furancho gardenia (covas)

Como dicía onte, aproveitamos esta semana de vacacións para inaugurar a temporada de furanchos.
Perdín un pouco a noción do tempo pero sei que hoxe é sábado.

Furancho Gardenia Cobas 3

Decidímonos polo Gardenia, en Covas.
Luz ten o número de teléfono e chamamos sobre a unha e media para encargar o seu prato estrela: o bacallao (ten unha hora longa de preparación e seica en momentos punta e sen reserva non o serven).

Furancho Gardenia Cobas 4   Furancho Gardenia Cobas 5

Chegamos sobre as dúas e, agás un par de paisanos na barra, tomando o viño cun bocado, o furancho está baleiro. Local amplo, novo, moi limpo, ben coidado, cun par de detalles de bo gusto, como a maioría dos furanchos un pouco escuro.

Furancho Gardenia Cobas 8   Furancho Gardenia Cobas 16

Pedimos unha palomita de branco e outra de tinto (cada unha de medio litro) e co viño tráennos unha fontiña con richada; pouco, para matar o bicho mentres esperamos. Está rica.
E o viño tamén. Especialmente o branco, que o que máis me tira.

Furancho Gardenia Cobas 11

Empeza a chegar xente e cando nos traen o bacallao está practicamente cheo.
O bacallao resulta ser ao forno, en barro, sobre unha capa de ceboliña e patacas. A diferencia do típico portugués, amarelo, co colorante. Catro postas de campionato e compango moi abundante. O bacallao está sensacional.
Recoméndoo especialmente pero xa vos digo, hai que encargalo.

Furancho Gardenia Cobas 12   Furancho Gardenia Cobas 14

De sobremesa pedimos uns tacos de queixo con marmelo.
Café de pota (habitual nos furanchos pois non poden ter máquina de café) e gotas.

Furancho Gardenia Cobas 15

Ademais do bacallao (insisto, encargade!) vemos saír tortillas de patacas, zorza, polbo, richada, algunha fonte de embutidos-queixo, etc.
Nós somos catro e saímos por trece euros por barba.
Así, non paga a pena cociñar na casa.
Furancho Gardenia (Covas)
Se nunca estivestes en Covas, e para orientarvos, podedes utilizar as indicacións da entrada Os furanchos de Covas
Lugar de Aldea de Abaixo
Estrada provincial PO-9302
36638 Covas-Meaño
Teléfono: 986 747 697
GPS: 42º28’45”N  8º46’39”W
Localización en Maps de Google