lembrando os tempos de montañeiros celtas…

O Bar Monte Aloia é unha opción segura e, a día de hoxe, xa histórica; leva unha chea de anos alí, no curuto do monte Aloia, e segue moi vivo.

Bar Monte Aloia 1

O Monte Aloia ofrece unha cociña tradicional, con tapas e algúns dos seus clásicos (as empanadas, ese bacallau…). O prezo, normal, tira a barato.

logo

Son moitos os colexios e institutos da zona que aproveitan calquera desculpa para achegarse alí para as comidas de grupo. Este era o noso caso, desde Gondomar. Para a comida de fin de curso e despedida aos compas que cambian de destino; algúns, Antonio, Pilar, desde hai a frioleira de vinte anos; outra, Begoña, non tanto, pero si suficiente para tamén collerlle cariño. Unha boa ocasión para facer historia do instituto.

Bar Monte Aloia 4

Entre os entrantes ofrece a mítica empanada (pode ser de carne, bacallau, chocos na súa tinta, zorza, zamburiñas, lacón con grelos…), a 4€ ración, ou a empanada de millo (zamburiñas, xoubas, bacallau), a 5€; polbo á feira 12€, luras fritidas, 8€, croquetas de carne, 10 unidades 6.5€, tortilla de pataca 9€, etc. Ensaladas entre 4.5€, a mixta normal (leituga, tomate e cebola) ata 6€, a completa (leituga, tomate, cebola, remolacha, cenoria, olivas, ovos, espárragos e atún). No medio, a ‘Cabanas’ e a de froitos secos.
Entre os peixes unha das especialidades históricas da casa: o bacallau (ao forno, na brasa, cocido), 17.5€ a ración; e, tamén, a pescada (10€), o sargo (forno ou brasa), 12€, o xurelo á brasa, 3.5€ unidade…
Carnes: filete de tenreira ao ferro, 7€; xamón asado, 7€, churrasco de porco, 10€, de tenreira ou mixto, 11€, chourizo crioulo, 3€ unidade, etc.
Fóra de carta, e por encargo: bacoriño, lamprea e cocido (de outubro a marzo todos os festivos e domingos; o resto de días, só por encargo).
E, tamén fóra de carta, algunha proposta do mercado do día; hoxe, anunciadas na porta, as sardiñas (1.5€ unidade), os choco ao ferro (12€) e as xoubiñas fritidas (6€).

Bar Monte Aloia 5Bar Monte Aloia 6Bar Monte Aloia 7

Iamos con menú pechado e comezamos, coma non podía ser menos, con tres empanadas distintas: de bacallau (millo), de carne e de chocos. As tres radicalmente diferentes, as tres absolutamente deliciosas. Paga a pena a, tamén clásica, subida ao Aloia (non é obrigatorio en bici), só pola empanada.

Bar Monte Aloia 8Bar Monte Aloia 11

Logo chegaron as luriñas e as croquetas de carne; sen menosprezar as croquetas, mellor as luriñas: só rebozadas en fariña, sen ovo, como a min me gustan. Estaban moi ricas.

Bar Monte Aloia 12Bar Monte Aloia 16

De prato principal podía ser a pescada en salsa de vieiras ou o churrasco mixto (tenreira, porco e chourizo crioulo). Eu tirei polo churrasco e non estaba nada, nada malo. Como xa nos ten pasado ultimamente en máis dunha ocasión, nós, que somos máis de porco, atopamos o de tenreira especialmente bo, especialmente rico, ben traballado na brasa.

Bar Monte Aloia 17    Bar Monte Aloia 18

De sobremesa, a elixir entre as propostas da carta (pexegos caseiros en xarope 2.8€, flan de ovo caseiro 3€, arroz con leite 3€, torta de Santiago 3€, torta de filloas 3,5€, etc. Eu tirei polas caniñas (nata ou crema) e teño que dicir que non me equivoquei en absoluto: moi ricas. Só me quedou a espiniña de non probar os pexegos.
Coas bebidas (viños branco e tinto de colleita propia, bastante normaliños), cafés e chupitos pagamos 22€ por cabeza.

Gustoume a comida. Ademais da alegría do reencontro coas compañeiras, e da emoción das despedidas, foi unha comida moi agradable. Sobre todo se temos en conta as dificultades que conleva a elaboración dos menús para grandes grupos (seica a única que sufriu un pouco as consecuencias de cociñar para tanta xente foi a pescada, que estaba un chisco pasada).
Penso volver calquera día destes por libre para ver se se manexa igual de ben nas distancias curtas (ou, incluso, poida que aínda mellor).

E, claro, antes ou despois de comer, unha boa andaina polo parque natural.
Nós fixemos unha volta arredor dos miradouros que, se o tempo acompaña, que por desgraza non foi o caso, é unha auténtica ledicia.

Bar Monte Aloia
Parque Natural do Monte Aloia
36700 Tui (Pontevedra)
673 628 949
986 685 160
GPS: 40.084238N,  8.679172O
Facebook
Cociña: tradicional
Prezo: 12-25€