guía de los mejores restaurantes gallegos de 2021. introdución

Hoxe presentamos a nosa terceira análise da presenza de restaurantes galegos nas principais guías gastronómicas. 
Culler de Pau é o vencedor indiscutible, seguido de Solla e Marcelo con igual puntuación.

C,LE2

O primeiro traballo de análise foi en 2012: Os mellores restaurantes de Galicia C,le 2012, con varias publicacións: As Fontes / Metodoloxía / Resultados / Os 100 restaurantes galegos de C,le.

A segunda investigación, algo máis depurada, foi en 2016: Comer en Galicia, Guía de restaurantes de Galicia.

E, hoxe, cinco anos despois, toca actualizar.

O título  da entrada quizá debería ter sido ‘Os mellores restaurantes galegos de2021 segundo as guías’ elaborado por Como, logo existo.
Porque así, sen máis pretensións, debe ser entendida: unha análise e cruce de datos dos restaurantes de Galicia que aparecen nas principais guías gastronómicas.
As guías utilizadas son a Repsol e a Michelín cos seus soles e estrelas, coas súas luces e sombras e, tamén, cos seus batallóns de admiradores e detractoras.
Ademais, e como elemento destacado e xerador de diferenzas, desde C,LE analizamos os restaurantes mellor valorados polos usuarios de TripAdvisor en cada unha das catro provincias galegas.
Con todo o anterior outorgamos unha puntuación a cada valoración das guías segundo os seguintes criterios:

  • Michelín: 2 estrelas, 15p, 1 estrela 6p, BG 3 puntos, recomendación, 2 puntos.
  • Repsol: 3 soles, 12p, 2 soles, 8 p, 1 sol 5p, recomendación, 3 puntos.
  • TripAdvisor (abril 2021), listado dos 100 restaurantes con maior puntuación en cada unha das provincias. Entre o primeiro posto e o quinto, 10 p; entre o 6 e o 10 postos, 9 p; do 11 ao 20, 8 puntos, e así sucesivamente ata posto número 100.
  • Os restaurantes que só aparecen nunha das tres guías son excluídos da listaxe definitiva.
  • Os restaurantes con presenza nas tres guías teñen unha bonificación de 5 puntos.

Folla Valoración Michelín

Todo, de principio a fin, é discutible.
Desde a elección das guías ata o baremo de puntuación

Non cabe dúbida de que a característica diferenciadora é a presenza en TripAdvisor.
De feito, en ocasións anteriores, unha das críticas máis intensas foi a de incluír unha guía caótica, froito de opinións non profesionais, co nesgo obvio da tipoloxía da poboación que participa, e non exenta de críticas pola posible manipulación das opinións como é TripAdvisor.
Creo que un punto de vista externo, de usuarios de a pé, resulta imprescindible para matizar resultados; e a día de hoxe (e, quizá con máis credibilidade hai dez anos cando comezaba esta historia), non coñezo outra con máis garantías.
Por outra banda, a mellor das guías, sexa cal fose, Michelín ou Repsol (Repsol ou Michelín, que para min tanto monta) é produto de opinións humanas, e as opinións son sempre subxectivas e nesgadas.
Son subxectivos os aspectos sobre os que cada guía decide opinar na súa folla de cualificacións.
Son subxectivos os baremos para valorar cada un deses aspectos.
Son subxectivos, tamén, os criterios para concretar os baremos.
E, xa por fin, e por riba dos anteriores, é moi subxectivo o xeito individual de concretar unha décima arriba ou abaixo por parte de cada inspectora. Con toda a experiencia do mundo, co maior coñecemento de causa e formación posibles, cun sentido da profesionalidade irreprochable, con intentos conscientes de obxectividade (que a maioría das veces afondan aínda máis na subxectividade), estamos ante opinións de persoas, e, polo tanto, subxectivas.
E pobre daquel que crea (que opine) que a súa opinión, ou a suma de opinións dun círculo moi próximo e semellante a el, pode chegar a resultar dogma de fe.

C,LE

Diciamos que este é o terceiro estudo; desde o primeiro, C,LE ano 2012, e no segundo, C,LE ano 2016, a metodoloxía mantense sen apenas variacións.
Deste xeito os resultados, que poden gustar ou non, que se poden discutir e mesmo negar, cando menos son un rexistro válido e comparable dunha evolución.

Lembro que o primeiro ano houbo un coñecido cociñeiro que me enviou un correo moi crítico (e un puntiño despectivo, dito sexa de paso) referente ao listado e aos criterios utilizados. En concreto, pola inclusión das puntuacións de TripAdvisor, opinións, segundo el, faltas de criterio, non profesionais, subxectivas, inexpertas, etc. A cuestión non era outra que o seu restaurante, estrela Michelín e sol Repsol, caía por debaixo do posto 20 de Galicia porque non aparecía entre os 100 primeiros de TA da súa provincia.
Hoxe, dez anos despois, o restaurante en cuestión está, exactamente, na mesma situación. Non sei exactamente de que, pero semella que algo hai, que a repetición de circunstancias é indicativo de ‘algo’.
E ese ‘algo’, desde o meu punto de vista, é o que aporta un elemento que fai diferente a este listado dos mellores restaurantes galegos segundo as guías que elabora Como, logo existo.

É certo que o paso polo filtro de TripAdvisor castiga de xeito especial a determinados establecementos (tanto pola falta de puntuación neste apartado como pola perda da bonificación por non estar nos tres listados), pero, globalmente, creo (opino) que enriquece os resultados.

En próximas entregas:

Os mellores restaurantes galegos de c,le 2021. Cadro de honra

Os mellores restaurantes de Galicia de C,le 2021. Curiosidades

Guía dos mellores restaurantes de Galicia. Listado completo


Translate »