menu do día na tafona en compostela

Coñecín a Tafona grazas a Manuel Gago no seu Capítulo 0.
Por certo, de xeito totalmente casual, por alí andaba a comer, tamén, o pasado xoves, un 27 de decembro morriñento e sedutor como unicamente se vive en Compostela.
O primeiro que chama a atención deste local é a súa sona: Tafona, e o segundo o apelido, ‘casa de xantar’, expresión galega popular que, paseniño, vai caendo en desuso.
Malia confusión á que nos pode levar a coñecida Tafona da Herminia, na que, en pleno corazón do barrio xudeo de Ribadavia podemos comprar doces típicos hebreos, a palabra ‘tafona’ deixáronola os árabes nun dos seus primeiros pasos por Galicia e fai máis referencia ao lugar no que se elabora o pan que aos doces.
O interior da Tafona é fermoso e agradable, conxugando á perfección a frialdade da pedra coas madeiras e o tapizado que, protexendo o respaldo, arrodea practicamente todo o espazo do local.
Tamén polo trato, próximo pero sen perder en ningún momento a profesionalidade.
A Tafona conta con carta, un menú Tafona (menú do día) e un menú Mercado reservado para as noites do sábado. O menú consta de entrante, prato e sobremesa (en cada caso a elixir entre dúas propostas), que, acompañados de pan e copa de viño ou auga, chegan aos 15 euros.
Como adoitamos facer nestes casos, pedimos un de cada e probamos de todo.

Callos con Kokotxa de bakallau
Raviolis de cogumelos e landras de ibérico
Pescada á romana, limón e xenxibre
Arroz meloso de cordeiro e angula de monte
Polvorón quente, iogur e violetas
Creme broulé de café e praliné
Estamos ante un atípico menú do día: diferente, imaxinativo, moi coidado, espectacular… e absolutamente cautivador para un prezo que raia na ofensa ao esmero e dedicación dos propios cociñeiros.
Valorade vós mesmos a través das fotos e dos nomes con que foron bautizados…
Todos e cada un dos pratos, único e especial. Os callos polo contraste da cococha enriba, a pescada polo rebozado, a broulé pola textura, todos e cada un pola elaboración, pola presenza, polo bos que estaban.
Se hai uns anos falaba da importancia e defendía os menús do día nos restaurantes máis destacados (Menú express en Acio), hoxe reafírmome aínda con máis intensidade e apunto esta Tafona como recomendación especialmente destacada en Compostela.
Tafona, casa de xantar
Rúa Virxe da Cerca, 7
(entrada lateral pola rúa da Tafona)
15703 Santiago de Compostela
Tlfno: 981 562 314
E-Electrónico
Web
GPS: 42.880681N 8.539993W