Seica este Cruce tamén ten sona polo seu marisco.
Durante a comida, o que máis vemos pasar son táboas de madeiras con diversos cortes de carne e cunha feitura que namora só de vela; cando se trata de grandes cortes, o cociñeiro e propietario sae a cortar a peza na mesa dos comensais.

A carta é ampla e moi variada.
Se nos centramos nas especialidades (por encargo, e como mínimo para 2 persoas) temos os arroces: Lumbrigante con arroz (25€) e o Arroz mariñeiro de berberecho e ameixa (22€). Tamén o Capón, o Cordeiro e o Kiko (20€). Por suposto o cocido (25-30€), e a Caza e a lamprea en tempada.
A sección de carnes tamén merece un destaque. Por citar exemplos para todos os prezos temos desde o Filete de tenreira (8€) ata o Chuletón de 1 Kg, o Solombo e o entrecosto todos eles de boi de Bandeira a 90€. No medio, algúns cortes máis accesibles (Croca de tenreira 14€, Solombo de tenreira 18€, Pluma de porco ibérico 16€, o Secreto, tamén de porco ibérico, 17€ ou o Churrasco de tenreira con patacas chourizo crioulo e ensalada, 16€. No tramo alto e sen chegar ao extremo, están os pratos nos que a protagonista é a vaca de Bandeira (Solombo, Entrecosto e Chuletón) por 45€, ou o Chuletón de tenreira de 1Kg, 32€).

Na carta atopamos un dos elementos distintivos (e moi, moi pouco usuais nun establecemento que se autodefine como mesón); a portada e a contraportada reproducen un fermoso bodegón do forcareicense Xosé Barreiro. O orixinal está colgado no comedor xunto con reproducións de Laxeiro, un orixinal de Sucasas e numerosas serigrafías numeradas de motivos gastronómicos.
Lémbrame a aquela carta de Toñi Vicente en Compostela tomando como referencia a Laxeiro.

Meson O Cruce

O cocido, encargado cando reservamos mesa, comeza cunha saborosa sopa pouco graxenta para ser de cocido, e na que non podo reprimir botarlle unhas codias de pan.

Mesón O Cruce 14

Inmediatamente, o que considero o elemento máis distintivo do cocido de El Cruce: en táboa de madeira, media cacheira (somo catro) que o camareiro trincha con mestría. Un auténtico luxo. Os puntos de cocción e sal son excepcionais. Mágoa que non traía todos os bocados interiores; hai algúns anacos de magro do interior do cranio que son a quintaesencia do porco.

Mesón O Cruce

As patacas e a verdura (verza galega) posúen outra característica que as diferenza da xeneralidade coñecida. Tiña referencia de casas do meu círculo (máis de unha) nas que lle botan aceite ao cocido. Hoxe, as patacas e a verdura viñan embebidas en abundante aceite de oliva.
Ben, pero prefiro unha boa cocción nas augas do cocido e sen aceite; o aceite enmascara o sabor que deben ter unhas boas patacas e verduras coas esencias das carnes.

Mesón O Cruce

A fonte cos garavanzos e os chourizos, estes de carne e de cebola.
Para min desatacan os garavanzos; malia ter ascendencia zamorana, non son moito de garavanzos no cocido; a estes de hoxe nótanselles as horas de cocción nun auga cargada de sabores a porco; intensos e moi tenros; esmagados con pataca e salteados co chourizo son unha bomba de sabores.
Os chourizos de carne á altura da calidade dun restaurante que se autoabastece.
O chourizo de cebola é o único elemento dun cocido que nunca probo.

Bandexa con lacón, costela salgada e tenreira.
Tamén coas súas peculiaridades. O lacón, talladas grandes e cun corte fino que non é moi habitual; diría que 1cm de espesor; mantén todo o seu sabor e non me molesta en absoluto. A costela vén cortada transversal e non lonxitudinalmente; non entendo o motivo pero tampouco me molesta.

Gustoume o cocido.
Cada maestriño ten o seu libriño, e o cocido galego non pode ser menos; aínda máis: en Galicia é difícil atopar dous cocidos iguais. Os costumes familiares marcan tendencia. Garavanzo ou faba? Tal vez ningún dos dous? Grelos ou repolo? Quizá de ambos? Tenreira? Galiña? Polo? Que corte da tenreira? Unlla? Rabo? Óso de Soá? Orella? Unha tarteira? Dúas? Cinco?…
En fin, estame a apetecer escribir unha entrada dedicada por enteiro ao cocido galego.

Cando chegamos á sobremesa confirmamos que son bandeira en Lalín os doces cos que se completa un bo cocido. E tampouco nisto hai coincidencia.

As sobremesas

Mesón O Cruce
O queixo con marmelo

Mesón O Cruce
Filloas e cañas

Mesón O Cruce
O requeixo

Mesón O Cruce
A filloa con requeixo e mel

Mesón O Cruce
As herbas

Acompañado dun máis que decente mencía da casa e as correspondentes augas, cafés e chupitos, estamos ante un prezo pechado: 30 euros por comensal.
Contando con que o último en Agarimo (xaneiro de 2013), xa foron 35€, paréceme un prezo ben axustado.

Mesón Restaurante O Cruce
Lugar de Vilatuxe, 10
36519 – Lalín (Pontevedra)
986 782 428
GPS: 42.616431N, 8.1901537O
mesonocruce.es
Facebook
Instragram
Cociña: galega, tradicional
Peche: luns
Prezo: cocido 30€; carta a partir de 25€