máis sobre a cozinha criativa no norte de portugal

Estes días ando algo enleado estudando as guías de restaurantes portugueses do Douro para o norte. Pretendo facer algo semellante ao presentado para Porto, pero estame a resultar moito máis complicado do que foi daquela. Sobre todo porque son moitos máis restaurantes e as coincidencias entre as guías moitas menos.
A ver que sae.
Mantereivos informados.
Entrementres, algunha interferencia vai saíndo por aí. Por exemplo, o Casa de Lau, recomendación que fan as Fugas de La Voz.
O Casa de Lau é un deses restaurantes rexionais, para min, moi recomendables, que non están en ningunha guía gastronómica. Son deses enigmas que non chegas a comprender por moito que lle deas voltas. En especial no caso portugués, no que o noventa e cinco por cento dos locais responden ao mesmo patrón. Exactamente o modelo de A Casa de Lau.
Restaurante Casa da Lau 01Restaurante Casa da Lau 02

Pero o gran enigma da gastronomía portuguesa segue a ser a falta de locais, e por suposto de cociñeiros, que se saian da tradición e tenten introducir na súa cociña algo máis de creatividade. Semella que a nova cociña atopa moitas resistencias no país irmán.
Posto a reflexionar atopo algúns motivos que poden axudar a entender a situación, pero gustaríame chegar máis ao fondo.
1/ O modelo de restaurante creativo ten un perfil de usuario bastante definido: persoas de nivel social e económico medio ou medio alto e de nivel cultural medio alto ou alto. Profesionais liberais, sector ensino, xubilados con este mesmo perfil…
En Portugal este segmento da pirámide non é tan acusado como en España; existe unha importante greta entre a clase media e a alta.
2/ O modelo de restaurante creativos ten moito que ver co turismo e as zonas turísticas para viaxantes que o fan coa Vermella debaixo do brazo; abonda con ver o mapa das estrelas Michelín en Galicia ou mesmo en toda España. Fronte a Compostela ou ás Rías Baixas, O Retiro da Costiña, o España ou Galileo son claras e moi dignas excepcións.
Agás para o propio portugués (que como xa vimos non conta) e para os españois (que non seríamos suficientes), o norte de Portugal non ten moito gancho turístico, ou, no mellor dos casos, non se vende.
3/ O modelo de restaurante creativo é un dos corolarios lóxicos da Historia da gastronomía, ou, o que vén sendo o mesmo, da Historia da gastronomía francesa.
Coñecida é a cadencia do norte de Portugal cara á cultura inglesa e ese certo rexeitamento, propio pero tamén herdado do amigo inglés, cara a todo o que veña de Francia e mesmo de España.
4/ Disque a cociña forma parte da tradición e da cultura. En certa ocasión, na introdución dun dos roteiros gastronómicos de Portugal, lin unha frase que me abriu os ollos: A culinária faz parte da cultura popular. O portugués medio ten un sentido moi particular e arraigado do que é a súa tradición, a súa cultura popular.
Trátase dun sentido moi ligado a aquilo que se deu en chamar o sebastianismo, o pasado mesiánico, a espera pasiva e improdutiva polo regreso do rei Don Sabastião.

Restaurante Casa da Lau 04

Claro que haberá máis motivos, pero por hoxe creo que son suficientes para ilustrar o fondo da cuestión.
Se algún ten outros, que de certo que os hai, pode compartilos con todos nós.