fatum, nunha das portas da fortaleza de valença

Despois dun ano de recibir boas referencias, era momento de confirmar que o escoitado coincidía coa realidade: local fermoso, boa comida, servizo atento…, e todo a un prezo moi competitivo.

Restaurante Fatum Valença 01 FatumExterior

O restaurante Fatum está na penúltima das fortificacións que rodean Valença, no interior do túnel de acceso, nas Portas da Coroada.
Trátase dun local, case roubado á pedra, que ten un atractivo especial. Desde a nosa mesa podía ver o recuncho reservado para as actuacións de fado, un andel con libros (con destaque especial para as Viagens na minha Terra de Almeida Garret, o Amor de perdição de Castelo Branco, Saramago, Torga…), unha parede forrada con retratos de fadistas, o chineiro da avoa, a pequena barra, outro andel, ala arriba, con fotos de Miguel Torga, etc. Un conxunto especialmente agradable e acolledor amenizado por música de fado de fondo nesa intensidade exacta na que se queres escoitar, escoitas, e, se non, pode pasar desapercibida.
Para o verán, e xa no interior da fortaleza, unha pequena terraza protexida pola pedra.

O Fatum (Casa de Fados) autodefínese (Facebook) coma un local con ‘ambiente tipicamente português’, para saborear as ‘melhores especialidades da Cozinha Regional Portuguesa’, a base de ‘petiscos e refeições’ e unha ‘excelente Carta de Vinhos’; todo isto dá como resultado: ‘os verdadeiros sabores e sons da Alma Lusa’, servidos ‘com simpatia e excelência’, ‘além do único reduto fadista do Alto Minho, numa casa portuguesa’.
Ou sexa, Portugal e fado até a medula.

Portugal-Valença-Fatum

A oferta de petiscos, un retrinco permanente á propia esencia do local: desde ‘O fado russo’ (pataniscas de bacalhau, 5€), á ‘Canção do mar’ (amêijoa à bolhão pato, 13,80€); desde o ‘Fado minhoto’ (rojões à minhota, 6,20€) até o ‘Barco negro’ (morcela com laranja, 5,40€), a ‘Moela santa’ (moelas à portuguesa, 4,60€), o ‘Alfredo marceneiro’ (alheira com maçã, 5,20€), o ‘Fogo Fatum’ (Chouriço assado em aguardante, 5€…; en fin, unha boa representación de entrantes-petiscos cen por cen Portugal que podemos despedir cunha ‘Ovação’ (salada de ovas de bacalhau, 8,50€).
No tocante aos pratos principais, unha mestura de fados coma o ‘Embuçado’ (bacalhau com broa, 14,80€ ou 7,80 a meia dose), ou o ‘Povo que lavas no rio’ (polvo á lagareiro, 28,5€), e fadistas: ‘Cristina Branco’ (costeleta de vitela barrosã, 16,90€) ou o ‘Vasco Santana’ (costeletão de 1 Kg, 26€); e todo acompañado polas ‘Violas’ (feijão frade 2,30€, salada mista 2,80€, batata das naus 3,50 ou batata das índias 3,90€).

Durante a semana dous menús do día a prezos diferentes. Estamos a venres ao mediodía e aproveitamos esta opción. De primeiro, en ambos casos, o caldo verde (como –case– sempre, un auténtico luxo). De segundo poden ser as pataniscas de bacalhau ou paspallás (menú barato, 8€) ou unha posta de carne (12,90€).

Restaurante Fatum Valença 06
O Caldo

Restaurante Fatum Valença 07
As pataniscas, servidas con ensalada rusa

Restaurante Fatum Valença 08
A carne con ensalada e mollo de champiñóns

Todos os pratos están realmente bos e veñen servidos en racións ben xenerosas.
No menú entra a bebida (copa de viño do Douro e cervexa) e pedimos un café con pastel de nata cada un. Pagamos 25€.

Restaurante Fatum Valença 11

Os venres e/ou sábados, hai fado en directo.
Comezan a servir a cea ás 20.30 horas (horario fixo para todos os comensais); menú de entrantes comúns e prato ao gusto, con sobremesa, bebidas e café, creo lembrar que arredor dos 20€. Alá para as sobremesas-café comeza a actuación.
Disque é imprescindible reservar.

En resumo: unha moi boa opción para comer en Valença ou para gozar dunha deliciosa noite de fados.

Restaurante Fatum
Casamata nº 2, Portas da Coroada
4930-640 Valença do Minho
351 251 818 140
Facebook
GPS: 42.027693N, 8.685839O
Cociña: portuguesa
Peche: luns
Prezo: sobre 20€