merendeiro casa pozas

Ademais das míticas empanadas e doutras especialidades que van moito máis alá dun sinxelo merendeiro, Casa Pozas (Cabeiro, Redondela) ofrece un completo cocido dominical por 35 euros para dúas persoas.

Casa Pozas 1

A estrada que baixa do aeroporto de Peinador a Redondela é unha especie de milla de ouro da rica gastronomía redondelá.
Por citar dous exemplos nos antípodas, poderiamos falar do bar La Cueva e do restaurante Lemos.
La Cueva, arriba, máis cerca do aeroporto, baixando á dereita, é pouco máis que un bar de comidas que ofrece cociña caseira a prezos moi, moi asequibles.
O restaurante Lemos, bastante mais abaixo, case chegando a Redondela e á dereita, é un restaurante de feitura convencional, moi bo restaurante, que destaca polos seus mariscos; coidan os detalles como a decoración do local ou os empratados. Máis caro que La Cueva, pero sen pasarse, ofrece uns servizos e elaboracións que xustifican a diferenza de prezos (ver Restaurante Lemos).

Merendeiro Casa Pozas 07

Entre ambos, na zona de Cabeiro, moi cerca do centro cultural, atopamos o Merendeiro Pozas.
Coñeciámolo como merendeiro e, en especial, polas súas excepcionais empanadas, desas que marcan a diferenza, que xustifican o desprazamento en calquera momento e situación (ver Merendeiro Casa Pozas). Sexa de xoubas, zamburiñas, chocos ou bacallau con pasas (as catro que lle deron sona), todas se caracterizan por unha masa fina moi lograda e un compango abundante, substancioso e nada, nada zumarento.

As fins de semana, e ademais das empanadas, tortilla, luras e outras especialidades para merendar, casa Pozas ofrece cociña caseira.
E no inverno, os domingos, o cocido.

Casa Pozas 7

Somos catro a e a rapaza que nos atende recoméndanos que pidamos unha de cocido para os catro; suponse que a ración de cocido (35€) é para dúas persoas, pero insiste e que vai ser máis que suficiente.
E, efectivamente, non daremos conta do recado.
En casa Pozas presumen da cantidade pantagruélica da súa ración de cocido; estamos ante un deses casos nos que perfectamente poderían ofertar unha segunda ración gratuíta a aquelas parellas que fosen quen engulir a primeira completa; podería ser un perfecto engado para lambóns atrevidos, coa certeza de que é practicamente imposible comer todo isto entre dúas persoas (e, no caso hipotético de atopar un par de tragaldabas que o lograsen, poden apostar a que chegarían ao final sen espazo para un simple alfinete e, moito menos, para retomar o atracón desde o principio).

Casa Pozas 8    Casa Pozas 11

De ter que definilo cun único cualificativo, diría que o cocido de Pozas é o máis rústico que comín en moito tempo.
Tanto ten o sentido que queiramos outorgar á palabra rústico (“1. Do campo, propio da xente ou das cousas do campo”; “2, Feito con materiais de pouco valor e de maneira pouco elaborada”; “3. Que manifesta pouca ou ningunha delicadeza”. Dicionario da RAG).
Cero connotación negativa.
Simple descrición dunha realidade. A verdura, as berzas, semellan acabadas de apañar no eido; canto tempo había que non atopaba fabas nun cocido! Lembro como na casa da aldea, en O Pinto, as tías tiñan esparelladas as fabas no fallado, a secar; non sei se saberían o que son os garavanzos…
Salvo algún bocado protagonista, as carnes son todos despoxos (e, unha vez máis, despoxo como definición, sen ningunha intención de menosprezo): cortes menores con apenas utilización como eixo dunha receita propia. Prevalecen, por riba do demais, unhas boas doses de ósos de soá; como calquera corte, de calquera animal, con esa substancia especial que ten a carne próxima ao óso; malia a súa mala prensa, coñezo gourmets que defenden a soá como parte protagonista do porco. E, de feito, unha das miñas compañeiras de mesa limítase a coller, un tras outro, exquisitos bocados de soá. Un bo chourizo, costela salgada, touciño, fociño, orella e una representación anecdótica de carne magra. No tocante á tenreira, outro corte maioritariamente desprezado e que só sabemos valorar na súa xusta medida os galegos e os portugueses (e, por herdanza, os brasileiros): a costela mamiña.

Casa Pozas 13

A min, que son fanático das carnes menores, gustoume moito o cocido de casa Pozas.
Aos que van buscando a tallada de magro de lacón, a peituga do polo e o bocado de solombo de vaca, temo que non tanto.

Casa Pozas 16  Casa Pozas 18

Doces caseiros: a tarta da avoa e o flan de ovo.
Se contamos con que cada sobremesa está nos tres euros, que bebemos o viño tinto da casa servido en xerra, que pedimos auga e que tomamos café, os 13€ que pagamos por cabeza son un auténtico regalo para unha boa comida de domingo.

Casa Pozas 21b

O merendeiro Casa Pozas segue a ser unha magnífica opción para un merenda ao solpor…, e tamén para unha comida de domingo a prezos case regalados.
O único punto negro, que non acaba de ter solución, e que de casa Pozas saes, invariablemente, cun intenso aroma ao que a nosa amiga Bea chama Ô de Fritânga.

Casa Pozas
Camiño da Milixosa 29
Cabeiro, Redondela
644 455 131
GPS: 42.256990N, -8.625352O
Cociña: Tapas, caseira
Peche: Abre os xoves, venres, sábados e domingos (festivos) a partir das 18h. Sábado e domingo a partir das 12h
Prezo: 8-15€