A de Marcos, no lugar de Ganón (Meaño), é un dos vellos furanchos reconvertidos á nova lexislación.
Agradable terraza exterior, persoal amable e dilixente, boas tapas e a bo prezo.
A polémica, un ano máis, está servida.
Este ano, máis que nunca, están a multiplicarse os problemas para os furanchos.
Claro que, furanchos, segundo a lexislación actual, quedan ben poucos en Galicia. Son aqueles lugares que se anunciaban cunha póla de loureiro e que servían o viño de colleita propia; logo, para axudalo, un par de tapas que non poden ir máis alá do sota, cabalo, rei. Hoxe, estes locais teñen unhas normas de supervivencia moi ríxidas; períodos en que poden abrir, horarios, tapas que poden servir, en fin, todo moi marcado.
Furanchos, segundo a denominación oficial, cada vez son menos.
E os hosteleiros de locais tradicionais, que protestan pola competencia desleal dos furanchos
Moitos daqueles locais, a maioría dos que non pecharon, houberon de ser reconverter a bares, taperías e mesmo restaurantes, e acollerse ás normas existentes para este tipo de establecementos.
Moitos deles, tamén a maioría, e a pesar das novas esixencias de licenzas, permisos e trabucos varios, manteñen a filosofía que lles viu nacer: un ghalpón a carón da casa onde acoller como se da familia se tratase e servir o viño propio acompañado de saborosas tapas e un prezo altamente competitivo.
É o caso de (case) todos os que teñen saído neste blog, a maioría no Salnés: Furancho A Gardenia (Covas-Meaño), Taberna loureiro A Ruda (Castrelo-Cambados), Taberna típica O Labrego (Curro-Barro), A taberna do Adolfo (Sineiro-Cambados), O furancho de Juan (Covas-Meaño), Furancho Lar de Outeiro (Covas-Meaño), Taberna Rural (Meaño), Loureiro Rustibodega de Ángel (Covas-Meaño), Casa Enrique (Covas-Meaño), A Roda (Covas-Meaño), Pastora (Simes-Meaño), O merendeiro casa Pozas (Cabeiro-Redondela), Os Penedos (Mos), A de Luis (Castrelo-Cambados), O de Pancho, (Corvillón-Cambados), O lagar do raposo (Fondo de Vila-Meis), Vistas do Albariño (Covas-Meaño), O de Javier (Tremoedo-Vilanova)
E como non, o meu favorito, o referente, o que para min é o rei de reis; agora, oficialmente, é o Lourancho; para moitos segue a ser O de Manolo; para nós, sempre foi (e posiblemente será) O de Maribel. Un verán máis… no Lourancho.
Este de Marcos, non está nada mal. Defínese como Bar de tapas e Restaurante.
A oferta é a típica sen apenas variación. Que se a tortilla, as luras enfariñadas ou os pementos de Padrón. Ademais, algunha que outra novidade como ese cordeiro que ten unha feitura que anima moito.
O local redúcese practicamente á terraza exterior, ben protexida e moi agradable.
O servizo, típico destes lugares, amable, próximo, rápido…, todo o que se pode pedir.
Somos cinco e aí vai o que comemos:
A empanada que acompaña o viño
As luras, como me gustan, só con fariña
Os pementos de Padrón, que non picaban
As racións son abundantes e, en xeral, todo está moi rico.
Non sei con que quedar, se co punto da tortilla (zumarento e agarimoso) ou co sabor da zorza, especialmente potente e substancioso.
Hai sobremesas caseiras entre as que elixir.
Tiramos pola tarta de galleta (en bote, dúas), polo flan de café e pola tarta de queixo.
Con dúas botellas de albariño (como a maioría dos caseiros, nin mellor, nin peor), auga grande, gasosa e cafés, non chegamos aos 14 euros por cabeza.
E un pequeno detalle que rompe coas normas habituais: a visita do chef (e propietario) polas mesas, preguntando polo nivel de satisfacción; como os grandes cociñeiros.
Outro furancho a ter en conta no Salnés.
A de Marcos
Ganon 34, Xil
36967 Meaño (Pontevedra)
693 639 023
GPS: 42.457220N, 8.802740O
Facebook
Cociña: tapas, furancho
Prezo: 10-15€
Peche: segundo o seu facebook, non pecha