magnífica comida na taberna, ourense

Magnífica comida na Taberna, Ourense. Nun local e ambiente clásicos, para unha cociña clásica, con servizo clásico… Gran menú de degustación (clásico), de 6 pratos e sobremesa, por 35€ persoa.

A Taberna Ourense 01

Se na entrada anterior (Chocolate en Meaño) falabamos dos Amigos da cociña galega e do seu papel determinante no devir da actual cociña galega, hoxe tocounos visitar un local que está na máis pura tradición dos Amigos e que, de feito, pertence á actual asociación: A Taberna, en Ourense.

A Taberna Ourense 41

Como ben diciamos na introdución, estamos ante un local de corte tradicional, con decoración clásica, rústica, tipo ‘taberna de sempre’ cun certo toque ‘burgués’; os elementos decorativos non son excesivos pero si adecuados ao revestimento dominante: a madeira e os cadros nas paredes…
Resultado final equilibrado, especialmente cálido e agradable, cunha certa sensación de estar nun local case familiar, de toda a vida.
Desde o primeiro momento percibes unha agradable atmosfera de acollemento que se concreta, ao longo da comida, nun servizo especialmente amable, profesional e eficiente.

A Taberna Ourense 38

A carta é ampla e variada. A cociña, cun fondo tradicional moi galego pero con claros guiños a cociñas de alén as fronteiras e evidentes referencias ao mercado de tempada.
No resultado final domina iso que algúns dán en chamar a cociña ‘burguesa’.
Entrantes fríos (ensaladas, queixos, xamón, tostas…), entrantes quentes (caldo galego 5,40€, vieira á prancha con colas de lagostino sobre puré de pataca e caviar de ourizo, 8,9€, navallas 13€, croquetas de centolo 8,90€); peixes salvaxes ao forno ou á sal, prezo segundo mercado; selección de carnes (solombo de tenreira, de porco celta, de boi Wagyu…, na brasa, ao roquefort, á pementa, con foie…, a presa de paleta ibérica á prancha, 12,80€, muslo de parrulo confeitado con mollo de laranxa, 15€…).
Polo que vemos ao noso arredor trunfan os arroces: secos ou caldosos, de verduriñas ou con carabineiros, A banda ou con lumbrigante… Por poñer un exemplo, o arroz A banda para dous son 35€.
En tempada, a caza, os cogumelos, o cocido, a lamprea…
Extensa proposta de sobremesas: desde a torta de chocolate con galletas ata a de queixo de Arzúa ao forno, pasando polo tiramisú, a tarta de filloas, as castañas ou a torrada queimada con crema inglesa e xeado de nata; entre os 4 e os 6€.
A bodega é ampla, ben seleccionada, con moi digna representación para marcas galegas. Buscabamos un tinto en botella pequena e optamos por un esquecido Joaquín Rebolledo que dá a talla con moita corrección.

A Taberna Ourense 02

E, pouco habitual neste modelo de establecementos, un atractivo menú de degustación. Sen moita discusión interna, decantámonos por esta opción de moitos poucos mellor que poucos moitos (á hora da verdade e falando de cantidades, tampouco podemos falar de ‘poucos’: as racións do menú son ben xeitosas e o menú final resulta moi abundante.
Ademais da presentación do chef (a empanada de atún), consta de catro entrantes, un peixe, carne e sobremesa. Prezo: 35€ persoa.

A Taberna Ourense 04A Taberna Ourense 05A Taberna Ourense 07A Taberna Ourense 09

Os entrantes, por orde de aparición: os tacos de salmón afumado con iogurt de herba luísa, as herbas do cóengos con chacina, os grelos con marisco do Cantábrico (revolto), e o foie de pato á prancha con compota de mazá verde e redución de PX. Mención de honra para os dous primeiros, en especial o mollo do salmón e o contraste chacina-ensalada.

A Taberna Ourense 11A Taberna Ourense 12

Peixe sapo con lagostinos ‘A Taberna’ e Solombo de tenreira galega con cogomelos (trompetas). En ambos casos, pratos de excelente execución aínda que un chisco ‘elaborados’ de máis para o que son as tendencias e gostos actuais.

A Taberna Ourense 13 A Taberna Ourense 14

As sobremesas son as únicas que permiten elección entre dúas posibilidades: torta de filloas con xeado de vainilla ou o Gazpacho de froitos vermellos con xeado de nata. Como era de esperar nestes casos, pedimos unha de cada para constatar que ambas están a moi bo nivel.

O prezo, o convenido: coa auga e o Joaquín Rebolledo non chegou aos 40€ cada un.
Paréceme unha excelente relación calidade-prezo e abre as portas a unha nova visita para probar algún dos arroces.
Non en van está recoñecido con un sol pola guía Repsol, está na Michelín e a día de hoxe figura como número 2 dos mellores restaurantes de Ourense en TripAdvisor. Deste xeito, no noso particular listado de mellores restaurantes de Galicia segundo as guías ocupa un destacado 12º lugar, coa particularidade de que está na lista desde as primeiras edicións e sempre en claro ascenso.

A Taberna
Francisco Javier Outomuro

Rúa Julio Prieto Nespereira 32
32005, Ourense
988 243 332
www.ataberna.com
Facebook
GPS: 42.332142N, -7.863030O
Cociña: Tradicional, tempada, burguesa. Menú celíacos
Peche: domingo noite e luns
Prezo: 25-50€. Menú degustación: 35€
1 sol Repsol
Recomendado Michelín
Nº 2 de Ourense TripAdvisor (22/10/2016)


Translate »