fuxir de tópicos, modas e outras bagatelas

Fuxir de tópicos, modas e outras bagatelas: Bar restaurante O Risón na Illa de Arousa. Cociña tradicional rica e asequible.

Estamos de fin de semana na Illa.
Fin de semana relaxado no que pretendemos nin cociñar nin conducir.
Como solución de urxencia boto man de min mesmo e do historial deste blog.
Así, atopo que, despois de xa máis dun lustro, os nosos movementos deambulan por unha especie de sota-cabalo-rei plagado de re-visitas marcadas pola moda e a inercia.

copacubertospost

Desde a primeira aproximación, alá por abril de 2010, de título Comer na Illa de Arousa, os nomes son repetitivos. Que se A Salga, Punta Cabalo, Saratoga … e, como non, a meca da restauración da Illa: pois iso, A Meca.
Salvo algunha incorporación puntual que, aos poucos, pasa a formar parte da elite dos habituais (O Pescador, O Con do Sol, Coco Bao), escasa novidade.

cabe_sidebar

Así que desta, pensando en ampliar horizontes, pregúntolle a TripAdvisor polo que opinan os internautas das opcións para comer en Arousa cun mínimo de garantías. A sorpresa é morrocotuda. Na cabeza, de primeiro, o bar mellor valorado en Trip-Advisor é… o restaurante O Tuno.
Mea culpa.
Fartos de pasar y pasear polo Cantiño apenas tes ollos para A Meca.
O Tuno, un máis; un dos moitos bares que ateigan o paseo portuario de calquera poboación costeira de Galicia. Á sombra dos grandes nomes mediáticos, sen prestarlle maior atención e sen darlle a mínima oportunidade.
Outro tanto, e tamén no Paseo do Cantiño, poderiamos falar de O Risón, quinto en TripAdvisor. (Os outros tres dentro do podio de cinco serían, por esta orde, A Meca, A Salga e Punta Cabalo).

cabeceira

Erro gravísimo para un blog que pretende estar ao día e que ten na Illa de Arousa un dos seus puntos máis quentes.
Erro que podemos achacar á moda, á inercia, ao mito do valor seguro, elementos que, como vemos, poden resultar letais para quen quere e pretende saber o que de verdade se coce.
Erro que había que subsanar e que subsanamos nesta ponte.

O Risón A Illa 02

Para empezar, o domingo, achegámonos ao Risón.
No aspecto material, pouco que dicir: fotocopia de tantos que naceron con pouco máis que a pretensión de bar de viños. Local pequeno, sen estética definida, e una solicitada terraza na beirarrúa estirada ao máximo. O domingo, contra as dúas, xa había que facer cola para conseguir mesa (dentro e fóra).

O Risón A Illa 06

Pedimos unha caña, un Rioxa, e a ver que hai por aí. Mentres, e para abrir boca, obséquianos cunha tapiña dunha ensaladilla-salpicón que sabe a gloria.

O Risón A Illa 08 O Risón A Illa 10

Logo, xa en serio, unha tapa de polbo. Realmente bo. No seu punto de cocción, ben sazonado, non moi picante… Un bo polbo mesmo para o alto nivel que se respira en Arousa.

O Risón A Illa 11 O Risón A Illa 15

De prato, guiso de sargo. Rico, moi rico; na liña desas cataplanas portuguesas que tanto nos gustan: a base do mollo un tomate bastante rebaixado pero nitidamente saboroso. Ademais do peixe e a pataca, navallas e ameixas. Un plato digno de repetir.

O Risón A Illa 16

De sobremesa un moi digno flan de café.
Así, como volo conto, foron 44€, ou, o que é o mesmo, 22€ por cabeza. Contando con que o guiso para dous está nos 30€, os 14 restantes quedan para as bebidas, o polbo, o pan e as sobremesas. Paréceme un prezo moi axustado.

O Risón A Illa 01

A carta é ampla e típica. Polbo (11€), ameixas (12), navallas (12), zamburiñas (14), luras (9€)… E de prato, caldeirada de peixe para dúas persoas (40€), guiso de sargo, de peixe sapo ou de robaliza, para dous, 30€; sargo á prancha (18€), robaliza o linguado na prancha (20€) etc.

Como valoración e orientación final, unha opinión nítida e contundente: a comida no Risón estivo, cando menos, á mesma altura que as últimas que fixemos na Meca.

Bar O Risón
Paseo do Cantiño 11
36626. A Illa de Arousa
GPS: 42.563202N,  8.867823O
610 290 947
Cociña: Tradicional. Cociña do mar.
Prezo: 12-35€


Translate »