ilustrísima

Nunha paréntese entre lecturas maiores (polo prosaico criterio do volume, vive deus que non por outros), aproveito para recuperar con novos ollos esta peciña sinxelamente marabillosa de Carlos Casares.

Ilustrisima 1

En Ilustrísima, Casares describe de xeito delicioso as tensións entre tolerancia e conservadurismo, entre equilibrio e dogmatismo, entre sentido común e toda clase de ‘ismos’, confrontacións que en moitos máis casos dos desexados dan como resultado as soidades e a claudicación do único home xusto da novela.
Ante a chegada do cinematógrafo a unha pequena cidade de provincias, o bispo ten que usar todas as receitas á súa disposición para evitar que as xentes de boa fe da súa diócese (desde o seu propio secretario ao máis baixo habitante dos barrios baixos) estigmaticen, condenen e mesmo cheguen a prender lume ao facho do progreso, e todo en aras da textualidade duns escritos sagrados que a maioría descoñece, da fraxilidade dunha moral colectiva que prevalece sobre as crenzas individuais.

Cinematografo Lumiere

Polo medio, para o noso deleite, e quizá para manter o lume do aforismo aquel de comer como bispos, as referencias gastronómicas son constantes e achégannos a un Casares para min esquecido, quizá descoñecido.

Ilustrisima 2

Aí vai un primeiro grolo, xa ás primeiras de cambio, en forma de menú completo: ‘Apurou (Ilustrísima) o consomé, protestou delicadamente porque o bisté estaba demasiado feito, pediu a cambio un par de magras de xamón, fixo unha mestura de mazás con queixo a modo de postre…’

Ilustrisima 5

Outro menú de principio a fin: ‘…na casa da cal Ilustrísima probara o mellor cocido da súa vida, comera o año máis saboroso que acariñara o seu esixente padal e dera conta dun flan que non tiña comparación nin igual en toda a diócese…’
E outro máis: ‘Ilustrísima calou. Comeu a sopa sen ganas. Diante dun ollomol ó forno, espléndido de gornición e ben servido, fixo un esforzo, pero non conseguiu pasar de dous bocados. O postre deixouno enteiro’.

Ilustrisima 6

Quizá para probarnos que os bispos tamén son de carne e óso, ou talvez, máis crible, para trasladar ao plano físico as tensións que sofre o noso protagonista, Casares enfronta a Ilustrísima a unha nocturna e demoledora cagaleira matizada desde os primeiros síntomas á solución final: ‘Despois da dieta obrigada imposta polo médico presentóuselle de improviso unha inapetencia que se manifestou por vez primeira diante duns medallóns de salmón empanados con champiñóns e salsa bechamel…
Encargou dúas xornadas despois un bacallao adobiado con uvas pasas e non puido nin sequera encetalo. Probou máis tarde cunha empanada de berberechos e foi novamente derrotado. Ilustrísima viuse obrigado a aceptar que as miserias do corpo se fixeran tamén para el e loou a Deus por recordarllo’.
‘Pasando por diante dunha panadería, o cheiro a empanada de raxo recordoulle a desgracia dun apetito ido que non acababa de volver e sentiuse máis xustificado aínda na aventura que viña de emprender.’
‘Xa en Palacio, mentres tomaba notas sobre o que acababa de ver, aínda coa emoción nos ollos e no peito, sentiu que o fuxido apetito anunciaba a súa chegada de xeito violento e imperioso. Dispuña dun par de libras de chocolate, pero ó día seguinte tiña que misar.’

Ilustrisima 7

Claro que tamén están as metáforas e comparacións de apetitosa inspiración larpeira: Por riba do Libro dos Macabeos, Ilustrísima ‘prefería o zume exultante e pagán do Cantar dos Cantares, o seu sabor a viño de bo labio, o padal groso dos seus versos’.

Ilustrisima 9

E outra aínda máis completa: ‘Ilustrísima sentía diante de periódicos e revistas unha ansiedade larpeira… Ás veces incluso retardaba o momento para dilatar aquela sensación agradable, do mesmo xeito que tiña o costume de deixar a un lado do prato o bocado máis apetecido, que consumía ó final cunha delectación pausada e consciente… Retrasaba a hora dos periódicos ata media mañá para facela coincidir coa parva: pan fresco, tacos de xamón duro cun fondiño de tinto de Amandi’.’

Ilustrisima 8

E, xa para rematar, vemos como o Ilustrísima de Casares mesmo ousa aleccionarnos cunha zumenta disquisición teolóxica de pecaminosas conclusións, e iso porque resulta comprometido chegar ao grao do sacrilexio:
‘Aínda chorosa, a monxa iniciou un movemento de protesta nos labios que o bispo cortou rápido:
– Xa sabe o que di santa Teresa sobre os pucheiros. Teño un xamón ben curado que mesmo alegra o corazón. Con pan fresco do forno da ‘Canóniga’ e un vasiño de viño, arestora axudaranos a ver as cousas con máis serenidade.
– Eu non teño costume -dixo sor Sabina-. Ademais -engadiu- estou segura de que o meu confesor mo reprocharía.
– Cando El Señor se fixo home dignificou todas as cousas deste mundo. Xesús comía.
– E xaxuaba -atreveuse a puntualizar a sor.
– Pero o xaxún era a excepción. A fame abre as portas da alma ó pesimismo e á tristura. Por aí entra moitas veces o demo.’

Etiquetado en: ,

Translate »