furancho dúas cepas, meaño

O Furancho Dúas cepas (loureiro de Marcial), en Meaño, conta con todo a favor para unha agradable tardiña deste verán viciado polo Covid. Cociña, amabilidade, viño e moito aire puro.

Furancho Duas cepas

Coma outros moitos, o descubrimento correspóndelle aos bos amigos da Arousa.
Meaño, co seu epicentro en Cobas, é, sen dúbida, a capital mundial dos furanchos. Por moito que o tentemos, resulta imposible contabilizalos (e moito menos visitalos) todos. O Furancho Dúas Cepas está un chisco afastado dos círculos de maior densidade, na parroquia de Padrenda, pero é dos que xustifica o desprazamento. Sen indicacións, non resulta doado chegar; con elas, nada máis fácil. Estamos na estrada PO-550 en sentido Cambados-Vilalonga; situámonos en A Bouza, na semi-rotonda que baixa ao Facho (e á igrexa, ao cole de Castrelo, á Ruda…), chegando desde Cambados, un bocado despois do colexio dos Salesianos; continuamos pola 550 cara a Vilalonga-Dena e uns trescentos metros despois, antes da gasolineira, está o letreiro de desviación a Padrenda (ramal á esquerda). Unha vez aquí, xa só é cuestión de seguir as indicacións do propio furancho.

Claro que, no caso de Dúas Cepas, o de furancho achégase máis á nostalxia dun pasado imposible que á súa caracterización actual. Trátase de manter na sona o de Furancho para aproveitar o tirón que teñen este tipo de locais.
Como xa comentamos en máis dunha ocasión, despois da reconversión obrigada vía DOG, son poucos os furanchos auténticos que quedan. Dos reconvertidos, hainos para todos os gustos e feituras; moitos, á maioría, mantéñense fieis á tortilla, ás luras, á carne richada, á zorza e aos pementos de Padrón; un segundo modelo amplía a oferta (sobre todo por encargo) ao bacallau ou o cordeiro nas fins de semana e festas de gardar; outros convértense en taperías ao uso; e algúns, o Dúas Cepas entre eles, ofrecen na carta unha mestura de furancho, tapería, bar e restaurante tradicional.
Neste senso cómpre sinalar que temos comprobado que canto maior é a oferta, maior é, tamén, o prezo; non moito, pero si pequenas parvadas que van sumando; como, por exemplo, caer no engado da modernidade dunhas apetecibles tostas, que apenas aportan resolución a unha comida furancheira pero si engaden unha chicha substancial ao resultado final da conta.

Furancho Duas cepas

A carta serve de manteliño para as mesas de plástico.
Como vedes, vai moi ben servida.
Entre os entrantes, os clásicos: as luras (8.5€), as croquetas (6€), a orella estilo feira (5.5€), o polbo á feira (18€). Pero tamén unhas patacas bravas ou con alioli (3.5€), as croquetas de chacina e gambas (8€) ou as xa mencionadas tostas.
Mariscos: zamburiñas ou lagostinos (13€) ou gambas, tamén á prancha, 9€.
Peixes: bacallau Dúas cepas ou á galega (17€) ou linguado á prancha (17€).
Carnes: costela de tenreira (19€), cordeiro ao forno (13€), xamón asado (12€), segredo de ibérico á prancha (14€)…
E, ademais, costela de vaca vella, capón de curral, arroz con lumbrigante e paella de mariscos por encargo.

Furancho Duas cepas

De acompañamento do viño (aquí si que a tradición furanchil manda), unha empanada de atún que está moi rica.

Furancho Duas cepas       Furancho Duas cepas

Logo pasamos ás tostas; unha ración (dúas tostas) de polbo con tetilla (8€) e outra de gambas con alioli (6€). Están boas, o pan ben crocante, cargadiñas, saborosas…, pero son prescindibles; atópoas como un pouco fóra de lugar.

Furancho Duas cepas      Furancho Duas cepas

Centrándonos no produto cen por cen furancho, a tortilla pode ser da casa (10.5€) ou de Betanzos (10€). Pedimos a de Betanzos, e aínda que está moi zumarenta, deliciosa, non é tortilla de Betanzos; sen estar seca, si resulta un pouco callada de máis para poder denominarse de Betanzos. Aínda así, é obviando o cualificativo, a tortilla é rica e paga a pena. Os pementos, impoñentes.

Furancho Duas cepas

Non podía faltar a carne richada (porco de castañas). O mellor da comida. Está fantástica. As patacas ben embebidas no mollo, e o mollo coa presenza descarada da carne e do pemento. Ademais, así como a tortilla era un pouco xusta de tamaño, a ración de carne é abundante.

Furancho Duas cepas      Furancho Duas cepas

Para as sobremesas, dúas tartas da avoa e un flan de café (tamén podería ser a tarta xeada ou o queixo ao forno; esta, a 4€, as a 3). Ben, pero sen foguetes; de novo resultan prescindibles.

Furancho Duas cepas

Co café para todos (de máquina ou o clásico café de pota, neste caso só descafeinado), a xerra de albariño da casa e unha pequena de caíño para probar, máis auga grande, pagamos 17.5€ por persoa.

Cal é o balance? Diríamos que o Furancho Dúas cepas é un local para repetir?
Sen dúbida a resposta é afirmativa: o Dúas cepas é un restaurante recomendable.
O entorno, entre vides, é acolledor, tranquilo e san; o servizo amable e dilixente; a hospitalidade do patrón pasando polas mesas e preguntando polas sensacións é de agradecer; o que coñecemos da cociña mantivo un nivel bastante máis que interesante.
Pero…
Si, claro, teño un pero.
Pola experiencia que temos de visitas a furanchos (ou mellor dito, locais asimilados e legalizados que manteñen a feitura e sona de furanchos), o prezo medio dunha comida como a de hoxe está entre os trece e os catorce euros; como exemplo podemos poñer a última que fixemos de características semellantes; eramos os mesmos de hoxe pero cunha persoa máis, no veciño (non queda lonxe, en Xil) A de Marcos. Empanada de aperitivo (igual), no lugar das tostas, luriñas rebozadas, a tortilla (igual, pero máis grande), zorza en vez de richada, sobremesas, cafés…, e escribía que pagamos algo menos dos 14€ por cabeza.
Nas marxes nas que nos movemos, 3.5€ de diferenza por persoa non é cuestión insignificante; falamos dun 20% máis caro.
Un 20 por cento que ben se pode xustificar pola variedade e extensión da carta, pero que para min limita claramente o uso do concepto ‘furancho’ como reclamo.

Daquela, unha vez colocado no seu lugar (un lugar indefinido, feitura e formas de furancho, carta e oferta de restaurante) é cando a recomendación de visita alcanza a máxima intensidade.

Dúas Cepas
Lugar Pazo do Monte 6, Padrenda
36638 Meaño (Pontevedra)
670 666 514
GPS: 42.4771303N, 8.79210203O
Facebook
Horario: diario, de 13-17h, 20-00h (Facebook propio)
Cociña: tradicional, tapas
Prezo: 15-30€