en portugal sempre se come ben…

Os españois, os galegos en particular, podemos dividirnos en dous grandes grupos: aqueles que pase o que pase sempre van maldicir das súas experiencias culinarias en Portugal e os que, vaiamos a onde vaiamos, sempre ficaremos satisfeitos.

P10707322

Hai tempo, e nunha guía gastronómica de Portugal, lin algo así como que ‘a culinária faz parte da cultura popular’. E así debe ser, e aí pode estar o miolo da cuestión.
Para algúns, para moitos, Galicia e mais Portugal vivimos unidas por unha millenta de razóns, pola lingua, pola historia, pola paisaxe, por esa cultura en moitos aspectos común e que se traduce en estimar a gastronomía portuguesa coma se fose propia.
Por desgraza, para outros, demasiados, Galicia e Portugal vivimos de costas, separados pola parte menos edificante da historia común e por unha raia artificial que só existe nas cabezas dos que cren nela.

P1070819

Nesta ocasión tratábase de atar un par de cabos que nos quedaban soltos no Douro; São Pedro das Águias, Marialva, o interior de Balsemão… As gravuras rupestres de Foz Côa.
Foz Côa ten todo. Arquitectura moderna, paisaxes espectaculares, un museo fermoso e moi didáctico, un pouco de camiñada, algo de aventura en todoterreo, en fin, as gravuras, que aquí chamariamos petroglifos, declaradas pola UNESCO Patrimonio da Humanidade.
O complexo de arte rupestre prehistórico do vale do Côa destaca tanto pola cantidade de gravados identificados, como pola súa antiguidade desde os 20.000-10.000 anos AC e por haber mostras dos diferentes períodos prehistóricos a partir do Paleolítico Superior e tamén de distintos momentos da historia moderna.

P10707202

Andando por aquelas estradas do Douro un pouco ao leilán, o segundo día, e sen nada previsto, a fame pillounos en Tabuaço cando andabamos á procura de São Pedro das Águias.
Sen ningún tipo de referencias, paramos ás portas da vila, no primeiro local que atopamos: o restaurante dun hotel de poucas estrelas e, así por fóra, aínda menos pretensións. Pero son case as tres e o vermiño do bandullo esixe atención con voz acuciante.

85 Hotel DouroIn Tabuaco 87 Hotel DouroIn Tabuaco

Primeira sorpresa, o local. Moderno, luminoso, cálido, moi coidado, impecable, con mínimos pero perfectos e efectivos detalles decorativos.
Carta moi ampla con especialidades rexionais e, en xeral, da cociña portuguesa.

90 Hotel DouroIn Tabuaco             92 Hotel DouroIn Tabuaco

Carmen vaise por un Bacalhau à braz e eu polo inevitable Arroz de pato. Antes, coa manteiga e o pan, tráennos un xeneroso prato de presunto, salpicão e olivas.
O viño branco da casa é o único punto cuestionable da comida; ao final temos que disimulalo con moita gasosa.
O resto unha auténtica bacanal. As racións cen por cen portuguesas, con unha das dúas tería sido suficiente para os dous. E as preparacións simplemente fantásticas.

94 Hotel DouroIn Tabuaco

De sobremesa dúas copas de xelado. Total, co meu café, pagamos cerca dos 18€. Si, escoitastes ben 18 euros, 20 cunha propina neste caso máis que merecida.
O hotel chámase Douroinn e está en Tabuaço, na avenida do Marechal Carmona s/n.

Hotel Douroinn Restaurante
Avenida Marechal Carmona, S/N
5120-372 Tabuaço – Portugal
Telf: (+351) 254 782 392
Web
Email: reservations@hoteldouroinn.com
GPS: 41º7’0” N (41.116763), 7º34’9” W (-7.569237)
Localización e Maps de Google.


Translate »