garum bistró (cociña, bodega, catering)

Eran moitas as referencias que tiña do Garum. Todas boas. Con mención especial ás tapas. O Garum bistró está en Compostela, na praciña das Penas, no límite mesmo do casco vello, pola zona de san Roque. Ideal para despois dun paseo polo parque de Bonaval, unha das varias aportacións de Siza á cidade.

Garum Bistro. Tarxeta.

Para disimular a miña ignorancia busco na Wikipedia que é isto do ‘garum’.
Sen entrar en moito detalle, especie de salsa ou concentrado (na súa utilización hai quen o compara coa salsa de soia) que usaban os romanos (de clase alta) e á que atribuían propiedades afrodisíacas, dixestivas e mesmo desinfectantes e cicatrizantes. Elaboraríana a base de engadir diferentes condimentos (sal, viño, pementa, aceite, herbas aromáticas…) a un fondo de peixe coas súas vísceras fermentadas ao sol.

Garum Bistro. Decoración

Local polivalente cun espazo principal na liña dos clásicos bistrots parisinos, recollido e agradable. Como logo na comida, mesturas case impensables que acaban harmonizando á perfección. Piso de formigón, móbeis de madeira escura tipo café dos anos corenta (do século pasado), espellos e pinceladas de cor na liña das lilas e fúcsias. Sábado ao mediodía e local practicamente a tope.

Garum Bistro. Decoración  Garum Bistro. Decoración  Garum Bistro. Decoración

A carta é, cando menos, sorprendente. Partindo do produto de temporada (a praza está alí, moi cerca), as preparacións e combinacións saen do habitual e aportan un alto ton de creatividade que logo non se traduce en prezos elevados.

Garum Bistro. Ovos escachados con cogomelos e caviar de ourizo

A proposta divídese en: Compartimos, Con ovos, Entre pans, Ensaladas, Pasta fresca, Arroz, Carnes, Peixes e En verde, con presenza en cada grupo dalgún dos ‘nosos pratos vexetarianos’. Un par de exemplos: Ensalada de queixo de cabra con vinagreta de caramelo e melocotón ao forno, A Garum-burguer de boi con pan artesán, arzúa e iúca fritida, Sopa fría de remolacha con pepino, tomate e brotes de chícharos.

Garum Bistro. Arroz de polbo da ría  Garum Bistro. Atún escabechado a 50º con hummus e ensalada de cherrys salteados

Compartimos un primeiro ‘con ovo’ (Ovos escachados con cogomelos silvestres e caviar de ourizo), e como prato Carmen pide Arroz de polbo da ría e eu decídome polo Atún escabechado a 50º con hummus e ensalada de cherrys salteados.

Garum Bistro.  Garum Bistro. Milfollas con crema de pistachos e mel

De sobremesa un taco de chocolate con xeado (non lembro o nome exacto) e as milfollas con mel e crema de pistachos.

Garum Bistro

Se digo que as combinacións e sabores están ao nivel dos nomes e empratados, penso que non necesito escribir máis.
En todo caso o atún estaba realmente impresionante; textura fina, moi lograda, sabor intenso pero sen pasarse coa forza do escabeche e acompañamentos equilibrados que logran sumar e formar un todo.
Pratos distintos e imaxinativos, racións abundantes, presentacións impecables, nomes longos… e prezos curtos. Comimos con cervexa, eu tomei café e pagamos os 50 euros entre os dous.

Garum Bistro. Tarxeta. Garum Bistro. Tarxeta.

Lugar absolutamente recomendable, para gardar na axenda e repetir.
Mesmo cando estamos a falar dunha praza tan complicada como Compostela, con toda a súa ampla oferta en cantidade e variedade.
Garum Bistró
Praciña das Penas 1
15782 Santiago de Compostela
Tfno: 981 062 631
Móbil: 637 273 700
E-Enderezo
Web
GPS: 42º53’14” N   8º32’32” W
Localización en Maps de Google