luces e sombras na adega das caldas

O local da Adega das Caldas (Ourense) é espectacular; a cociña de corte tradicional con luces e sombras (creo que tiveron un importante despiste) e o prezo de tipo medio.

OUR-Ourense-AdegaDasCaldas

Animados pola presenza nos fogóns de Gerson Iglesias, presente en Cociña Ourense e cunha xa consolidada traxectoria ás súas costas (Ruxe-Ruxe ou A trastenda do catro, en Vigo), alá nos fomos a Ourense, á Adega das Caldas, a ver o que daba de si este cociñeiro na súa nova cociña. Gerson Iglesias é un chef que, así, de entrada, e por experiencias anteriores, conta con todos os nosos recoñecementos.

Adega das Caldas
Imaxe do Facebook da Adega

O primeiro que topamos é un local absolutamente espectacular a escasos metros da ponte Vella de Ourense. Con infinitos recunchos, exteriores, interiores, xardíns abertos, cubertos, bar… autodefínense como ‘xardín urbán’. Iamos sen reserva (é sábado ao mediodía e está bastante ateigado) e condúcennos a un espazo que queda a cabalo entre interior e exterior: feito en madeira por tres dos seus laterais, o cuarto está separado do paseo central do xardín por setos; non vai excesiva calor, pero un rego continuo que cae do teito axuda a refrescar e a crear un ambiente diferente. Un espazo moi, moi agradable.
O segundo, unha carta ampla que semella de corte bastante tradicional pero con detalles (poucos) innovadores. Semella non ter o selo propio de Gerson Iglesias; só unhas pinceladas aquí e alá.
A carta comeza cun apartado de …Para ti, para mi, para compartir, con Táboas (queixos galegos premium 7 variedades, 18€, cecina de vaca con Galmesano e AOVE Abril, 13€), Ensaladas (ventresca, piquiño e aliño balsámico 11€, vegana de quinoa e froitos secos 9€), Tostas, Ameixas mariñeira (15€), Hovos rotos con chourizo ou cecina, Miniburguer de vacún con rulo de cabra e mostarda-mel 4€, Steak tartar de vaca galega 14€, Revolto de lagostinos, queixo e cecina 9€, et.
…Con aletas e branquias. Bacallau ao forno con patacas panadeiras (18€), Peixe sapo en caldeirada con ameixas (19€), Linguado (60€ quilogramo), Dourada (55€ quilogramo), Rodaballo salvaxe (75€ quilogramo), etc.
… Arroces… secos, caldosos, dinos como te gusta más: Arroz con bogavante (25€ persoa), Arroz negro de chocos (16€), etc.
Con cuatro patas e rabo. Solombo de vaca galega (200 gr, 17€), Entrecosto de vaca galega (350gr, 19€), Costela de porco selecta á brasa (800gr, 21€).
… Con cariño y amor, tu momento larpeiro. Filloas (4.5€), Queixos (6€), Torta de cenoria (5€), Torta de Santiago, Adega Edition (6€), etc.

Daquela chega a terceira novidade que cae sobre nós coma un mazazo e vai mediatizar, en parte, toda a experiencia: Gerson Iglesias xa non cociña na Adega das Caldas. Hai exactamente cinco días que deixou as súas cociñas (estamos a 31 de agosto e logo, no Facebook do restaurante, lemos a despedida e agradecemento polos servizos prestados con data 26 de agosto). Unha auténtica mágoa pois o noso obxectivo non era tanto a Adega como seguir a traxectoria do propio Gerson Iglesias.

Adega das Caldas Ourense 2

En fin. Tentemos aproveitar ao máximo a comida. De snack sorpréndennos cun pratiño de camaróns; son de tamaño pequeno (quisquillas), non máis dun puño, pero están realmente substanciosos.

Adega das Caldas Ourense 4    Adega das Caldas Ourense 6

De entrante compartimos unhas ‘croquetas cremosas y crujientes’ (8€) que, efectivamente están moi cremosas e especialmente crocantes. Gustáronnos moito, aos catro. E unhas ‘volandeiras gratinadas con cebolla y cecina’ (17€) que tamén están moi logradas; a receita elaborada con cebola, tomate e substituíndo o clásico xamón que moita xente lle bota por ceicna. Malia decepción da cociña, a comida empeza realmente ben.

