guimarães. histórico

O Histório (Papaboa) caracterízase pola boa comida tradicional portuguesa nun edificio do século XVI dese marabilloso casco histórico que é o de Guimarães. Marco incomparable, boa cociña e prezos populares.

Restaurante Historico by Papaboa 06

Na procura dun local para comer no día das Letras galegas, atopo que o Histórico ocupa un solvente 16º lugar entre todos os restaurantes do norte de Portugal no noso traballo de 2016 sobre os restaurantes do norte de Portugal segundo as guías.
E isto, porque era local recomendado pola Repsol, BigGourmand da Vermella, aparece na guía turística de Portugal de LonelyPlanet e, naquel momento, ocupaba o posto 20 en TripAdvisor (a día de hoxe xa podemos dicir que subiu ata o 10).
Se engadimos que se trata dun restaurante con sólida presenza en Internet, as cartas de presentación eran inmellorables.

Restaurante Historico by Papaboa 04

E a realidade é que non defrauda.
O local, edificio do século XVI, é unha xoíña histórica; optaron por unha decoración sobria e tirando a actual que, sen grandes espaventos, resulta agradable. Enorme xardín-terraza para os días de calor.
Servizo solícito que cumpre o seu traballo sen maior transcendencia.
Carta tradicional portuguesa, con algún toque internacional.
Petiscos: (entre os 3,5 e os 6€): Cogumelos salteados con bacon, Pataniscas de bacalhau, Rissois de carne, Polvo laminado con alho, ensaladas, tábuas, etc.
Peixes: Polvo á lagareiro com batata murro e grelos (especialidade, 15€), Tranche de Salmão com caril, batata torneada e legumes assados (12,5)…
Carnes: Bochecha de porco preto com puré de alheira e castanhas (especialidade, 13€), Medalhão á histórico (lombo) com batata salteada com couve (especialidade, 15,5€), Bifinhos com molho de cafe, batata frita e legumes (13€)…
Ademais, dous pratos vexetarianos (Tagliatelle de legumes com cogumelos, 9€, Salada vegana 5,5€) e dous pratos sen glútem (Bacalhau á lagareiro com legumes 12,5€ e Bife grelhado com acompanhamento á escolha 12,5€).
Para coñecer as dúas liñas da carta, e despois das olivas e o paté de atún do cuberto, pedimos, para compartir, unha de Spaghetti com gambas e cogumelos e o Bacalhau com broa, batata murro e grelos (especialidade).

Restaurante Historico by Papaboa 08Restaurante Historico by Papaboa 07Restaurante Historico by Papaboa 10Restaurante Historico by Papaboa 09

Traen xa separado en pratos (o que vedes nas fotos é a media ración que nos correspondería a cada un):
Moi ben os dous. Os espaguetis con tomate natural, gambas dun considerable tamaño e tropezóns de cogumelos a un alto nivel. O bacalhau com broa, con demasiadas espiñas pero cociñado á perfección. Moi rico.

Restaurante Historico by Papaboa 11Restaurante Historico by Papaboa 13

Lista de sobremesas máis que apetitosa. Toucinho à Histórico e gelado, Pudim abade priscos, Mousse de Chocolate, Queijo c/ marmelada, Tarte de Frutas, Taça de Gelado à Histórico, Salada de Frutas…
Pedimos os Palitos em Chocolate e Morangos, e o Strudel de Maçã e gelado. Calquera dos dous saboroso e moi ben combinado; sobremesas perfectas.

Bebemos unha xerra de medio litro de viño tinto maduro da casa (sen maior gloria), auga e café. Pagamos 21€ cada un: prezo moi axustado para a combinación de local, calidade da cociña e cantidade dos pratos.
A ter en conta para futuras ocasións.

Histórico by Papaboa
R de Valdonas 4, Oliveira do castelo
4800-476 Guimaraes
253 412 107 / 915 429 700
Web
Facebook
GPS: 41.443251N, 8.294276O
Cociña: tradicional portuguesa, internacional
Prezo: 15-25€