homenaxe a un gran cociñeiro. o xantar de otelo

Antes, cando non existía outra oferta de formación que a propia cociña da vida, non había mellor escola que un pesqueiro de tamaño medio. Sacar o máximo dunha despensa limitada e con ela restaurar forzas e contentar a un puño de homes rudos e esixentes despois de render nun dos traballos máis duros que quedan, é un reto diario con parada e fonda tres veces ao día.

O Xantar de Otelo 1

Foron moitos os que así naceron e así morreron.
Algúns, os menos, souberon (ou puideron) ancorar a tempo e facerse un oco en terra. Manolo foi un deles. Ademais de escola, tiña man, unha man incrible; posuía ese don natural que converte o bo en excepcional, o rico en marabilloso.
Que tería sido de Manolo de nacer noutro momento máis oportuno! E de poder ter unha formación antes de embarcar na escola da vida! E de gozar dun pouco máis de sorte! En fin. Hoxe lembraría del algo máis que un nome e unha chea de sabores.

Manolo fíxose na cociña dun barco.
Logo, cando alguén da empresa (MAR) uliscou que o seu olfacto culinario destacaba por riba dos demais, levouno para o Puesto Piloto do Calvario, en Vigo; de aquí saltou ao que habería de se converter nun dos buques de aire fresco que foron aqueles Amigos da Cociña Galega: o Puesto Piloto de Alcabre.
En poucos meses independizouse e colleu a concesión do bar da estación de Redondela. E así, unha triste cantina de estación pasou a ser un centro de peregrinaxe gastronómica. Sei de gourmets de toda Galicia que se deixaban caer por alí só polas súas croquetiñas, polo seu xeito maxistral de resolver un simple empanado, polos arroces, por todas as variacións dun sinxelo peixe, ou dunha carne…
Xa ao final deu o salto a Vigo e puxo o seu restaurante na rúa Bolivia.

O Xantar de Otelo 2 O Xantar de Otelo 4

Fronte por fronte á estación de Redondela está O Xantar de Otelo, un local deses que se din de sempre, dos que se fan un nome a base de traballar con lucidez o peixe que eles mesmos pescan na ría, un dos poucos que, apenas sen mudar máis alá da pintura dende os anos setenta, acaba por facerse un oco na selecta e imprevisible Michelín (Bib Gourmand).

O Xantar de Otelo 3

A carta é típica de Redondela. Algún marisco, entradas tradicionais, moito peixe, un par de carnes seleccionadas e sobremesas caseiras. Carta de viños suficiente, con presenza especial para os galegos. Servizo correcto, acorde coas características do local. Prezos moi axustados.

O Xantar de Otelo 5

Compartimos unha abundante ración de empanada de zamburiñas que está fantástica. Masa finiña, en absoluto seca pero tampouco graxenta, compango perfectamente tratado no que a presenza de zamburiñas non é, como ocorre en demasiados casos, unha simple anécdota disimulada entre a cebola. Carmen, ela mesma auténtica mestra das empanadas, propón realizar un ranking deste prato que nos entusiasma aos dous; convenimos en que as comparacións non serían doadas, pero que esta ocuparía un lugar importante.

O Xantar de Otelo 6

De segundo, chocos, como non podía ser menos; Carmen cunhas pataquiñas fritidas maxistralmente e eu, máis conservador, co seu arroz branco. Malia o tamaño, para min un chisco grandes, non defraudan.

O Xantar de Otelo 8
O Xantar de Otelo 9

A carta de sobremesas, ademais dun par de clásicos, está baseada nas receitas dese moderno cociñeiro que se chama Thermomix. Carmen tira pola típica torta de galleta e eu pola de tres chocolates.
A oferta non destaca pola súa orixinalidade pero o que si é certo é que as receitas están desenvolvidas con exactitude matemática e o resultado final resulta notable.
Con auga e senllos vasos dun Ribeiro que me soubo moi ben, pagamos dezaoito euros cada un.
Unha proporción prezo-calidade que fai deste Xantar de Otelo un lugar destacado en Redondela, sen dúbida, para repetir.

Restaurante O Xantar de Otelo
Avenida da Estación de Ferrocarril, 27
36800 Redondela.
Teléfono: 986 401 520
Web
GPS: 42º17’08″N  08º37’08″W
Localización en Mapas de Google
Michelín: Bib Gourmand


Translate »