menú express

Un, que non é moi viaxado pero si gosta de estar ao día, sabe dese bo costume que teñen alúns dos mellores restaurantes do mundo de incluír un menú a baixo prezo ao mediodía. E cando falamos de ‘baixo prezo’ facémolo dun xeito relativo, comparado con eles mesmos, con menús de degustación que na cea poden alcanzar prezos astronómicos… ou no mellor dos casos, prezos que non son para todos os días.
Certo que nalgúns lugares, léase Nova Iorque, pode ser por mor dos rexímenes horarios e os hábitos de vida, noutros casos, París, por ocupar un lugar propio na capital mundial da gastronomía, para que practiquen os hábitos do xefe de cociña os pinches, aprendices e cociñeiros invitados, para cubrir gastos e rendibilizar o establecemento…
No fondo destes menús-oferta subxace o tópico (social) de que a maioría dos usuarios da gastronomía alugada prefiren gastarse un pico nunha cea antes que na comida. A noite, o luar, a cea brinda unhas características de predisposición, de glamour, de complicidade, de intimidade etc., óptimas para acompañar unha boa mesa, codicións que axudan a sublimar unha refección e que dificilmente atoparemos nunha comida ás dúas do mediodía.
Dificilmente… pero non imposible. Nós, particularmente, e por mor dunha idade que non perdoa, xa non somos aves nocturnas e así tiramos máis pola comida fronte á cea. Cuestión de hábitos e de dixestións máis pesadas polas noites ou de gozar e alongar ao máximo unha boa sobremesa sen a visión demoledora da resaca do día seguinte.
A nos favoreceríanos a xeneralización deste hábito que, por desgraza, non está suficientemente estendido.
Malio dito, si comeza a haber restaurantes de certa categoría que, baixo distintos nomes, ofrecen mellores prezos ao mediodía que pola noite. Menú do Día, Menú Express, Menú Executivo, Menú Curto…
Hoxe comimos no Restaurante Acio o seu Menú Express. É a terceira ou cuarta vez que en visita a Compostela en día de diario comemos o menú no Acio e seguímos a consideralo unha moi boa alternativa para a comida de cada día. Iago Castrillón define claramente o seu produto:

“Menú express, semana do 15 ao 19 de febreiro.
Comemos os dous entrantes:
Escuma de caldo con pataca, grelos e chourizo
e
a Menestra de verduras con ovo cocido a baixa temperatura.
E eliximos un segundo:
Pescada con allotostado e patacas
ou
Rissoto de carne guisada.
A sobremesa:
Milfolhas con crema.
15,00 €
(I.V.E. incluído).
O noso menú sérvese de luns a venres
Mediodía: 13:30 a 15:30
Noite: 21:00 a 22:30 (excepto venres)”.
Acio_menu_huevo
A Menestra de verduriñas con ovo
Como todo menú pechado depende moito da sorte do día e das túas preferencias. gustativas A escuma estaba boísima e resultou un prato distinto; o rissoto pareceume demasiado forte para a ración que presentaban e acabaou por empapuzarme un pouco, a pescada, exquisita. Gustounos a milfollas, claro pero os dous somos un par de incorrexibles lambereteiros.
A verdade é que quedamos contentos pero saímos máis satisfeitos en ocasións anteriores.
Malia o dito, ogallá cunda o exemplo e poidamos comezar a imitar costumes que realmente  pagan a pena e a desbotar outras modas que pouco axudan ao desenvolvemento da nosa gastronomía.

Restaurante Acio Iago Castrillón
Enderezo: Galeras 28
Localidade: Santiago (15705)
Teléfono: 981 57 70 03
E-e: evpigar@yahoo.es
Web: —–
Tipo: Mercado-Creativa
XPS: 42º 52′ 53.69″ N    8º 32′ 56.55″ W
Localización en Mapas de Google

Michelín: Big Gourmand
Verema: 7,4 (2)