Do furancho de Ángel, o que nos tiña chegado, por Laura e Mayka, era a sona das súas espectaculares caniñas recheadas.
Daquela, hoxe, unha vez levantada a veda, alá nos fomos Carmen e mais eu a comer.
O de Ángel é un dos furanchos de Cobas, na zona de Aldea de Abaixo.
E hoxe, sábado ao mediodía, ía bastante ben servido de clientes, así que o aparcamento que ten xusto enfronte resulta máis unha necesidade que unha excentricidade. Quero lembrar que no momento de máxima intensidade habería unhas dez mesas ocupadas cunha media de catro persoas por mesa. A dilixencia da única persoa a servir e da cociña evitan demoras excesivas.
Local moi amplo, con predominio da madeira e numerosos detalles decorativos da tradición rural galega. Magnífica reconversión ao concepto de taberna. Unha lareira acendida nun curruncho dá calor física e tamén ambiental ao enorme baixo.
Como manda a tradición do auténtico furancho, antes de que pidamos xa nos traen as dúas cuncas de albariño e un pratiño con xamón asado.
Inmellorable comezo de festa.
Oferta típica: tortilla, polbo, richada, zorza, cordeiro, galo…
Seica xamais aprenderemos. Pedimos a tortilla e a zorza e o rapaz que nos atende avisa e anota pola súa conta que as dúas pequenas, que vai ser moito… Unha vez máis o tempo daralle a razón.
A tortilla está, sinxelamente, espectacular. Sen dúbida unha das mellores do Salnés; e mira que xa che temos catado un par delas…
Ben feitiña, no punto, ben callada mais tamén xugosísima, especialmente saborosa.
Un dez para a tortilla.
A zorza mantén o nivel da tortilla. Carne magriña, adubada no punto exacto, sen ese exceso de picante que disque lle botan para tirar da fecha e que ao final esmaga a bondade de pratos que poderían ser de alta cociña. As pataquiñas, acabadas de fritir a lume non moi vivo, co leve mollo da zorza, segue a parecerme un bocado exquisito.
Sendo unha barbaridade para dúas bocas pequenas como as nosas, ao final, e aos poucos, case damos conta de todo.
No tocante a temas do bandullo, ás veces non hai mellor valoración.
Claro que aínda quedaba o pracer máis doce: as sonadas caniñas.
Estamos ata arriba pero pedimos unha para cada un… por aquelo de probar…
Aquí si que o Ángel se sae completamente da normalidade dos furanchos. Frescas, crocantes, con leve toque de limón, a suavidade da crema… estas canas pásanse catro pobos por diante da vulgaridade da sobremesas ao uso nos furancho.
Ademais, e por se fose pouco, tamén ofrecen mousse de chocolate, puding, outra torta caseira non lembro moi ben de que…
Como para repetir outro día só a base de albariño e doces.
Con café (de máquina), pagamos 19 euros entre os dous. O motivo definitivo para anotar que hai que deixarse caer a cada pouco por este furancho de Ángel que xa pasa ao pelotón de avantaxados dos nosos furanchos de cabeceira.
Furancho de Ángel
Aldea de Abaixo 9
Cobas. Meaño.
36 Pontevedra
Teléfono: 670 518 577
GPS: 42.478958ºN 08.777874ºW
Localización en Mapas de Google