esencia asturiana en vigo

El Asturiano (rúa Fragoso, Vigo), non ten máis pretensión que a de ofrecer auténtico produto asturiano, elaborado como en Asturias, a un prezo razoable. Calquera outra consideración está de máis.

Restaurante El Asturiano 01

O local non é para presumir; pequeno, ruidoso, abarrotado, non resulta demasiado cómodo; ambiente e decoración de bar con poucas pretensións, autodefínese como sidrería e tapería; pero ao Asturiano non se vai de tertulia ou relacións públicas, vaise a comer un anaco de Asturias. En condicións normais convén reservar; en fin de semana resulta imprescindible.
A atención, levada da man de José, o dono, asturianu de pro, é moi boa aínda que coa ameaza sempre presente dunha boa rifa por deixar morrer a sidra no vaso ou por non comer toda a ración servida; en todo caso, con bo humor e sen faltar ao respecto.

A carta é inmensa e percorre todos os produtos tópicos e típicos de Asturias.
As tapas. Pastel de cabracho (11€), Chourizo á sidra (6€), Croquetas (xamón ibérico, pescada e gambas, queixo de cabra con verdura, atún con piquillo…, 14€ a táboa con 14 croquetas variadas),  Patatines en salsa (de cabrales, brava, madelva, barbacoa, etc…). Ensaladas e revoltos.
Carnes. Escalopíns ao cabrales (12), Filete ao queixo (11,5) e, claro, os Cachopos, desde o clásico (con xamón ibérico, queixo Abredo e piquillo, 17€), ao máis exótico (recheado de tortilla francesa, cebola fritida e algas, 17€), pasando por outras 12 variedades.
As táboas de embutidos. Xamón ibérico (17/9.5€), Lombo ibérico (12/7), Chosco de Tineo (12/7), Chourizo de cervo (11/6,5) ou xabaril (11/6,5), de salchichón de xabaril ao cabrales (12/7€)…, e, por suposto, mixtas.
O queixos asturianos. Ata un total de 22 variedades entre os 11/6.5 e os14/8€ a táboa monovarietal, ou a táboa con tres variedades a elixir (12€) ou seis (21€). Abredo, Afuega’l pitu, Bedón, Cabrales, Gamoneu, Gavillas, Madelva, Monje Picón, Pastor viejo, de folla, Taramundi con noz e abelá…

Sen faltar, por suposto, en domingo, pero hoxe sábado tamén había, a fabada e o pote asturianu.
Pola semana menú do día.

Restaurante El Asturiano 09Restaurante El Asturiano 10

Comezamos pola fabada (o prato, 9€; logo estaría a cazola); espectacular, absolutamente recomendable, ao nivel das mellores que temos probado na propia Asturias.

Restaurante El Asturiano 11Restaurante El Asturiano 12

E, como non, o cachopo clásico, con xamón serrano, queixo Abredo e piquillo. Por unha banda, a través da foto non podedes facervos unha idea do tamaño; fixen unha cos cubertos pero tampouco dá todo de si. Inmenso. E por outro lado está a elaboración, perfecta, con ese empanado consistente e perfectamente selado para que non escapen os zumes mesturados da propia carne, do queixo fundido, do pemento… Unha marabilla (na que as patacas de acompañamento tamén están soberbias).

Ao final non quedou espazo para o postre (de feito houbemos de deixar un anaco do cachopo pois non dábamos máis).
Bebimos unha botella de sidra (rica, fresca, cun aparato para batela na mesa no momento de beber), e pagamos 15€ cada un. Un luxazo moi, moi asequible.

El Asturiano
Avda Fragoso 34
36210 Vigo (Pontevedra)
986 905 690
608 872 931
Facebook
GPS: 42.217659N  8.734577O
Cociña: asturiana; tapas
Prezo: 12-25€
Peche: luns


Translate »