ferrán adriá

Vimos de recibir os correos no que o equipo de El Bulli nos comunica moi amablemente que as nosas solicitudes de mesa para calquera noite do ano 2010, desgraciadamente, non poden ser atendidas; unha vez máis a demanda excede en moito as posibilidades de reserva.
Mala sorte.
A notificación coincide coa rolda de prensa de Ferrán Adriá na que, desde Madrid Fusión, anuncia o peche, disque temporal, do seu restaurante ao finalizar a campaña do 2011.
Tentarémolo nunha última oportunidade.
Pero, tanto tolo haberá polo mundo adiante disposto a pagar arredor deses 300 euros aos que pode chegar unha cea no Bulli? Pois claro. E nos somos dous deles. Desde que a gastronomía pasou a formar parte oficial das artes ao outorgarlle Adriá a Medalla das Belas Artes, ser, xa o era antes, e dado que colgar o orixinal da Gioconda no salón da casa non está ao alcance dos nosos petos, cando menos tentar aproveitar as oportunidades, por mínimas que sexan, para comer no mellor restaurante do mundo a un prezo, malia o que digan, razonablemente asequible para unha economía media.
Disque poden ser cinco ou seis horas cos cinco sentidos abertos e a flor del pel, que cada segundo, cada aroma, cada grolo de vida se gozan con absoluta intensidade no Bulli. Pregunta, a que prezo sae cada minuto en El Bulli? Nos tempos que corren, os 230 euros do menú para cear na máxima expresión mundial da arte culinaria non digo que sexan unha ganga… pero case.

Posted in varios and tagged , , .