os segredos dun éxito puxante

La Tapería de Manu, en Tui, vive momentos de esplendor. A receita, cociña variada e sempre recoñecible, modernidade contida, prezos que non asustan… e un menú do día que arrasa.

IMG_20211210_154322383

Cada quen debe xogar na liga que lle corresponde e non forzar a súa propia identidade para ascender a una liga superior.
Nisto da gastronomía, ser o mellor no teu, non garante (nin moito menos) unha vida folgada noutra categoría diferente. E exemplos hai abondo para demostralo.
A de Manu é unha liga clara, a dos petiscos ou ‘tapas’, sen renunciar a pratos cunha maior presenza.

A partir de aí, unha das claves do éxito está nun moi atractivo menú do día.
Ao mediodía tes a carta completa para elixir os dous pratos que che apetezan ese día; xunto co pan e a bebida son 12.50€, e se queres sobremesa, un euro máis. A opción curta, un só prato, son 9.5€.

Servizo moi amable e rápido que move á perfección unha importante cantidade de mesas.

O local é moderno, sen excesos, equilibrado, agradable.
A gran fiestra na que nos sentan ábrese a unha marabillosa vista sobre o val do Miño, co convento de san Domingos en primeiro plano e o monte do Faro ao fondo.

IMG_20211210_142818370

A carta, presentada en forma de manteliño individual, é ampla, variada e atractiva.
Entrantes fríos: Táboa de embutidos ibéricos (13.50€), Táboa de paleta ibérica e queixos (13.50€), Presa de trigueiros con salmón afumado, vinagreta e alioli (8.50€) ou Chacina de vaca (10€).
Ensaladas: de outono (leituga, cóengos, tacos de queixo fresco, tacos de marmelo, noces e queixo curado raiado, 7.5€), de tomate con anchoas, cebola e queixo tetilla (8€), da casa (leituga, tomate, atún, chícharos, espárragos e olivas negras, 7€), ou Milfollas de tomate con salmón afumado e gulas (8€).
Entrantes quentes: Croquetas (de marisco 6.5€, de cabrales 7€), Verduras na grella (cabaciña, tomate, setas e cenoria, 7.50€), Tortilla da casa (con cebola e chourizo, 7.50€), Revolto rioxano (ovo, champiñón, xamón, espárragos trigueiros e pementos do piquillo, 6.80€) ou Polbo con tetilla e escalibada (13€).
Tostas: Salmón afumado, marmelada de tomate, queixo de cabra e améndoas tostadas (3.80€), Salmorejo con paleta ibérica e aceite virxe extra (4€) ou Chacina con foie de parrulo e cebola acaramelada (4€).
Pastas e arroces salteados: Elicoidali con polo ao curry (8€), Tagliatelle verde con pesto (8€) ou Arroz basmati (salteado con gambas e soia 10€, e salteado con verduriñas 7.50€).
Peixes e carnes: Espetada de peixe sapo e lagostinos (12€), Lombo de pescada en salsa verde (9€), Espetada de polo con mel, soia, sésamo con salsa agridoce (7.50€), Faceiras de tenreira estufadas (8.50€), ou Tacos de tenreira á prancha (10.50€).

IMG_20211210_150237555.MP  IMG_20211210_150304606.MP  IMG_20211210_150328429.MP

Somos tres e compartimos tres entrantes diferentes: Pementos do piquillo, Croquetas de marisco e bocartes en vinagre.
Quedo coas croquetas (saborosas e cremosas) e cos bocartes. Non son moito de pemento.

IMG_20211210_151706679.MP  IMG_20211210_151719849  IMG_20211210_151730847.MP

Pratos principais: Secreto de porco ibérico con mollo de champaña, Solombo de parrulo con puré de plátano e canela, e Spaghetti con salsa de marisco.
Os tres manteñen moi ben o tipo. En especial os meu spaghetti con mollo de nata, esencia de marisco e un par de gambas; están moi ben, moi ricos.

IMG_20211210_153922631  IMG_20211210_153849426.MP  IMG_20211210_153943912

Como ben se pode ver, tanto a vaixela como o empratado están moi coidados, animan a meter o dente á comida.

Estamos ante unha cociña ‘resultona’, sen moitas complicacións nin técnicas sofisticadas, pero feita con agarimo, e o resultado percíbese canto caes na conta de que hai mesas que fan tripla quenda; cando nós nos levantamos pasadas as catro e media, a mesa a carón da nosa ocúpase nese momento. O prezo do menú é moi atractivo para a oferta.
Imprescindible reservar.

La de Manu
Calvo Soltelo 40
36700, Tui (Pontevedra)
674 54 94 94
GPS: 42.049218N, 8.643186O
Facebook
Cociña: tapería, internacional
Prezo: menú do día 12.50€