ruralismo galego 3.0

Os que me seguides de tempo sabedes que, sempre que me preste a oportunidade, vou romper unha lanza en favor da cultura galega, da nosa lingua.
E isto, simplemente, e como dixo o poeta, porque si, porque me gosta e me peta. Porque me dá a gana.
Porque ser galego non é unha etiqueta máis que engadir ás de loiro, zurdo ou agarimoso. Ser galego tampouco significa ter nacido, sen máis complicación –ou implicación-, neste curruncho do noroeste do norte do sur de Europa.
Porque, daquela, tanto tería ser galego, que alxerino ou neozelandés.

Coke Pavillon Coia 3

Son galego porque acepto, exerzo e fago o posible por legar ao futuro unha herdanza de séculos. Unha historia, unha cultura, unha lingua, unha tradición, unha idiosincrasia… un xeito de pensar e de ser.
Porque sen historia, sen cultura… sen lingua, Galicia deixa de ser. Transfórmase, unicamente, nun nome vacuo, sen contido máis alá do que ditan catro puntos cardinais. Unha etiqueta máis.

Coke Pavillon Coia 4

Pero sen negar a vista ao retrovisor, loito por ser un galego do século XXI, un galego, digamos, 3.0. Un galego que sen deixar na cuneta as casiñas o os lares de Rosalía, abre os brazos –é  un falar– aos Pinos rapeados polo Puto Coke.

FogardoSantiso 01

Galegas ata a medula son as xentes que che toman o mandado co seu iphone de última xeración no Fogar de Santiso.
O espazo, a decoración, a feitura, a cociña…, mesmo a lingua que escoitas sabe á Galicia máis rural e ecolóxica. E alí no centro, nun mastro de madeira e a carón dunha roda de carro furada pola traza, o código QR para escanear e engadir o Fogar ao caderno de enderezos do teu teléfono móbil.
Amplo merendeiro exterior (para cando o tempo o permita; hoxe vai un marabilloso sol de inverno que trae un frío do norte que pela), enorme comedor interior con longas mesas comunitarias, e temos a sorte de que nos toque asento nunha pequena brubulla de cristal con estufa de leña na que comes entre as árbores e o azul do ceo.

FogardoSantiso 04 FogardoSantiso 05

A carta é ampla, variada e redactada con fundamento. Desde os produtos da ‘Nosas hortas ecolóxicas’ ata ‘As nosas carnes autóctonas’ pasando polos produtos ‘Das nosas rías’.
Tempura mar e horta, Revolto de grelos, Verduriñas do día na brasa… Croca á pedra, Burguer de vaca cachena ecolóxica, Carpaccio de vaca, Zanco de polo ecolóxico á brasa, Año autóctono ecolóxico, Churrasco de porco ibérico da devesa extremeña, Raxo asado a baixa temperatura con castañas e verduriñas…
E todo o anterior sen faltar o polbo, a tortilla ou algunha que outra empanada. Cómpre salientar, tamén, os pratos específicos pensados para persoas con diversas alerxias ou intolerancias e o feito de que, no momento de anotar, o camereiro consulta a súa base de datos no móbil e informa claramente dos ingredientes de todos e cada un dos pratos da carta para así axustar o menú a cada dieta.
Fantástico pan galego acabado de fornear e proposta curta pero moi ben novelada de viños (Lúa garnacha de Pardilla, 16,90€: ‘garnacha de cepas vellas con 15 meses en carballo francés; un viño moi persoal e excepcional; redondo, intenso, aterciopelado… un retrogusto persistente’. A carta recomenda probalo maridado co Lúa garnacha de Moradillo –15,90€– para así apreciar como varía un mesmo viño en función do ‘terroir’: idéntica caste de uvas e un único tratamento para cepas de dúas fincas veciñas –Pardilla e Moradillo–).
Pedimos as filloas de millo ecolóxico –garantía de ausencia de gluten–con ceboliña confitada, requeixo e herbas; a empanada (tamén de millo) de polbo da ría; a tixoliña de moussaka de tenreira con berenxena e queixo do país na brasa e uns callos de tenreira cachena. Malia sofisticación da oferta, vemos como moitos dos nosos veciños tiran pola sinxeleza cuase-furanchil da tortilla e o churrasco e decidimos que volveremos unha tariña de verán para este menú que promete resultar tan redondo como económico.

FogardoSantiso 15 FogardoSantiso 18
FogardoSantiso 19 FogardoSantiso 22

Sorprendente proposta de sobremesas con variada oferta de doces S.G.
Xeados do Fogar (nata e noces, chocolate, froitas da horta Santiso –amorodo, moras, arando…). Filloa de millo ecolóxico con mousse de queixo e marmelo, Tarta de millo e cacao con xeado de arando, Torta de queixo na brasa, Tulipa de mousse de queixo e amorodo, etc. Pedimos a torta da casa e o requeixo do país con marmelo.

FogardoSantiso 23 FogardoSantiso 24

Por todo o anterior –que resultou riquísimo pero algo excesivo– pagamos 18€ por cabeza: uns céntimos máis dos 36 entre os dous.
Gran comida que augura visita en breve cos colegas da Illa.
Vaian, para pechar, tres definicións que fai o Fogar de Santiso do seu estilo e gastronomía:
O gozo de disfrutar na mesa coa clase dos nosos ancestros.
Compromiso coa nosa cultura gastronómica.
Produto autóctono, ecolóxico, local e de tempada.

Fogar do Santiso
Trasellas 13, Luou, Teo
15886 A Coruña
GPS: 42.797311N, 08.584435W
Web
fogar@fogardosantiso.es