mar à vista en mindelo

O café do Fernando (Mar à vista) é un bar sen maiores pretensións en primeira liña de praia (Mindelo). Apenas catro pratos grazas aos que acadou merecida sona. Prezos moderados.

Café Bar do Fernando 1

O café do Fernando, tamén chamado Mar à vista, achégase ao libro Tascas e petiscos do Expresso por recomendación do chef Marco Gomes (Restaurante Oficina, Porto). Textualmente apunta que, para el, ‘ten os mellores camaróns e as mellores navallas’, tamén ‘unha gran terraza virada cara ao mar de Mindelo’. Para despois dos camaróns, ‘un ou dous pregos en pan, que son unha ledicia’, e todo isto acompañado ‘coa mellor cervexa de presión do mundo’.

Efectivamente, é un bar moi sinxelo, coma outros miles de Portugal e tamén da Galiza. Se a temperatura, o aforo e sobre todo o vento o permiten, paga a pena quedar fóra, na enorme esplanada que chega case á liña de praia.
Á vista, na barra, o marisquiño do día co seu prezo correspondente (hoxe había camaróns, a 85€ o quilogramo, e lagostinos, a 60; por suposto, uns e outros de alí mesmo, da costa de Mindelo).
Na ‘carta’, case todo son sandes, bocadillos neses pequenos bolos fofiños e triscantes que en Portugal chaman bijou (‘biju’). Prego no pão (carne de lombo e fiambre, 4.40€), Prego misto (o normal, máis queixo, 4.90€), Sande de Paio de porco preto (3.10€ e con queixo 3.30€), Sande esquesita (queijo, alface, tomate e ovo cozido, 3€), de Atum (atum, alface, tomate e ovo cozido, 3€, e con queixo 3.30), Sande de presunto (2.60€, e con ovo, 3.30). Tamén un par de tostas (de tomate, queijo e orégãos, 2.60€, ou de tomate, presunto e queijo, 3.30€). E, xa para rematar, os que chaman ‘salgados’, a 0.90€ unidade, e que poden ser os rissóis (de carne ou camarón), unhas chamuças, bolinhos de bacalhau ou ovo cozido.

Café Bar do Fernando 6

Sendo fieis ás recomendacións de Marco Gomes no libro, pedimos un puño de camaróns e o prego no pão com queijo. Quixemos, tamén, un par de salgadinhos pero non quedaban.
A dicir verdade, os camaróns (algo máis de 200 gramos) están realmente sensacionais; son dun tamaño respectable, frescos, ben cocidos, cun leve picantiño por fóra que asoma, especialmente, cando chuchas das cabezas, que, por certo, están especialmente compactas e saborosas. Unha boa alegría para o corpo.

Café Bar do Fernando 11Café Bar do Fernando 12

O prego tamén moi bo. Unha considerable tallada de lombo de tenreira con queixo e fiambre. O pan de vicio, e o interior, tenro, zumento, co queixo fundido, mestura moi agradable ao padal.

Café Bar do Fernando 9

E tamén, para pechar o círculo da recomendación, dúas imperiais. Posiblemente iso da ‘mellor cervexa de presión do mundo’ é a típica esaxeración da que tanto gostan os irmáns portugueses, pero si garantimos que se trata dunha cervexa moi especial, rica, ben fresquiña e moi, moi ben tirada.

Por isto que vedes, pagamos 16€ cada un (os camaróns foron 20€).
Non temos moi clara unha opinión de como valorar o prezo.
Por unha banda, e realmente, tratouse case dun aperitivo, e por 16€ hai por aí adiante menús do día moi recomendables (mesmo, aquí en Portugal, pode dar para dúas diárias máis que decentes). Carmen está especialmente sensibilizada con esta opinión.
Pero, logo, se analizas cada prezo de xeito individual, por separado, a visión cambia un pouco. Xa sabiamos que os camaróns estaban a 85€, e para dous, por pequeno que sexa o puño, andaremos polos 200 gr. O prego, para os prezos de Portugal, si que é un puntiño caro, 5€ por bocata minúsculo parece esaxerado; pero falamos de ‘caro’ porque, se cadra, estaba mellor máis cerca dos 4 que dos 5€, diferenza escasamente significativa (de feito, a Confeitaria Santa Clara, onde tomamos a sobremesa e o café, e que non está na primeira liña de praia –nin moito menos–, cobra 4€ polo prego no pão 4€). Por último, as cervexas, o típico imperial portugués (máis que a nosa caña, diría que equivalente ao clasico bock),  saen por 1,70€ cada unha (aquí si que non hai queixa).

Confeitaria Sta Clara Mindelo 2

Como o corpo pedía un doce, paramos un pouco máis arriba, na subida cara á estrada xeral, na Confeitaria Santa Clara (xusto fronte por fronte á capela de São Pedro, unha igrexa de estilo moderno cunha feitura moi salientable, ben merece unha rápida ollada).
Tomamos dous cafés e dous boliños dos que vedes: uns follados recheados de cabelo de anxo e con froitos secos por riba simplemente exquisitos. Aquí pagamos 3.70€ en total.

Mosteiro de Pombeiro 40 2         Mosteiro de Pombeiro 35

O día rematou cun fugaz paso pola feira do Móvel de Paços da Ferreira e unha visita máis polo miúdo ao Mosteiro de santa María de Pombeiro, en Felgueiras (coordenadas GPS: 41.382518N,  8.225876O). Indubidablemente paga a pena. Por moitos e diferentes motivos. Ademais da súa historia e influenza, en especial entre os séculos XI e XIV, quedan poucos restos conservados pero, os que quedan, son de enorme valor. Gustoume, por exemplo, o xeito de conservar a fachada románica orixinal a través das diferentes intervencións. Para a visita tocounos un grupo pequeno, sete ou oito persoas, e un guía excepcional (metade guía, metade garda de seguridade); chegados a un dos pratos fortes, o órgano, foi quen de ensinarnos os aspectos máis agochados do mesmo, os foles, os tubos…, e, para rematar a visita, deunos un pequeno pero intenso recital tocando o órgano con mans expertas. Unha marabilla.
Se queredes atopar máis información sobre o mosteiro para valorar por vós mesmas a idoneidade dunha visita, podedes facelo tanto na páxina do Sistema de información para o patrimonio arquitectónico, ou ben na páxina da Rota do Românico.

Café Fernando (Mar à Vista)
Largo de D Pedro IV
4485-475 Mindelo, Vila do Conde
351 252 651 165
351 913 463 774
Facebook
GPS: 41.310017N,  8.739833O
Cociña: marisco, tapas, sandes
Prezo: entre 10 e 20 con marisco ou sen el
Peche: luns