menú do día no café bar imperial

O Café Bar Imperial está en Negreira e caemos nel por casualidade, na procura dun menú do día. Cociña caseira de moi boa calidade e menú completo por 8.5 euros.

ACO-Negreira-Imperial

Agora que podemos saír máis, e en días de semana, hai que medir un pouco máis o prezo das comidas. En concreto, pensamos en completar un exceso que seguiremos facendo de cando en vez con máis comidas en locais de andar por casa e menús do día. Iso si, procurando, sempre que se poida, manter unha certa calidade e dignidade nas cociñas visitadas.
Esa é a liña que estamos a seguir en Portugal grazas á publicación Tascas e Petiscos do diario Expresso (Xenuínos petiscos portugueses ou Diária na Taberna Soares). Pero eu, persoalmente, non coñezo ningunha guía de Galicia neste senso. Hai magníficos proxectos locais como o de Marta Valcarce en Me como Vigo (Menú del día en Vigo), pero son iso, moi locais.
Se andas por aí polo mundo e descoñeces a oferta, hai que xogar un pouco coas fontes de información: procurar en guías menores (sobre todo turísticas), consultar internet, ou, a mellor de todas, facer como facía o amigo Vicente: preguntar e ir alí onde vai a xente (do lugar).
E se estou a incluír neste Como, logo existo a referencia a todos eses locais portugueses, por que non facelo, tamén, dos que imos descubrindo por Galicia adiante? Igual son bares, ou cafeterías, ou sabe deus que, pero vou informarvos de todos aqueles dos que saímos satisfeitos (dada a idiosincrasia do proxecto, ‘satisfeitos’ quererá dicir que o local en cuestión goza dunha boa relación calidade prezo).

Castro de Baroña 2 2   Castro de Baroña 6 2

Estabamos en Negreira. A idea era visitar a vila, centrarnos no Pazo de Cotón e aledaños, comer alí e regresar polo Barbanza con dedicación especial, nesta ocasión, ao castro de Baroña e ás vistas desde a Curota.
Inicialmente levaba en mente comer en Casa Barqueiro, pero, unha vez en Negreira, e ao non ver oferta de menú diario e que os prezos se ían un pouco do que tocaba para este día, comezamos con outras estratexias.
E dado o punto da vila no que estabamos, todos os indicios e recomendacións conducían ao Café Imperial, xusto ao lado da casa do Concello.
O problema é que, como en principio non tiña intención de incluílo no blog, non temos fotos dos pratos. Mágoa!

ACO-Negreira-Imperial 2

Entrando pola rúa do Carme, accedes a un bar de aspecto vulgar; unha porta ao fondo conduce ao comedor (na mesma liña pero algo máis atractivo, pouco), e desde este, podes saír a unha terraza, esta si, con bastante mellor feitura.
O menú consta de catro entrantes (sopa de polo, ensalada mixta, espárragos con xamón ou lentellas), cinco pratos fortes (tortilla de xamón york e queixo, filetes de pescada rebozados con pataca cocida, lombo de porco empanado, tenreira guisada con champiñóns e arroz, e zorza con patacas fritas) e tres ou catro sobremesas; a elixir un de cada, con bebida, por 8,5€; en vez de sobremesa pode ser café.
Como vedes, a carta do menú é unha mesturanza de pratos menos elaborados cunha boa oferta de cociña tradicional moi ben traballada.
Eu comecei polo xamón con espárragos e ensalada e Carmen as lentellas (boísimas); logo Carmen pasou á tortilla de xamón e queixo (enorme, moi zumenta, con moita chicha) acompañada de ensalada, e eu a zorza con patacas fritas (tamén moi ben). De sobremesas, unha torta da avoa e flan de café.
Ademais, unha pizarra con bocadillos, outra con pratos combinados (entre 4 e 8€) e unha terceira con racións (segredo 8€, raxo 6, chipiróns 8, lacón á prancha 6,5€, chourizo caseiro 6, tortilla pequena 10€)…

Café Bar Imperial 1

Racións amplas, trato amable, rapidez no servizo, comida caseira ben elaborada, prezo axustado… que máis se pode pedir? Seica é un local moi visitado polos peregrinos que fan o camiño de Fisterra. Moi recomendable.

Café Bar Imperial
Rúa do Carme 9
15830 Negreira (A Coruña)
981 88 55 79
GPS: 42.910023N,  8.735706O
www.barimperial.es
Facebook
Cociña: caseira, tapas
Prezo: Menú do día 8,5€

Etiquetado en: , , ,

Translate »