existen fronteiras no mundo da gastronomía?

En contra dos tópicos e da opinión de moitos españois, persoalmente parto da premisa de que resulta tan fácil (ou tan difícil) comer mal en Portugal como facelo en España. A única diferenza é que a gastronomía portuguesa é distinta á española e ás veces pode chocar cos gustos persoais ou os sociais.
Pero, de verdade é tan distinta?
Hai anos estabamos a pasar uns días no Hotel Vidago Palace (por certo, leo que despois dun tempo de reformas proxectadas polo arquitecto Álvaro Siza, reabre no vindeiro mes de xullo; se xa era un hotel cun gran encanto, haberá que visitalo agora a ver o resultado da mestura do seu estilo belle epoque cos estudos de liñas e luz que fan de Siza Vieira un dos meus arquitectos favoritos) dicía que estabamos en Vidago e, desde alí, fomos pasar unha tarde a Chaves; xa á tardiña, fíxosenos tarde e acabamos ceando no Hotel Forte de São Francisco. Unha das especialidades que ofrecía a carta, de entrante, eran os ‘enchidos’. Asociando, e non sen certa razón, os ‘enchidos’ cos nosos ‘embutidos’, pedimos unha ración para os dous. Os enchidos resultaron ser, en efecto, carnes e outros recheos embutidos en tripas, principalmente do porco; pero a diferenza dos embutidos clásicos, os enchidos que nos serviron daquela resultaron ser moles, moi brandiños, sen moita curación. Naquel momento quizá me traizoou o sentido do tacto pero, despois de probar medio bocado de cada especialidade, acordei que os enchidos portugueses non me gustaban en absoluto. Aínda máis, creo que espertaron en min unha certa sensación de noxo que, inculto de min, persiste a día de hoxe.
Tempo despois busquei información sobre os ‘enchidos’ e lembro que atopei que había non menos de vinte e cinco variedades; que a raíña absoluta dos enchidos portugueses é a rexión de Tras-os-Montes; que as diferenzas nos recheos podían estar na carne de porco pero tamén doutros moitos animais, mesmo aves; hainos con maior ou menor tempo de secado, afumados ou non…
Así, nomes propios dos enchidos portuguese son os chouriços (de moitos tipos), as salchichas, as alheiras, as farinheiras, a morcela, o salpicão…

enchidos

Nun salto no tempo, resulta que Luz e Luis foron, nesta última semana santa, pasar uns días a Salamanca; e resulta, tamén, que despois de moito consultar guías a única comida boa que puideron facer foi en Cidade Rodrigo, nun restaurante de sona La Paloma, creo lembrar. E todo por pura casualidade. Luz, neste senso, é como Carmen; Carmen ten a gran virtude de que é das que en Milán ten que comer unha milanesa e en Rusia probar unha ensaladilla. Fóra bromas, a Carmen gústalle comer os tópicos dos lugares que visita cunha actitude que raia entre a ‘cultura máis culta’ e o folclorismo. E Luz tamén. E, ademais de comer, as dúas teñen o aquel de comprar esas especialidades locais e unha vez de regreso, invitar a probar aos amigos.
Na zona de Salamanca o tópico son os embutidos, así que, tirando un pouco de Luis, entraron nun establecemento de Cidade Rodrigo a comprar embutidos. Entre eles había un que non coñecían e preguntaron; a señora, a tendeira, deulles unha lección completa arredor daquel produto que era o máis rico de todos e, casualmente, a especialidade culinaria de Cidade Rodrigo; ademais, e como boa vendedora, afirmou sen pestanexar que os que ela vendía eran os mellores, e, como reforzo, gabouse de que aqueles mesmos que agora tiñan diante eran os que serven nun restaurante que había alí á volta da esquina e que, tamén casualmente, era o de máis sona para as xentes de Cidade Rodrigo.
Ademais de comprar, alá foron Luis e Luz a comer os ovos fritidos con farinato a La Paloma. Disque a comida pagou a pena e recomendan a quen pase por Cidade Rodrigo e queira comer tradicional e a bo prezo o faga no restaurante La Paloma.

fariñato

A sesión de proba foi o venres santo na Illa. Ovos fritidos con farinato.
Pois ao final resulta que o tal farinato tiña moito en común, se non era exactamente o mesmo, con algún daqueles enchidos que unha vez rexeitamos en Chaves, en concreto con un, quizá con ese que hoxe sei que se chama farinheira
Será que a Cidade Rodrigo do farinato dista só 3 quilómetros do Portugal das farinheiras?