Adega das Caldas Ourense 13

Hai un que pide as ‘faceiras de vaca galega estufadas’. Tamén a un bo nivel. Ben traballadas, desfanse na boca de tenras e deixan un regustiño moi destacable. Acompañadas de patacas fritidas, pementos de Padrón e pementos do piquiño ao forno.

Adega das Caldas Ourense 10  Adega das Caldas Ourense 20  Adega das Caldas Ourense 22

Somos tres os que pedimos arroz (todos, menos o de bogavante, que ten que ser para dúas persoas, poden pedirse individualmente). Por esta orde nas fotos, o ‘cremoso de verduras’ (13€), o de ‘callos, chourizo e ovo frito’ (15€) e o ‘negro de chocos’. O de chocos está bo, sen maior problema; pero os outros dous, especialmente o de verduriñas, teñen un toque doce que se vai intensificando ata converterse en insufrible a medida que avanzas na comida. Probamos, compartimos, reprobamos… e así comemos máis ou menos a metade das racións. O meu, o de callos con chourizo e ovos, podería ter estado de morte; no seu punto, nótase, de fondo, un sabor potente, rico…, pero cada bocado satura máis e máis a boca co exceso de dozura até facer imposible calquera outra percepción.
Chamamos ao encargado de sala e pedímoslle que probe. Proba, di que está algo acatarrado e non pode opinar, leva os pratos á cociña; ao cabo dun rato volve pedindo desculpas, ofrecendo que nos preparan outro prato nun momento e que estes dous arroces, por suposto, non van cobralos.
A reacción foi impecable. Pero, claro, o erro que fose (non vou entrar en cal penso que puido ser…) estragounos a comida.

Adega das Caldas Ourense 23   Adega das Caldas Ourense 27

Adega das Caldas Ourense 30

Na sobremesa recuperamos parte das sensacións perdidas. Entre dous compartimos o ‘postre da Adega’ (12€); ademais, un coulant de chocolate 70% (6€) e unha torta da avoa (5€). A sobremesa da casa, moi boa: unha enorme bóla de chocolate branco á que lle botan por riba chocolate negro quente, que vai derretendo e embebendo un interior formado por xeado de vainilla, bólo de chocolate e froitos vermellos; moi, moi rico e abundante. O coulant, tamén ben, e a torta da avoa con esa teima actual da deconstrución sen ton nin son, presentada en bote, separada en capas e demasiado líquida; a nivel persoal, teriamos preferido, e é o que esperabamos, a tradicional torta da avoa sólida.

Bebemos un Godello de Valdeorras (Neno de Viña Somoza), augas e cervexa; tomamos dous cafés e pagamos (como dixemos, excluídos os dous arroces), 30 euros por cabeza.

No momento de rematar, con novas desculpas e un certo aire de xustificación, infórmannos de que están a dar unha volta completa ao restaurante para a nova tempada de outono. Está en marcha un xiro na imaxe corporativa e unha nova carta que terá un carácter máis tradicional galego que a actual. No Facebook pódense ver os primeiros avances.
Sen ser un restaurante descartable, nin moito menos, creo que antes de repetir nesta Adega das Caldas iremos probar en Ourense outras opcións, en especial da xente que creou Cociña Ourense (Anxo Fernández, Restaurante A viuda; Begoña Gago, O Souto das Candeas; David Rodríguez, Pazo de Canedo; Fran Domínguez, Pacífico Café; Gabriel Conde, Portovello Auria; José Luís Fernández, Tapa Negra; Luís Romaní, Sybaris 2.0; Miguel González, San Jaime; Juan Carlos Cortés, Casa Ramirás; Pedro Pérez, Taberna Vinaria. E, Por suposto, probando a pastelería de Martín Sousa, seguindo, alí onde vaia, a Gerson Iglesias e repetindo con Marco Varela, no Sábrego).

Adega das Caldas
Avenida das Caldas 11
32001, Ourense
988 615 884
Facebook
GPS: 42.347293N,  7.869336O
Cociña: tradicional, galega
Prezo: menú do día 15€. 35-40€


Translate »