menú do día en doña tapa

Doña Tapa é unha moi boa opción para degustar unhas tapas na esixente Vilagarcía. Onte descubrimos que tamén ofrece un menú do día, rico e abundante, digno de ser visitado.

Doña Tapa 7

A rúa da Baldosa, en Vilagarcía, é unha desas zonas que, como o Barrio Húmedo de León, ou a rúa Laurel de Logroño, falan por si mesmas dunha tradición local que chega a romper fronteiras.
Na Galiza, tradicionalmente, chamamos a estas zonas simplemente ‘Viños’, e non hai cidade ou pobo que non se gabe da súa propia.
Mergullando por aí, resultoume curiosa (ás metades entre edificante e abominable) a historia do nome desta rúa.
Nun principio, na segunda metade do século XIX, foi bautizada como rúa do Marqués de Aranda, por ser este bo home o que cedeu os terreos para o seu trazado (construción moi ligada á da liña do ferrocarril).
Cara a 1913, a rúa foi cuberta con baldosas e os vilagarciáns, sottovoce, pasaron a chamala así, a rúa da Baldosa (oficialmente seguía a ser propiedade do Marqués de Aranda).
Anos despois, a politización absurda e indiscriminada da vida social fixo das súas. Durante a II República converteuse na rúa de “Galán e García Hernández”; mais
durou pouco; despois da guerra civil, os iluminados polo azar, ditaminaron que serían os “Heroes do Alcázar” os que collesen o relevo aos heroes de Xaca.
Houberon de pasar uns aniños para que a política se deixase de parvadas e se recoñecese a sona popular pola que era coñecida polos veciños: A Baldosa.

A rúa Méndez Núñez é, por así dicilo, unha especie de ensanche da Baldosa: o portal que non é restaurante é un bar, e o que non, simplemente cafetería.

Doña Tapa 1

Ao final de Méndez Núñez, nunha zona especialmente concorrida, está Doña Tapa.
Defínense como tapería e viñoteca e teñen unha moi boa aceptación entre a xente local. Ocupa un destacado quinto lugar entre as valoracións de TripAdvisor, sendo superado unicamente, e por esta orde, polo Milongas (parrillada arxentina), Ochiba (asiática), A Castelara (de características semellantes) e La Malquerida (mexicana).

A carta é accesible grazas a un código QR que nos leva a una oferta moi xenerosa e variada.
Está dividida en Mariscos, Revoltos, Racións, Táboas de embutidos, Especialidades da casa e Sobremesas.
Un exemplo variado pode ser: Polbo con gambas ao allo (15€), Mexillóns (vinagreta ou vapor, 7€), Navallas (13.5€), Revolto de gambas e setas (8.5€), Revolto de grelos e gambas (8.5€), Pincho moruno (8.5€), Tortilla de patacas (10€), Puntillas (8€), Ovos rotos con xamón (8€), Croquetas (xamón 6€, gambón 8€), Táboa de xamón ibérico (14€), de queixos (8€), Patacas mimosas (12€, especialidade), Queixo de tetilla, pemento do Piquillo e anchoa (9€, especialidade), Queixo San Simón á prancha (7.5€, especialidade), Raxo á crema (13€, especialidade), Croca de tenreira galega á prancha (18€, especialidade), Solombo de boi con foie de parrulo (18€, especialidade), etc.

A carta de viños, algo curta, destaca pola oferta de viños galegos e Rioxa e Ribera do Douro.

Ten menú do día. Por 10€, un primeiro e un segundo (elixir cada un entre dous), bebida e sobremesa ou café.
Hoxe a oferta é: primeiros (arroz mariñeiro ou ovos ao prato), segundos (pescada á galega ou tenreira estufada con patacas), sobremesas (flan, torta de mazá…)

Doña Tapa 3

Coincidimos nos ovos ao prato de primeiro. Están moi ricos. Notable presenza de chourizo, pataquiñas no seu punto, nos ovos pódese mollar… Todo revolto está moi bo.

Doña Tapa 6   Doña Tapa 5

Unha de pescada e unha de carne.
As dúas a moi bo nivel.
Sabores da cociña tradicional e racións moi, moi abundantes.

Doña Tapa 4

Flan de café e café.
Con caña e viño tinto (un Ribera decentillo do que traen a botella enteira) os 10€ prometidos por persoa.

Gustounos moito o menú.
Haberá que probar un día destes as tapas á carta.

Traballan o menú e as tapas para levar; ben a través de empresa, ben para recoller no local. É mércores. Non hai mesas libres nin dentro nin fóra e o paseo de recollidas na barra é constante ao longo da comida.
Algo terá a auga…

Doña Tapa
Rúa Méndez Núñez 30
36600 Vilagarcía de Arousa (Pontevedra)
986 186 966
GPS: 42.59737N,   8.7656975O
Cociña: tradicional, tapas
Peche: (Habitual) domingo noite e luns todo o día; (temporal) martes noite, mércores todo o día
Prezo: menú do día 10€
Carta
Facebook
Instagram