enoturismo de natureza en señorío de rubiós

A adega Señorío de Rubiós entra con forza no mundo do turismo enolóxico. Hotel, viño, arquitectura, natureza e o restaurante tradicional cunha cociña máis que salientábel. Os prezos son axustados.

DSC01303

Comezar dicindo que fomos invitados.
O amigo Luis, fan incondicional deste blog e ás veces colaborador coas súas recomendacións, compañeiro de incontábeis inquedanzas, elixiu o restaurante Horta e Viño, do Hotel Nande (adega Señorío de Rubiós, As Neves) para celebrar a súa xubilación. Foi unha selección fantástica, perfecta. Ademais da comida e a bebida, puidemos gozar dunhas instalacións e dun entorno que me gustaron moito.

DSC01306 DSC01285 DSC01282

Pareceume unha intervención moi salientábel. Tanto pola parte da rehabilitación, como pola nova construción e pola decoración de interiores.
A obra, a dous niveis, mínima desde a cota principal e moi aberta á paisaxe, xira arredor da presenza maxestosa dunha árbore centenaria.
Gustáronme as formas, a sinxeleza, a fusión coa paisaxe, a selección de materiais…, en fin, pareceunme unha actuación arquitectónica feita sen alardes e con moito criterio.

DSC01297  DSC01276

Ademais dun espazo específico dedicado a taberna (degustación dos viños e algo de picoteo), a zona de comida está divida en dous espazos ben diferenciados, un, máis informal, á entrada, e o segundo o comedor convencional. En ambos casos volumes moi claros, luminosos, confortábeis. Ademais, gran terraza exterior que puidemos aproveitar para un agradábel café e a visita da horta na que coidan os vexetais e herbas que logo utilizan na cociña.
O servizo moi atento e correcto, pendente ao segundo dos nosos desexos.

A carta, coma o local, perfectamente diferenciada. Carta Terraza Nande (máis de picoteo), con Táboa de embutidos ecolóxicos (14,75€), Táboa de queixos galegos (9,95€), Ensaladas (ovo de curral con produtos do mar, 10,75€), Tostas (salmón afumado, queixo cremoso, noces e aceite de finas herbas, 4,95), Empanada do día do obrador (8€), Patacas bravas Nande (8,95€), Croquetas cremosas caseiras (6,95€), etc.
Unha carta de Suxestións do día: Caldo galego de grelos con repolo, faba e chourizo (5.95€), Fabas de Lourenzá con lagostinos e ameixas (16.9€), Solombo de vacún galego (23.95€), Lombo de bacallau, puré de coliflor e allada (18.95€), Linguado Menier (22.95€) ou Robaliza salvaxe á espalda (27,95€)…
Ou as Suxestións de Horto e Caza: Croquetas melosas de boletus e trufa, Fabas de Lourenzá con perdiz en escabeche, Arroz cremoso de trompetas da morte con cantarelus e peituga de galiña celta escabechada, Xabarín estufado ao estilo tradicional, Albóndigas de cervo con salsa de setas e foie, Lombo de cervo con castañas de Galicia e membrillo de cabaza…
Xa por último ofrecen un menú de mercado de 18€ durante a semana e 20€ sábados, domingos e festivos (inclúe auga, viño Señorío de Rubiós e café). Hoxe hai o menú de fin de semana que permite elixir un primeiro (Fabas de Lourenzá con chourizo de Lalín e níscalos, Milfolla de berenxena crocante con requeixo e mel, Tosta de lingua marinada con herbas aromáticas… Un segundo (Cordeiro a baixa temperatura, puré de castañas e bouquet de escarola, Hamburguesa de agnus, cebola caramelizada, lascas de parmesán, Mix de peixes rebozados en panko, cremoso de pataca, tallaríns de verduras. E a sobremesa (Filloa de crema de requeixo, chocolate branco e vainilla, Mousse de chocolate con leite, Torta de mazá con xeado de vainilla e chantilli, Red velvet de culler.

DSC01144 DSC01159 DSC0117420191026_144010 DSC01177 DSC01201

Nós vimos co menú pechado que comeza con aperitivos e entrantes que van gañando en tamaño e intensidade. O bocado de mexillón sobre humus, a empanada artesá do día (de mexillóns), o xamón de porco celta, as luras fritidas, o polbo braseada con patacas, pementos e emulsión de pemento, e os gambóns crocantes. Todos a un moi bo nivel; se teño que destacar, e sen facer de menos aos outros bocados, talvez os gambóns e o polbo.

DSC01222  DSC01231  DSC01240

O prato principal, a elixir entre unha selección da carta. Hai que piden o chuletón de vaca ou a croca, pero a maioría tiramos polo cordeiro (perna, cociñada a baixa temperatura e presentada con patacas fritidas, puré de castañas e escarola). Todas as carnes están boas pero, sen dúbida, alégrome da miña decisión. O cordeiro está moi terniño, saboroso, cun aire de herbas aromáticas por riba. Gustoume, moito.

DSC01249DSC01258

A continuación un sorbete para refrescar a boca e romper co salgado, e, de sobremesa, unha filloa de nata con chocolate por riba. A filloa moi boa. Xa cos cafés, chegou un rico roscón.

DSC01267

No tocante ás bebidas, empezamos brindando por Luis co condado, logo pasamos ao espumante rosado (nova brinde) e acompañamos a carne cun novo choque de copas, nesta ocasión do sousón, loxicamente, todos da bodega da casa (Señorío de Rubiós).
Vai por ti, Luis.
Eramos seis e, aínda que non sexa de moi boa educación, conseguimos sacarlle que pagou 30€ por cada un. Coincidimos todos en que se trata dun prezo moi, moi axustado para o que comimos.
Haberá que seguir moi de cerca a este hotel Nande, co seu restaurante Horta e Viño. Co nivel que amosou o sábado é un local moi recomendábel que pode ter moito percorrido por diante.

E xa que de arquitectura se trata, rematamos á tarde cunha visita fugaz, e case sen luz, unha mágoa, á escola infantil de A Veigadaña, en Mos. Edificio moi atractivo dos arquitectos Juan Ignacio Prieto López, Faustino Patiño Cambeiro e Estefanía Grandal, que vén de acadar o premio do COAG 2019 na categoría de equipamentos; tamén resultou finalista dos premios nacionais da FAD (Fomento das Artes e o Deseño), no ámbito de interiorismo e arquitectura. Non puidemos vela no que se intúe todo o seu esplendor, pero si suficiente para facernos a idea de que se trata dunha obra con moita personalidade e atractivo.

DSC01324DSC01330DSC01357DSC01345

Horta e Viño
Hotel da Natureza Nande
(Adega Señorío de Rubiós)
Bouza do rato s/n, Rubiós
36449 As Neves (Pontevedra)
34 886 164 836
GPS: 42.121578N  8.429946O
Facebook
www.srubios.com
Cociña: tradicional
Prezo: menú 18-20€. Carta a partir de 20